Morreu polas complicacións dunha caída sufrida nos últimos días

 

O compositor italiano Ennio Morricone faleceu hoxe aos 91 anos nunha clínica de Roma polas complicacións dunha caída sufrida nos últimos días, segundo avanzan os medios locais. Morricone (Roma, 1928) morreu durante a noite na clínica Campuos Biomedico da capital, onde se atopaba despois de que hai uns días sufrise unha fractura de fémur por unha caída, informa Efe.

O laureado mestre, soado polas súas composicións para películas como a Triloxía do Dólar de Sergio Leone, fora galardoado co Premio Princesa de Asturias das Artes 2020 xunto a outro dos grandes compositores, o estadounidense John Williams.

Un dos seus catro fillos, Marco Morricone, explicou a Efe que o funeral será «estritamente privado». Nun comunicado difundido aos medios a familia asegura que se pretende respectar «o sentimento de humildade que sempre inspirou os actos da súa existencia».

O músico «conservou ata o último momento unha plena lucidez e gran dignidade» e púidose despedir da súa esposa, María, que lle acompañou en todo momento.

Morricone asinou algunhas das bandas sonoras máis memorables da historia do cine. Inesquecibles son os seus temas para o pai do Spaghetti western, Sergio Leone, naquela Triloxía do Dólar protagonizada por Clint Eastwood: Per un pugno dei dollari (1964), Per qualche dollaro in più (1965) e Il buono, il brutto, il cattivo (1966).

Entre os seus centos de creacións destacan a que fixo para Nuovo Cinema Paradiso (1988) do seu amigo Giuseppe Tornatore, The mission (1986) ou Novecento (1976), de Bernardo Bertolucci.

No 2006 Morricone coroou a súa portentosa carreira co Óscar honorífico. E unha década despois, no 2016, gañouno pola banda sonora que creou para o western The Hateful Eight (2015) de Quentin Tarantino, unha composición que lle valería outros recoñecementos como un Globo de Ouro ou o Bafta da Academia Británica.

Italia lembrou este luns ao mestre polo seu «xenio» creativo e as súas lendarias bandas sonoras para o cine e agradeceu o seu memorable legado artístico, informou EFE.

O primeiro ministro, Giuseppe Conte, escribiu nas súas redes sociais: «Lembraremos sempre, con infinita gratitude, o xenio artístico do mestre Morricone. Fíxonos soñar, emocionar, reflexionar, escribindo notas memorables que permanecerán indelebles na historia da música e do cine». Pola súa banda, o ministro de Cultura, Dario Franceschini, dixo que se trata de «un día triste para a cultura. Déixanos un músico de refinada competencia que coas súas melodías fixo emocionar e soñar a todo o mundo, que lle outorgou os maiores e máis importantes premios e recoñecementos, como o Óscar».

Numerosas personalidades da política rememoraron ao mestre como «xenio universal» ou «orgullo nacional» e encomiaron a súa obra como todo un «patrimonio da humanidade».

 

[Imaxe: DYLAN MARTÍNEZ/REUTERS – fonte: http://www.lavozdegalicia.es]