O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Lisboa coa directora xeral da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, Georgina Benrós de Mello

O Goberno galego reforza a integración de España nesta organización internacional a través da súa participación como Observador Asociado

A CPLP recoñece o compromiso e interese de Galicia coa lingua e a cultura portuguesas e o seu papel de ponte entre as culturas de fala hispana e lusófonas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Lisboa coa directora xeral da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), Georgina Benrós Mello, para abordar a forma da posible integración de España como Observador Asociado deste organismo.

Esta integración estaría baseada sobre todo nos estreitos vínculos de Galicia coa Lusofonía a partir de ser lugar de orixe da lingua portuguesa. Tamén suporía para Galicia unha grande oportunidade grazas a intercomprensión entre o galego e o portugués. A figura de observador asociado aplícase a Estados onde, aínda que non teñen o portugués como lingua oficial, existe unha comunidade de falantes de portugués de certa entidade ou, como sería o caso de España, onde unha das linguas cooficiais do Estado ten similitudes e comparte orixe co portugués, razón na que o galego, como lingua orixinaria do portugués, sitúe a Galicia no entorno da lusofonía.

A Xunta, no proceso de preparación da candidatura de Galicia como membro desta comunidade, mantivo unha posición moi activa cando se lle comunicou unha posible integración de España na CPLP e amosou este interese nos seus intercambios co Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. Ademais, presentou un documento de traballo coas achegas e forma de colaboración da nosa comunidade sobre as condicións, o papel de centralidade e o xeito de formar parte desta organización internacional.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou que a acción exterior cos países da comunidade lusófona supón unha grande oportunidade no ámbito cultural, polas oportunidades de intercambios e proxectos conxuntos; e no económico, grazas ao enorme mercado constituído por máis de 250 millóns de falantes en portugués dunha decena de países.

O Goberno galego aprobou en 2014 a Lei Paz Andrade, para aproveitar a vantaxe lingüística que supón os vínculos coa lusofonía para fomentar o ensino e o aprendizaxe do portugués, o que permite valorizar o galego como una lingua con potencialidades e con utilidade internacional. Nesta liña, non se coñecen precedentes no seo da Unión Europea de fomento, a través dunha lei propia, do coñecemento dunha lingua oficial dun Estado membro veciño.

Pola súa banda, os responsables da CPLP recoñeceron o compromiso e interese de Galicia coa lingua e a cultura portuguesas así como o papel de “ponte” entre dúas culturas de forte presenza internacional como son a española e a portuguesa. Nesta liña, a organización destaca que a nosa comunidade colaborará en organismos para levar a cabo actividades concretas no ámbito cultural, económico, marítimo ou na cooperación ao desenvolvemento. Ademais, a CPLP convidou á nosa comunidade a participar no Cumio de Luando de setembro de 2020, no que se aprobará a adhesión de España como Observador Asociado do organismo.

Observadores Consultivos da CPLP

A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa é un foro multilateral creado en 1996 e orientado á cooperación entre os seus membros. Nela participan todos os Estados que teñen a lingua portuguesa como oficial e moitas outras entidades vinculadas ao ámbito da lusofonía e con intereses estratéxicos, económicos, sociais ou culturais compartidos.

Ademais de formar parte desta organización os Estados onde se fala portugués, contémplase a figura do Observador asociado que se solicita para España e a de Observador Consultivo. A figura de Observador Consultivo comprende organizacións ou entidades non estatais con especiais vínculos coa lingua portuguesa.

No caso de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Academia Galega de Lingua Portuguesa son, desde o ano 2016 e co apoio da Xunta de Galicia, observadores consultivos da CPLP. O status que teñen as dúas institucións supón que Galicia pode estar presente nas xuntanzas temáticas da CPLP, intercambiar información nesa rede de Estados e entidades internacionais, e servir de ligazón permanente entre a CPLP e a cultura e a lingua galegas.

[Fonte: http://www.lingua.gal]