Varios libros publicados ou reeditados rescatan a terrible e postergada experiencia das mulleres nos campos de concentración nazis contada por sobreviventes do xenocidio

Recluídas de Auschwitz  usadas como traballadoras escravas de camiño ás factorías nazis. MUSEO DO HOLOCAUSTO DE EE.UU.

Por HÉCTOR J. PORTO

Como ocorreu no 2019 cando se cumpriron 80 anos do inicio da Segunda Guerra Mundial, o 75.º aniversario da liberación de Auschwitz -o 27 de xaneiro de 1945 o Exército vermello abriu as portas do campo de exterminio, unha data que a ONU converteu no Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto– está a tirar da recuperación da literatura testemuñal, co rescate ou a reedición de libros nos que sobreviventes dan conta do horror vivido no lager. A abafadora nudez do relato de Primo Levi en Si isto é un home non podía ser unha excepción (máis un millón de persoas foron asasinadas o campo de Auschwitz).

É máis, nese doloroso proceso da memoria, botábase de menos a presenza de voces femininas, que permanecían postergadas, silenciadas na ampla historiografía da Shoah. Tampouco o diario do peche de Ana Frank podía ser un caso único. Á espera de que chegue ao castelán o gran proxecto da historiadora inglesa Agnes Grunwald-Spier (Budapest, 1944), que tamén pasou polo gueto húngaro, Women’s Experiences in the Holocaust. In Their Own Words, que erixe a partir de dietarios e cartas de setenta vítimas, esta urxencia non puido alcanzar mellor resposta que a publicación do traballo de investigación de Heather Dune Macadam no que exhuma a historia do tren das 999 mulleres de Auschwitz (Roca Editorial). Estudosa do Holocausto, seguiu a pista das sobreviventes para contar a peripecia esquecida destas mulleres que, sostén, chegaron ao campo no primeiro convoi, o 26 de marzo de 1942.

Vagón utilizado para transportar xudeus ao campo de Auschwitz durante o Holocausto, nunha imaxe tomada ahi uns días. NORA SAVOSNICK/REUTERS

Case un milleiro de xudías solteiras de entre 16 e 35 anos ás que o Goberno de Eslovaquia recrutou baixo o enganoso reclamo de ir traballar durante uns meses á Polonia ocupada. Elas aceptaron o servizo confiadas, seguras de que despois regresarían aos seus fogares. Foron enviadas a Auschwitz. Empregando licenzas de novelista, Macadam narra o antes destas mulleres, o durante e (para as sobreviventes) o despois de Auschwitz, como regresaron arrasadas, envellecidas, e, ademais de atoparse cos seus fogares baleiros, clausurados, tiveron que soportar a sombra da sospeita: ¿que terían feito elas para non morrer no campo como as súas amigas?

Detalle da ficha policial de Charlotte Delbo tras a sua detención en París como membro da Resistencia, antes de ser deportada. YAD VASHEM

O selo Libros do Asteroide -que dirixe o editor vigués Luis Solano– recupera o testemuño da escritora francesa Charlotte Delbo (Essonne, 1913-París, 1985) do seu confinamento nos campos de concentración de Auschwitz e Ravensbrück. O volume reúne os dous primeiros tomos da súa imprescindible triloxía Auschwitz e despois (Ningún de nós volverá e Un coñecemento inútil). Delbo, integrante da Resistencia francesa, foi deportada a Auschwitz en xaneiro de 1943. Viaxaba nun convoi con outras 230 mulleres -que pasaron a formar parte da súa narración, que adopta un novo punto de vista feminino-, das que 49 sobreviviron. Comezou a escribir o seu relato pouco despois da súa liberación, pero cando concluíu gardou o manuscrito nun caixón, medorenta de que o texto «non fixese xustiza ao horror do vivido», segundo apunta Solano. Así permaneceu durante dous decenios ata que en 1970 accedeu a publicar un libro que se converteu na primeira entrega da futura triloxía.

A memoria descarnada e fragmentaria de Ginette Kolinka queda ao fin sobre papel coa axuda da xornalista Marion Ruggieri en Regreso a Birkenau, que agora trae ao castelán Seix Barral. Ela, aos seus 94 anos, volveu en varias ocasións ao lugar do campo de exterminio, e alí, sobre o terreo, explicou a novos estudantes como funcionaba aquela maquinaria xenocida. Kolinka perdeu ao seu pai, o seu irmán pequeno e o seu sobriño, gaseados nada máis chegar. Ela houbo de pasar polos campos de Auschwitz-Birkenau, Bergen-Belsen e Theresienstadt (onde traballou nunha factoría de repostos para aviación) para finalmente verse liberada en 1945.

A nena Liliana Segre en brazos do seu pai, ambos acabaron en Auschwitz (el non sobreviviu). E, á dereita, Ginette Kolinka, nunha visita a Auschwitz, explicando aos mozos o funcionamento do campo. ARQUIVO CDEC, FONDO FOTOGRÁFICO LILIANA SEGRE/FRANCE 24

Tres italianas

O testemuño de tres mulleres italianas deportadas a Auschwitz –Liliana SegreGoti Bauer e Giuliana Tedeschi– conforma o volume Como unha ra no inverno (Altamarea), que preparou a escritora, ensaísta e guionista Daniela Padoan, que entrevistou a estas sobreviventes. É moi coñecido o caso de Liliana Segre, que, apenas contaba trece anos cando foi enviada, xunto ao seu pai, a Auschwitz. Ela foi un os 25 mozos que saíron con vida de Auschwitz de entre os case oitocentos menores de catorce anos italianos que alí foron confinados. O seu pai pereceu. Aos seus 89 anos, Segre -senadora vitalicia en Italia- tivo que soportar recentemente ameazas de grupos neofascistas tras a aprobación dunha moción contra o antisemitismo que impulsara, e ata tivo que aceptar a protección de escoltas.

Unha visitante observa un depósito de zapatos de prisioneiros de Auschwitz no museo do campo de concentración. EUROPA PRESS

No pequeno libro dos grandes valores (Alenta), Meirav Kampeass-Riess recupera a historia da súa avoa Edith Roth, que sobreviviu ao Holocausto e puido iniciar unha nova vida en Israel. O relato viaxa ata 1938 para mostrar a unha familia xudía a través dos ollos de Edith, que entón tiña 16 anos e vivía nunha contorna feliz na localidade húngara de Selish. Todo se esborralla coa invasión nazi, que dá paso ao gueto e despois a Auschwitz. A rapariga transfórmase en muller ás alancadas, farase forte e logrará sobrevivir.

Piera Sonnino, do silencio a un relato privado para as súas dúas fillas

Outra italiana sobrevivente -como Segre, Bauer e Tedeschi- foi Piera Sonnino (1922-1999), que gardou silencio sobre o seu cativerio en Auschwitz durante moito tempo. Ata 1960 non se decidiu a mecanografiar unhas páxinas (60) para que polo menos o seu esposo e as súas dúas fillas, Bice e Maria Luisa, albiscasen o inferno que vivira. Cando Piera faleceu, elas remitiron o texto -celosamente gardado nunha carpetilla vermella- a un xornal que impulsaba un proxecto para a recuperación da memoria cívica. Foi así como A noite de Auschwitz, un relato privado, tomou forma de libro. Traído ao castelán polo exquisito selo Ardicia a finais do 2018, narra a deportación e o exterminio en Auschwitz de todos os seus seres queridos. Comeza coa laminación das liberdades dos xudeus italianos -coas leis raciais que Mussolini adoptou do Terceiro Reich en 1938, e incluso antes coa chegada a Xénova en 1934 dos primeiros xudeus expulsados de Alemaña-, o arresto en 1944 da familia Sonnino (Piera, os seus pais, os seus cinco irmáns) e o seu traslado ao campo de tránsito de Bolzano e despois a Auschwitz. Ela pasou tamén por Bergen-Belsen e Braunschweig; foi liberada en maio de 1945. Con gran sobriedade e precisión -moi notables para alguén que non é escritora-, Sonnino ofrece un relato estremecedoramente digno da súa experiencia concentracionaria.

Vías de ferrocarril que daban acceso ao complexo de exterminio Auschwitz II-Bikernau e polas que chegaban os trens de prisioneiros xudeus, nunha imaxe tomada despois da liberación. AUSCHWITZ MUSEUM/REUTERS

Hélène Berr, Zofia Nalkowska, Etty Hillesum, Gertrud Kolmar, Némirovsky

Xa fai dez anos, no 65.º aniversario da liberación de AuschwitzAnagrama publicou o Diario que Hélène Berr (1921-1945), unha nova estudante da Sorbona, escribiu ata 1944, cando foi deportada (cos seus pais) a Bergen-Belsen, onde morreu un ano despois. Tamén apareceu no selo Minúscula Medallones, reunión de contos de Zofia Nalkowska nunha de cuxas pezas relata como centos de mulleres viaxan cara a un campo de concentración durante días nun vagón selado, no verán, aglomeradas, sen auga, enzoufadas de excrementos, ouveando toleadas. Escribiuno tras participar na comisión que investigou os crimes nazis en Polonia, cunha prosa espida e o espírito da reportaxe xornalística.

En Xa sabes que volverei (Galaxia Gutenberg, 2017) a escritora barcelonesa Mercedes Monmany indagou a vida e a obra de tres grandes escritoras mortas en Auschwitz: Etty HillesumGertrud Kolmar e Irène Némirovsky.

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]