Varios tuiteiros rememoran o xesto do escritor coincidindo coa convocatoria deste ano por parte da Consellería de Cultura.

10 anos pasaron dende o simbólico xesto de Agustín Fernández Paz para denunciar a política lingüística de Núñez Feijóo, que por aquel entón aínda estreaba a súa primeira maioría absoluta postbipartito. O galardón en cuestión era un dos Premios da Cultura Galega, que a Xunta ofrecía para valorar a « excelencia » en múltiples campos das artes, dende á pintura ó audiovisual, pasando, evidentemente, pola literatura.

O afamado autor de literatura xuvenil declinou entón recibir o premio outorgado pola Xunta aludindo a que este estaba « hipotecado » pola « agresión á mesma cultura que finxe reivindicar ». O xesto do escritor, falecido en 2016 aos 69 anos, foi recuperado nos últimos días por varios usuarios de Twitter que compartiron a publicación da editorial Hugin e Munin.

O rexeitamento de Agustín Fernández Paz coincidiu coa publicación dun manifesto asinado por intelectuais e representantes do mundo da cultura galega que, baixo o título « Rosalía nunca aceptaría ese premio » convidaban ós galardoados a declinar o recoñecemento en protesta pola política lingüística de Feijóo á fronte da Xunta. Agustín Fernández Paz estaba entre os signatarios.

 

[Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]