A asesora lingüística da canle pública pasará a realizar labores de asesoramento e non só de corrección.

Estudio da Radio Galega

directora operativa dos Servizos Informativos da CRTVG, Pilar Bermúdez, acaba de remitir un comunicado interno aos traballadores da Radio Galego nos que lle informa de cambios no servizo de asesoramento lingüístico da canle pública a partir deste 27 de xaneiro para “mellorar a calidade do idioma no conxunto da emisión”.

Trátase de situar a asesora lingüística da RG como encargada da revisión do conxunto da programación da radio “tras as carencias detectadas nas 24 horas de programación de todas as canles de emisión”. Deste xeito, e segundo esta orde, alterarase a rutina habitual que seguía o Departamento de Informativos da canle pública.

A partir de agora, esta profesional realizará “recomendacións ou indicacións de obrigado cumprimento” sobre cuestións lingüísticas aos redactores, pero deixará de ocuparse da “corrección total” dos textos.  Isto significa que os redactores que queiran corrixir un texto terán que solicitar a súa presenza.

Fontes da dirección consultadas por GC aseguran que estes cambios veñen motivados porque a correctora “pasa todo o día a corrixir efes e uves”. “Os redactores dispoñen do Ortogal, o traductor da Universidade de Vigo, para esas cousas e non pode ser que teña que ser a asesora en lingua galega a que teña que pasar todo o día a facer un traballo que por estatuto teñen que facer os redactores, que é escribir ben en galego”, apuntan. “Ela está para asesorar se hai dúbidas, pero non para exercer permanentemente de correctora de textos”, indican.

Outras fontes consultadas aseguran que o traballo dos asesores lingüísticos “é precisamente, corrixir o traballo do redactores” e non entende este novo cambio nin as novas tarefas que vai desenvolver. “A ver se serve para que axude aos colaboradores e tertulianos castelán falantes da radio, que son a maioría, a que falen mellor galego”, apuntan.

[Imaxe: crtvg.es – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]