Un artigo de L. C. Carballal

O artigo “Nomear invertebrados com C.G.” de Joám Lopes Facal dando a coñecer a aparición dun “Dicionário de Zoologia e sistemática dos invertebrados” do profesor Carlos Garrido, sérveme de acicate pra divulgar –pois temo que haxa moita xente que aínda descoñeza a súa existencia– que hai un proxecto en marcha que vai dotar o noso idioma coa capacidade de denominar calquera especie viva coñecida do noso mundo. Este proxecto chámase “A Chave” e pódese consultar na páxina web: achave.gal, onde aos poucos se van colocando listaxes de léxico ordenadas por ordes ou familias pra que calquera galegofalante poida consultar como se denomina calquera especie catalogada da Fauna e maila Flora mundial.

Seguramente debería ser un traballo elaborado por algunha das nosas institucións lingüísticas –e temos unhas cantas: Instituto da Lingua Galega, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, etc.– ou científicas –tres universidades coas súas facultades correspondentes e a Real Academia Galega de Ciencias–, mais é unha iniciativa privada dos “bos e xenerosos” a prol da nosa lingua, porque seica as institucións adicadas ao estudo do noso idioma coidan que tendo o castelán á man pra que dotar o galego de tal capacidade léxico-científica?

Ende mal, aínda hai moitos “gallegos” que lle negan ao noso idioma a capacidade de abranguer calquera ámbito da ciencia, como as Matemáticas, a Física e a Química consonte a nosa Consellaría de Educación, porque non é adecuado, de xeito que este proxecto é toda unha rebelión contra os ditames do “españolismo” que non quer un galego culto, preparado pra falar de calquera disciplina científica.

Emporiso, o proxecto segue o seu curso e paseniño vai dotando o galego de toda esa terminoloxía científica que moitos lle negan, así xa se poden distinguir as diferentes especies de “lodoeiro” ou Celtis spp. e saber que o nome presenta as variantes “lodueiro” e “lidueiro” e ten como sinónimos “lodón” e “maroubeira”; porque están a disposición os vocabularios adicados á botánica, gran parte dos invertebrados e á maior parte dos vertebrados (aves, anfibios, réptiles e a maioría dos mamíferos). Ende mal, de pouco proveito vale tan nobre labor se se segue a botar man do castelán pra denominar calquera especie exótica como se fixo na tradución de dúas obras finesas onde nunha se opta por “glotón” (< es. glotón < fr. gluton) e na outra por “glutón” (< pt. glutão < fr.) –nome este admitido como sinónimo pola Chave pro non considerado preferente–, variantes dunha verba inexistente e innecesaria en galego, no canto do recomendado “gulo” pró “Gulo gulo”, latinismo en consonancia con outros moitos empregados pra denominaren especies exóticas (Ex.: gacela, antílope, alce, facóquero, leopardo, rinoceronte, suricata, licaón, caracal, etc.) que amais ten a virtude de explicitar a proverbial gula deste gran mustélido nórdico. Ou se o dicionario da RAG asume o castelanismo “mangosta” contra a adaptación do orixinal “mangusta” (< fr. mangouste), como propón A Chave, cunha explicación ben detallada; aínda que a pobreza cuantitativa e cualitativa da nomenclatura científica do “dicionario oficial” daría pra un longo artigo.

Obviamente ningún vocabulario é definitivo porque a mesma ciencia tampouco o é e conforme avanza na análise do ADN dos seres vivos vai recoñecendo ou eliminando especies, por este motivo a propia A Chave vai revisando e actualizando periodicamente as súas diferentes listaxes con ampliacións e modificacións consideradas de rigor. Que ninguén esixa ao galego o que non se esixe a outras linguas, porque, por exemplo, na Lista de las Aves de España de 2012 da Sociedad Española de Ornitología aparecen varias reformas na denominación patrón castelá das aves observadas en territorio español a respecto de anteriores listas. Os nomes casteláns foron fixados primeiramente polo ornitólogo Francisco Bernis no seu Prontuario de la Avifauna Española en 1954 e modificados pola SEO en traballos posteriores; actualmente hai unha edición de 2019 que inclúe tamén a súa denominación patrón en galego. Así na última lista da SEO os antano “ratoneros” do xénero Buteo spp. pasan a ser “busardos” –termo non recollido polo dicionario da RAE–, a “águila culebrera” (Circaetus gallicus) muda pra simplemente “culebrera europea” e o “halcón abejero” (Pernis apivorus) pra “abejero europeo”, o popular “ánade real” (Anas platyrhynchos) muda de apelido: “ánade azulón”, e a “polla de agua” (Gallinula chloropus) de nome: “gallineta común”, pasan a nomes de especie a outrora “hubara” (Chlamydotis undulata) que é agora “avutarda hubara” e a “ortega” (Pterocles orientalis) que é “ganga ortega”, e mudan de nome xenérico a “lechuza campestre” (Asio flammeus) por “buho campestre”, a “lechuza de Tengmalm” (Aegolius funereus) por “mochuelo boreal” e o “pito negro” (Dryocopus martius) que pasa a “picamaderos negro”, etc., en fin, que nada é pra sempre e menos no eido da nomenclatura científica e a súa tradución ás linguas vernáculas.

Por certo, as devanditas aves denomínanse segundo “Os nomes galegos das Aves” (A Chave, 4ª ed., 2019): miñatos, cobreira (común), abelleiro (común), lavanco (común), galiña do río, hubara africana, cortizol de barriga negra, curuxa das xunqueiras, moucho de Tengmalm e picapau negro.

Cando o magno proxecto remate o galego estará entre o moi selecto grupo de idiomas con capacidade pra denominar toda especie animal ou vexetal coñecida da Terra. Poucos idiomas, mesmo estatais, teñen tal instrumento pra estudar e divulgar a natureza de calquera recuncho do planeta. Así que, por favor, cando teñan que denominar algunha especie do noso planeta no canto de consultar calquera guía especializada española boten man dos vocabularios da Chave, o galego agradecerao.

[Fonte: http://www.praza.gal]