Detalle da escena mariñeira de Francisco de Sales Covelo interpretada por Díaz Pardo. Obra patrocinada pola World Fishing Exhibition e situada no exterior do Museo do Mar de Galicia, Vigo. 

Por L.C. Carballal

Copiando case o título da obra máis emblemática de Castelao fago unha reivindicación e un chamamento ao uso correcto do nome do noso país no noso idioma: “En galego sempre Galiza”. E fágoo dende a convicción de que o nome da nosa nazón importa, tanto prá autoafirmación como pobo coma na reivindicación da nosa cultura. Nestas pasadas eleicións o BNG foi o único partido relevante que empregou o noso correcto topónimo, os demais asumen a forma castelá, ende mal admitida e recomendada pola RAG.

A histórica diglosia da nosa sociedade levou á desaparición de moitas verbas importantes da nosa fala cotiá: pobo, Deus, pai e nai/mai –substituídos por “padre” e “madre” na linguaxe formal–, igrexa, estrada, etc.; e o noso topónimo de país e o seu xentilicio non foron excepción: as patrimoniais “Galiza e galego” substituíronse polas formas usadas na lingua “culta”: “Galicia e gallego”. Velaquí un paso fundamental na desaparición dunha cultura, que esta asuma a denominación foránea ou exónimo como propia, por isto todo pobo que se reivindica usa o seu propio nome ou endónimo, e mailo seu xentilicio vernáculo, pra se denominar, así: Euskadi/Euskal Herria e euskaldun por País Vasco/Vascongadas e vasco, Catalunya e català por Cataluña e catalán, Breizh e breton –coincide o singular pro non o plural: “bretoned”– por Bretagne e breton –plural: “bretons”–, Cymru e cymro por Wales e welsh, Sápmi e sami por Lapland e lappish/lappic, Aotearoa e maori por New Zealand e new zealander, Kalaallit Nunaat e kalaallisut por Grønland e grønlandsk, Wallmapu e mapuche por Araucanía e araucano, Paraguái e avañe’e por Paraguay e paraguayo, etc.

Pois ben, en Galiza fíxose o traballo a medias: restaurouse o xentilicio vernáculo (“galego”) pro asumiuse o exónimo toponímico: “Galicia”. Porque segundo a RAG é “ voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna”. Xa no seu momento, o “Estudo crítico das NOMIG” feito pola AGAL (1983) refutaba esta decisión cunha manchea de argumentos convincentes, mais ao ser unha crítica reintegracionista fíxose caso omiso.

Hobo que agardar á reforma ortográfica de 2003 pra que a RAG admitise “Galiza” como forma válida, malia o seu amplo uso literario moderno, rexistrado en 1886 por primeira vez en “O Galiciano” e logo usado a miúdo dende 1913 (O Tío Pepe) en diante, quizais coidándoo un lusitanismo, sen base ningunha, por mor de que o portugués conservou o topónimo e o xentilicio patrimoniais galegos. O TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega) recolle 6.046 rexistros de Galiza fronte a 18.405 de Galicia, o que dá unha porcentaxe de case un 25% no seu emprego moderno. Agora a RAG considera que “Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo”, non precisamente grazas a eles.

No entanto, a explicación dada pola RAG, evita aclarar a verdade histórica no uso de ámbalas formas admitidas: que a forma oficial “Galicia” aparece tamén en textos medievais xunto á forma predominante “Galiza”. Se se consulta o TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) é doado comprobar a innegabilidade da miña aseveración: Galiza e variantes rexístrase 149 veces no s. XIII contra 4 rexistros de Galicia e variantes; no s. XIV o resultado é de 91 rexistros da primeira contra 8 da segunda; e no s. XV hai 108 rexistros de Galiza e 37 de Galicia. En total o TMILG recolle 351 rexistros de Galiza/Galjza/Galyza (coas variantes: Galisa, Galiça, Galliza, Gallisa e Galliça) –hai tres rexistros sen datar– contra 49 de Galicia (coas variantes: Galisia/Galysia, Gallicia, Gallisia/Gallysia e Galliçia), dos cales non hai que obviar que 37 pertencen ao s. XV, o máis castelanizado. Stricto sensu a forma gráfica “Galicia” só aparece 8 veces contra as 19 de “Galisia/Galysia” ou as 18 de “Gallisia/Gallysia”, e as minoritarias 3 de “Galliçia” e 1 de “Gallicia”; mentres que a forma gráfica “Galiza” é a máis rexistrada con 209 veces, tanto no total medieval coma en cada un dos séculos: 88 no s.XIII, 37 no s.XIV e 83 no s.XV, seguida de “Galliza” con 85, “Galisa” con 22, “Galliça” con 14, “Galiça” con 13 e “Gallisa” con 8. Debería resultar esclarecedor que os textos saídos da corte do rei Afonso X empregaban sempre Galiza nos escritos en galego e Galicia nos escritos en castelán, ou que a única forma usada nos textos literarios é Galiza (Estudo crítico das NOMIG. AGAL, 1983). Tanto en Galiza coma en Galicia as variantes con ele dobre imitaban a escrita da forma latina orixinal: Gallaecia, mais a pronuncia sempre era “lateral alveolar sonora”, dado que na escrita medieval non había unha correspondencia única entre fonema e letra, e por isto tamén o sufixo –za se representaba como –sa e –ça e o –cia como –sia e –çia. A única verdade é que a forma “Galicia” se impón cando a lingua galega deixa de se usar como idioma escrito preferente na nosa terra, do mesmo xeito que tamén se impón o xentilicio “gallego”, que ninguén reivindica como forma autóctona, malia que esta forma está rexistrada 15 veces (gallego, gallegos, gallega –non se rexistra “gallegas”–) nos textos medievais fronte a 65 rexistros da forma con ele (galego, galegos, galega –non se rexistra “galegas”–), aínda que a pronuncia tamén era sempre “lateral alveolar sonora”.

Imaxínase alguén que un pobo digno use un exónimo pra se denominar na súa lingua: Germania/Germany/Allemagne no canto de Deutschland, Anglaterre por England, Ireland por Éire, Sweden/Suède por Sverige, China por Zhongguo, Japan por Nihon, Greece por Elláda, Montenegro por Crna Gora, Morocco/Maroc por Al-Maghrib, Hungary/Ungarn por Magyarország, Armenia por Hayastán, Egypt por Misr, etc. E, sobre todo, que pensaríamos de alguén que di vivir en Spain e que é spaniard cando fala en galego ou castelán? Daquela nós por que o facemos?

Como denominamos o noso país di moito de como o sentimos e o queremos: escoller entre Galicia ou Galiza non é un asunto banal.

 

[Imaxe: CC-BY-SA Lmbuga – fonte: http://www.praza.gal]