Por CARLOS G. REIGOSA

O escritor Julio Cortázar, nacido en Ixelles (Bélxica) en 1914 e morto en París en 1984, é un dos máis grandes e novidosos escritores arxentinos (e, xa que logo, latinoamericanos) do século XX. A súa obra é, toda ela, un prodixio de orixinalidade e de sutileza imaxinativas. Mais, cando lle encargaban un artigo para unha publicación -cousa que sucedía con frecuencia-, cedía á tentación de rebuscar na súa complicada infancia e sacar a paseo os pesadelos que estaban na súa orixe e na propia base argumental das súas mellores creacións literarias. Porque el tivo -xustamente como titulou un artigo- «unha infancia medrosa».

Mais, curiosamente, esa infancia chea de sombras, dobras, faiados e sotos, aportoulle moi cedo o terror que o conduciría axiña pola vía das lecturas imaxinativas e non das crónicas vivas. Así se foi collendo da man de Edgar Allan Poe e doutros autores «nos que o real e o fantástico se fundiron nun horror unívoco que literalmente me enfermou durante meses e do que nunca curei de todo». Un medo que o encheu de infelicidade, pero que multiplicou as posibilidades da súa imaxinación e levouno a exorcizala a través da palabra.

Como o propio Cortázar escribiu nun artigo distribuído por medios de todo o mundo hispanofalante, «o neno é o pai do home», e por iso é esencial recoñecer as atmosferas orixinais para decatarse de onde vén todo. E o de Cortázar xurde dese medo que encheu de infelicidade ó neno que foi, pero que tamén, como ben dixo, «multiplicou en cambio as posibilidades da miña imaxinación e levoume a exorcizalo por medio da palabra; contra o meu medo inventei o medo para outros…, aínda que está por ver se eses outros mo agradeceron. En todo caso, creo que un mundo sen medo sería un mundo demasiado seguro de si mesmo, demasiado mecánico. E eu desconfío dos que afirman que nunca tiveron medo; ou menten ou son robots disimulados, e hai que ver o medo que me dan a min os robots». Cortázar liberouse dese medo abrindo vías propias na literatura. Algo que resultou xenial.

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]