Os galegos que viven no Brasil enfrontan tamén as posturas do goberno de Jair Bolsonaro, entre elas a “imposición” da cloroquina para combater o coronavirus. Brasil é o epicentro do coronavirus actualmente.

O goberno federativo de Brasil non centralizou as  políticas activas para facer fronte ao coronavirus no país. É máis, o goberno de Jair Bolsonaro está fomentando o uso da cloroquina, un medicamento contra a malaria, para frear a COVID-19 dentro do país. Esta decisión xa levou á dimisión de dous ministros de Saúde e colocar no posto a un militar experto en loxística. Un militar que usa avións para levar aos enfermos dun lado a outro en busca de camas.

A falta de iniciativa do goberno federativo fixo que os gobernos estatais e municipais tomasen as súas propias iniciativas. “No Amazonas, onde vivo, estamos vendo especialmente a falta de actividade deste desgoberno”, sinala Iago Amoedo, doutorando en Antropoloxía Social.

As medidas do goberno brasileiro non contemplan o illamento social mais si o uso de cloroquina, un medicamento contra a malaria. Esta decisión sen base científica serviu para a aprobación do protocolo da cloroquina polo ministerio de Saúde, encabezado por un militar que “se dedica a contratar avións con UCI para pasear os enfermos cara onde hai camas dispoñíbles”. O investimento noutro tipo de tecnoloxías e medicamentos “nin se fala máis”.

Sen unha “cabeza visible” que capitalice a loita contra a pandemia, cada goberno estatal ou municipal aplicou as medidas que veu como máis axeitadas. Isto tivo consecuencias como as críticas do presidente brasileiro contra gobernadores e gobernadoras que decidiran aplicar a corentena ou confinamento nos seus estados. Estas accións serviron para que o goberno federativo comezase “unha guerra mediática” contra esta autoridades.

Esa confrontación e polarización da sociedade foi a mesma estratexia que levou ao poder a Bolsonaro, “obrigando aos seus seguidores a posicionarse dentro da guerra fratricida contra todas e todos os que defenden outra narrativa. “Ou estás comigo, ou estás contra min, é o seu lema”, di Iago Amoedo.

GALEGOS E BRASILEIROS FRONTE A COVID

“Todos e todas as galegas que vivimos aquí traballamos desde as nosas casas, temos traballos maioritariamente estables”, di Amoedo. Sábese que parte da comunidade galega que vive en Brasil teletraballa, por tanto estaría aplicando medidas de aillamento social. A estas alturas non se coñecen os efectos da COVID entre galegos e galegas dentro do país latinoamericano.

Outra das consecuencias é que a Amazonia está sufrindo a incidencia da COVID en comunidades indíxenas e agrarias. O goberno central decidiu crear un auxilio, unha axuda, de 600 reais durante tres meses. “Iso é un pouco máis da metade do salario base”. Houbo filas de xente para poder reclamar as axudas que “foron sendo liberadas primeiro por mes de nacemento”.

As condicións para facer fronte á pandemia desde hospitais nos estados da Amazonia é descrita por Amoedo así: “Itaituba é un concello de mais de 100.000 habitantes e ten 4 camas; Santarém ten 300.000 e tiña 20 respiradores”.A capacidade deste último foi aumentada en máis de 30 camas. “A poboación que atende é de mais de un millón de persoas e 50 camas de UCI”.

FUTURO A MEDIO PRAZO

A hipotética dimisión ou moción de censura contra Bolsonaro é moi difícil. Algúns galegos residentes desde hai uns anos no Brasil ven moi factible que o actual presidente se alíe con partidos de “centro”, o que se chamarían aquí “partidos chave”, para apoiar gobernos e saíren beneficiados polos seus apoios.

A vía xudicial para retirarlle a presidencia ao actual mandatario tamén é impensable de momento. Mesmo seguidores de Bolsonaro lanzaran foguetes contra o edificio do Supremo Tribunal Federal. Este Tribunal enviou unha serie de mandados de investigacións sobre persoas do gabinete presidencial ou relacionadas co mesmo. E dentro de toda esta situación “son máis de 1.000 mortes por día”.

[Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]