A oposición pide á Xunta manter a candidatura galega e afea « avances mínimos » no desenvolvemento da Lei Paz Andrade tras cinco anos.

A Xunta de Galicia freou a súa candidatura para entrar a formar parte como observador asociado na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa despois de que Asuntos Exteriores lle manifestase o seu interese en que fose o Estado español, no seu conxunto, o que entrase.

Así o informou este martes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante unha comparecencia parlamentaria para dar conta da evolución da Lei Valentín Paz Andrade, na que se recollen accións deste tipo para fomentar os vínculos coa lusofonía.

En concreto, o acceso como observador asociado de Galicia á CPLP fora proposto e reclamado por unanimidade na Cámara galega. Con todo, explicou Valentín García, tras comunicarlle esta opción ao Goberno central, Exteriores « manifestou o seu interese porque fose o Estado español o que ingresase como membro observador asociado ».

Esta posibilidade, indicou, « está a xestionarse » e « aínda se está dando corpo á presentación desa candidatura ao próximo pleno », algo que « cambia », recoñeceu o secretario xeral, a forma na que « Galicia se vai ver representada ».

A OPOSICIÓN RECLAMA QUE SE MANTEÑA

Ante esta situación, os grupos da oposición criticaron este « retroceso » e reclamaron á Xunta que manteña a candidatura galega, porque « non son excluíntes ».

« Non entendemos que non sexa compatible coa candidatura do Estado español », dixo a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao, que asegurou que esta situación « fai retroceder un pouco os avances que se foron dando ». « Non se trata de confrontar as dúas candidaturas, se non entender que podemos manter a nosa », resolveu.

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil acusou á Xunta de « renunciar » a que Galicia « presente a súa candidatura » e, con iso, « romper un acordo unánime desta cámara », así como que « se supedite a representación de Galicia » á do Estado.

« Trasladámoslle, con absoluta rotundidade, que o BNG ten un compromiso firme de que sexa Galicia a que ingrese e desenvolver a súa propia representación », engadiu Rodil, que lembrou que esta opción está presente na lexislación.

Na mesma liña, Ánxeles Cuña, do Grupo Común da Esquerda, reclamou que se « abran as portas » para « levar adiante » tamén a candidatura galega, unha cuestión para a que xa « hai moito traballo feito ».

Fronte a isto, Valentín García lembrou que a CPLP é unha agrupación de « Estados » e indicou que á Xunta non lle parece « coherente » que « na mesma convocatoria » do pleno « concorran España e Galicia » con dúas candidaturas. « Non parece moi coherente que, no mesmo acto, entre o Estado e unha parte dese Estado », resolveu, sen descartar por completo que nun futuro poida retomarse a opción galega.

LEI VALENTÍN PAZ ANDRADE

Na súa intervención, Valentín García deu conta dalgúns datos da evolución da lei Paz Andrade, sobre todo no relativo ao ensino do portugués en Galicia.

Segundo os seus datos, no curso 2019-2020 estudaron portugués case 2.900 alumnos de ensino secundario e bacharelato, 280 máis que o curso anterior. En conxunto, sumando os alumnos das escolas oficiais de idiomas, sumaron 3.726 estudantes.

Ademais, o pasado curso, lembrou o secretario xeral, convocáronse « por primeira vez » prazas específicas de profesorado de portugués en ensino secundario, un total de catro, mentres que no caso da educación primaria, onde o curso 18/2019 comezou este ensino como proxecto piloto, conta con 500 alumnos.

Valentín García puxo en valor, dentro desta iniciativa, a formación do profesorado na materia, as xornadas para auxiliares de conversación ou os lectorados en lingua portuguesa e alumnos universitarios neste idioma, que « cada vez son máis ».

Do mesmo xeito, tamén fixo fincapé nas implicacións culturais desta lei, como os convenios de coprodución cultural ou o traballo conxunto no ámbito audiovisual, á vez que considerou que a homenaxe a Ricardo Carballo Calero nas Letras Galegas de 2020 debe ser « un motivo para reflexionar e falar moito da relación coa lusofonía ».

Entre outras cuestións, Valentín García referiuse tamén á incorporación do portugués como primeira lingua estranxeira no sistema electrónico de facturación da Xunta e mencionou as queixas en materia de lingua recibidas pola Xunta, 34 en 2019, das que 22 foron referidas a entidades públicas e 12 a privadas.

« AVANCES MÍNIMOS »

Os grupos da oposición, nas súas quendas, consideraron que, cinco anos despois da aprobación desta lei, os avances logrados son aínda « mínimos ».

Nesta liña, Paula Vázquez Verao asegurou que « faltan prazas docentes de lingua portuguesa en secundaria », onde « só sete teñen a categoría de especialistas » e no ámbito audiovisual « o desenvolvemento segue sendo parcial ». « Non cremos que esta lei estea desenvolvida », explicou.

Pola súa banda, Olalla Rodil advertiu unha « distancia importante » entre « o discurso grandilocuente da oportunidade que supón para Galicia » esta norma « co que logo son os feitos ». As cifras en educación, explicou Rodil, « avanzan, pero pinga a pinga », e o estudo do portugués en primaria supón « o 0,3% » do alumnado, un número « anecdótico ».

Pola súa banda, Ánxeles Cuña criticou que Política Lingüística non facilitase un « documento previo » cos datos da comparecencia e un informe por escrito da evolución da lei, que só alcanzou, na súa opinión, un « incremento pírrico » do ensino do portugués en Galicia. « Nada ten que ver cun proxecto serio e contundente », resolveu.

Finalmente, Concepción Burgo, do PSdeG, comparou a situación de Galicia coa de Estremadura, onde o portugués conta con 20.000 estudantes. « Hai un estancamento que non é aceptable », engadiu, tras o que considerou que « a vontade non se ve por ningún sitio ». « Necesitamos cen anos a este ritmo para chegar ás cifras actuais de Estremadura », finalizou.

A deputada popular Sandra Vázquez, pola súa banda, congratulouse do traballo do Goberno galego neste ámbito e animou a Valentín García a continuar « na mesma liña », xa que « con pasos pequenos pero firmes se pode avanzar ».

En canto á cifra de estudantes, a deputada do PPdeG lembrou a « liberdade dos alumnos » para « elixir o que desexen » e non a través da « imposición ». « A lingua portuguesa é optativa, lémbrollo », dixo á oposición.

[Imaxe: omundialfalagalego.com – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]