Albert Memmi deixa unha elaboración teórica que permite explicar as consecuencias últimas da dominación dun pobo por outro. Analiza os efectos sociolóxicos e psicolóxicos da opresión para abrir camiños de liberdade e achega categorías doutrinais decisivas na conformación do pensamento galego.

As contribucións doutrinais de Memmi non escapan ás críticas da dereita e da esquerda eurocéntrica.

Un artigo de Cilia Torna

O pasado 22 de maio finaba en París, onde residía desde había décadas, Albert Memmi. A súa morte prodúcese nun contexto de silencio da oficialidade pero tamén das correntes políticas e de pensamento debedoras das súas importantes contribucións e dos seus esforzos por ofrecer un marco de comprensión da condición dos dominados. A súa obra teórica contextualízase nun movemento da historia da humanidade no que as nacións explotadas polo colonialismo inician un novo camiño liberadas dos grillóns das metrópoles. A súa achega doutrinal emparenta coa produción de autores como Frantz Fanon, Aimé Cesaire ou Paul Baran, e responde á mesma preocupación de dotar de razóns os movementos de liberación nacional.

Memmi enfronta desde neno as contradicións da realidade colonial. Nado en Túnez en decembro de 1920, fillo de xudeus de posición acomodada, persoa de cultura e lingua árabe e educado nos rigores do uniformismo que caracteriza o réxime de dominación francés. Os seus primeiros anos pásaos en diversas institucións educativas francesas en Tunisia, Alxeria e Francia, onde ao igual que outros dirixentes dos movementos anticoloniais toma conciencia da súa condición en debate cunha esquerda francesa enfrontada a calquera de concesión de liberdade ás súas colonias. O camiño de Memmi, escribe o seu amigo, o presidente do Senegal, Leopold Senghor, é o de “todos aqueles mozos que vimos a luz no ventre da besta” e a súa obra é “unha especie de documento á cal todos os historiadores da colonización deben referirse”.

‘Retrato do colonizado’

A obra máis coñecida de toda a produción ensaística de Albert Memmi é Retrato do colonizado precedido do retrato do colonizador. O volume editado en 1966 toma como base unha serie de artigos publicados polo autor á volta de 1957 nas revistas Esprit e Les Temps Modernes e está acompañado dun prólogo de Jean Paul Sartre, un dos poucos intelectuais da esquerda francesa que asume a causa das nacións dependentes e que aposta pola independencia de Alxeria. “Após este libro todo está dito sobre o colonialismo”, sinala Sartre no limiar, para continuar afirmando que “na medida en que os oprimidos aprenden a ver na súa inferioridade a causa da súa opresión, debilítase a súa capacidade de oposición”.

A publicación revela os mecanismos comúns á maioría das opresións e debuxa con exactitude a conduta do colonizador e do colonizado. O autor significa o colonialismo como un “sistema baseado na explotación política, económica e cultural” que “esnaquiza economicamente o país dominado” e “impide o seu desenvolvemento”. Ao tempo, sinala que “o desgarro esencial do colonizado atópase particularmente expresado e simbolizado no bilingüismo”, destaca “o conflito lingüístico no que vive o colonizado, coa súa lingua nai humillada” e cualifica “o bilingüismo colonial” como “un drama lingüístico”. As conclusións son evidentes, “non hai outra saída para a colonización que a súa destrución e a independencia para os colonizados”.

Explotación  do ser humano

Os traballos de Memmi representan o primeiro esforzo por tentar explicar, empregando as categorías do pensamento anticolonial, as diversas formas de explotación que enfronta o ser humano. Son varias as súas achegas á problemática da muller, destacando Defensa dun tirano, onde segue as formulacións de Simone de Beauvoir e fai súa a expresión de Marx, “as mulleres son os proletarios do home”. Na mesma liña, ocúpase da cuestión da homosexualidade cando o debate está excluído da esfera pública e non fai parte aínda da axenda dos movementos sociais e políticos.

As súas contribucións doutrinais non van escapar ás críticas da dereita e da esquerda eurocéntrica. A discrepancia con esta última non é unha cuestión exclusiva de Memmi, senón común aos teóricos do movemento anticolonial. A este respecto, destaca a xa clásica Carta a Maurice Thorez, de Aimé Césaire na que critica o “asimilacionismo inveterado ou o chovinismo inconsciente” do Partido Comunista Francés, afirmando que “se a meta de toda política progresista é devolver a liberdade aos pobos colonizados, precísase, cando menos, que a súa práctica non entre en contradición con estes obxectivos”.

Memmi cargou contra a esquerda europea por “adoptar unha actitude de crecente rexeitamento fronte ao colonizado”, por “reaccionar negativamente fronte ás súas demandas” e porque “segue crendo que a revolución verdadeira virá da metrópole”.

[Fonte: http://www.nosdiario.gal]