Nunha carta dirixida aos gobernos, os investigadores sinalan que a adopción de tecnoloxías de vixilancia “obstaculizaría catastroficamente a aceptación por parte da sociedade en xeral” das aplicacións que poden rastrexar e frear unha segunda vaga de contaxios após o confinamento.

Debate tecnológico trascendental en la lucha contra una segunda ola del virus: ¿cómo identificamos a los contagiados?

Un grupo de máis de 300 especialistas en privacidade e seguranza informática asinaron na pasada segunda feira unha carta aberta dirixida aos gobernos para pedir que eviten implementar solucións tecnolóxicas na súa loita contra o coronavirus que “a longo prazo, poidan dar como resultado sistemas que permitan unha vixilancia sen precedentes da sociedade”.

“A actual crise de COVID-19 non ten precedentes e necesitamos formas innovadoras para saír dos confinamentos actuais”, recoñecen na misiva. Alén diso, sinalan que “as chamadas ‘aplicacións de rastrexo de contactos’ dos teléfonos intelixentes poden mellorar a efectividade da técnica de rastrexo de contactos manual” para detectar persoas potencialmente contaxiadas do virus, un aspecto considerado chave para frear a doenza. No entanto, destacan que este tipo de tecnoloxías “só deben ser usadas para apoiar medidas de saúde pública para a contención de COVID-19. O sistema non debe ser capaz de recompilar, procesar ou transmitir máis datos dos necesarios para lograr este propósito”.

Os asinantes da carta inclúen investigadoras e investigadores de máis de 25 países que estudan as diferentes alternativas sobre como implementar estas tecnoloxías de forma ética e segura. Unha delas é Carmela Troncoso, enxeñeira de orixe galega do Instituto Federal de Tecnoloxía de Lausana (Suíza), ámbito en que se desenvolveu o protocolo DP-3T una das iniciativas máis encomiadas neste sentido.

Ver imagen en Twitter

A carta representa unha chamada de atención aos Estados en pleno debate xurídico e político sobre as iniciativas tecnolóxicas para rastrexar as persoas contaxiadas de coronavirus após os actuais confinamentos e evitar unha segunda vaga da doenza. Esta conversa é especialmente intensa en Europa, despois de que tanto a Comisión Europea como a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomendasen a semana pasada aos gobernos a adopción dunha tecnoloxía dixital común para rastrexaren os contactos das persoas contaxiadas.

Investigadores europeos, apoiados por gobernos como o español, preparan un sistema baseado no bluetooth dos móbeis con este obxectivo. Con todo, no seo deste consorcio xurdiu un cisma sobre quen almacena eses datos.

Neste caso o debate vira á volta do uso de sistemas centralizados ou descentralizados. Nos primeiros, a información dos contactos persoais que tivo un cidadán son almacenados en servidores do Estado ou algún ente europeo. En troca, se se fai de forma descentralizada, eses datos son gardados nos móbeis particulares. Non saen de aí en ningún momento e non hai maneira de que un terceiro poida consultar con quen estivo en contacto unha determinada persoa.

“Algunhas das propostas baseadas en bluetooth respectan o dereito do individuo á privacidade, en tanto outras permitirían (a través dun uso fraudulento) unha forma de vixilancia do goberno ou do sector privado que obstaculizaría catastroficamente a confianza e a aceptación desa aplicación por parte da sociedade en xeral”, avisan os asinantes da carta.

Na Europa, Alemaña defende a opción centralizada e di que xa está preparada para lanzar un sistema baseado nela, aínda que non o fixo público.

No outro lado está este grupo de especialistas, as axencias de protección de datos europeas, o Parlamento Europeo e outro grupo de países en que Suíza asume a liderado. A Secretaria de Estado de Dixitalización, nexo do Goberno español co PEPP-PT, aposta tamén polo modelo descentralizado, segundo puido constatar eldiario.es.

[Fonte: http://www.esculca.gal]