Rebeca Quintáns (Arzúa, 1964) é unha filóloga que se doutorou en xornalismo en Madrid cunha tese sobre o discurso de Juan Carlos I que deu pé a unha investigación sobre a monarquía española baixo o mecenado de Pepe Rei, outro xornalista galego que desenvolveu a súa carreira profesional fóra do país, a través da editorial Ardi Beltza. Froito daquela investigación apareceu no ano 2000 Un Rey golpe a golpe. Tres lustros despois, a autora, que nunca abandonou o interese pola casa real española, actualizou aquel volume coa publicación en Akal de Juan Carlos I: la biografía sin silencios (2016). A finais do ano pasado estivo na Coruña, convidada pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, para unha das escasas presentacións desta obra, agochada ao gran público por un sistema mediático que serve aos mesmos amos que o monarca e a súa familia.

Rebeca Quintáns:  «Felipe é igual que Juan Carlos, defende os privilexios do mesmo grupo»

O libro é case unha enciclopedia do personaxe. Rebeca Quintáns detalla os anos de formación do futuro monarca, unha vez que a Lei de Sucesión establece, en 1947 (apenas once anos despois da instauración da República), a continuidade do réxime unha vez morto Franco a través da monarquía. Como a educación de Juan Carlos estivo en mans dos militares e do OPUS, e fóra de España das casas reais «ambulantes» europeas. A autora percorre toda a biografía de Juan Carlos, que en 1965 xurou os Principios del Movimiento e converteuse nunha peza máis da Operación Lolita que desde Washington esbozaba a política da futura monarquía. Quintáns conta polo miúdo como se construíu o Rei, quen fixo parte do seu equipo (Fernando Morán, un dos Solana, Javier) como foron aparecendo os futuros fontaneiros (Manglano, Armada), como o búnker traballou para condicionar Lolita e para «vestir el franquismo con un nuevo traje», «no reformar las leyes, sino su interpretación» (Torcuato). «La institución monárquica fue y es una herramienta clave del mismo poder político-económico franquista», escribe Quintáns nunha afirmación que condensa o papel dos Borbóns desde a vitoria franquista até hoxe na historia do Estado español.

Por que sostés que a monarquía é chave na estrutura do Estado español? Disque as monarquías están aí, que non gobernan nin teñen un peso político específico, mais iso non é certo. Teñen unha función moi clara. E falo das monarquías modernas europeas, porque se miramos outras, pois xa son directamente medievais. A función destas monarquías europeas é seren a cúspide dunha pirámide de poder en sociedades nas que manda unha oligarquía económica, unha casta. O poder simbólico da monarquía contribúe a soster esa pirámide. O seu rol é dar apoio a esa estrutura de poder, que non é a que vende a televisión: con eleccións, representantes e esas cousas… en realidade o Rei rompe coa separación de poderes na que teoricamente se basea a democracia española. O Rei é como aquelas bonecas de papel ás que lles cambiabas o vestido: agora telo con uniforme militar, como xefe dos exércitos; agora coa toga dos maxistrados, como máxima autoridade da Xustiza; agora co traxe de empresario, marchando cos empresarios facer negocios ao estranxeiro… Está na cúspide de todos os poderes e, tamén, na do poder político. Vímolo agora, o Rei é quen inaugura cada nova lexislatura, quen recibe os líderes políticos, quen acepta o candidato.

Fira Literal 2017. Entrevista a Rebeca Quintans (Akal ...

Quen fai parte desa pirámide do poder? Esa estrutura de poder que coroa o Rei está formada por uns centos de familias no Estado español, que foron as que animaron á guerra nos anos trinta e que a guerra se desenvolvera como se desenvolveu, matando roxos a fartar. Algunhas xa estaban aí antes de Franco e outras enriquecéronse e fixéronse poderosas durante o franquismo. A nómina desa elite pódese tirar das listaxes da aristocracia ou dos equipos directivos e dos accionistas das empresas do Ibex-35. Agora hai un cambio xeracional e os que tiveron o poder na etapa de Juan Carlos están pasando o poder aos seus fillos. Eu sosteño que a monarquía está aí para protexer os privilexios deste grupo social.

Foi Franco quen puxo o Rei. Eu penso que o Rei puxérono os mesmos que puxeron a Franco, por dicilo así. Desde o día que Alfonso XIII marchou, comezaron a organizarse para restaurar a monarquía. Xente moi poderosa. Familias. O golpe de Estado do 36 estaba pensado para restaurar a monarquía. Franco decidiu outra cousa e as elites apoiárono, entre outras cousas porque o franquismo foi un gran negocio no que se fraguaron grandes fortunas e se reforzaron as vellas actualizándose en novas actividades económicas. Gozaron de todo o apoio do réxime, que lles deu monopolios, man de obra escrava, terreos e propiedades incautadas… Máis tarde foron planificando o que viría despois de Franco.

Recentemente, en 2014, substituíron a Juan Carlos por Felipe. A abdicación víase vir? Desde anos atrás eu xa tiña a impresión de que había unha campaña moi forte contra Juan Carlos: o elefante, Corinna… Normalmente esas cousas non aparecían na prensa. Pero iso saíu por algunha razón. Tiña que haber alguén moi poderoso que ía contra Juan Carlos, porque se non esas cousas nunca se terían publicado. E quen estaba permitindo que iso saíse era xente, poderosa, de dentro da casa real. Digamos que foi unha especie de golpe de palacio no que, fundamentalmente, estiveron implicados a raíña Sofía e o príncipe Felipe. Empuxaron e meteron presión para que Juan Carlos abdicase no fillo.

Houbo persoal que axudou a Sofía e Felipe? O xefe de seguridade de Sofía converteuse en xefe de seguridade de Zarzuela xa con Felipe. Había dous bandos, claro… Pense que Corinnas houbo moitas, mais ningún deses asuntos aparecera antes na prensa. Están nos meus libros, si; pero non nas portadas dos grandes medios. O propio caso de Botsuana, o do elefante… Anos atrás pasara aquilo do oso que emborracharan en Romanía para que Juan Carlos cobrase a peza, e sóubose só pola prensa daquel país, non pola española.

Empezou en 2012, por que? As elites financeiras apoiaron o traspaso de poder porque tamén nas elites se estaba a producir o cambio xeracional. Naquel momento tiña lugar unha crise na casa real, o fillo quería suceder o pai. As elites apoiaron a Felipe porque Felipe era o futuro, e convíñalles apoialo porque lles convén a continuidade da monarquía. Había moita xente no allo. Por exemplo, Borja Prado, o fillo de Manuel Prado; mais tamén Felipe González, Alfredo Pérez Rubalcaba… E, neste contexto, falando de Rubalcaba, que non funcionaba como líder do PSOE, o recambio de Rubalcaba converteuse nun problema máis. Igual moita xente xa non se lembra, pero naqueles días dicíase que o candidato Pedro Sánchez era unha proposta de Zarzuela.

 

‘Juan Carlos I, la biografía sin silencios’ Libro de ...

Pedro Sánchez? A candidata do aparato era Susana Díaz. Pero Zarzuela propón a Pedro Sánchez. E deberon pensar que lles valía porque non sería máis que un relevo circunstancial.

Por que se fixan nel? Hai cousas sobre Pedro Sánchez que non se coñecen ou non saíron. Pode ser coincidencia que estudase no mesmo instituto que Letizia. Un instituto público, o Ramiro de Maetzu, no que coincide o mellor do mellor. Despois, pasou por unha universidade privada ultracatólica, o Real Centro Universitario El Escorial María Cristina. Este é un centro caro e cando menos curioso, no que se pode obter por exemplo o Título Superior en Ilusionismo… Pois alí Sánchez estudou dereito ao mesmo tempo que súa nai, unha sindicalista de toda-la-vida e que debeu sacar o título xa case na xubilación. De aí, pasou directamente á política. A min o que me chegou é que Pedro Sánchez foi proposto por Zarzuela para dirixir o PSOE dado o momento conflitivo que ía vivir a monarquía e porque precisaban alguén de moita confianza. Até aí cheguei, pero é un asunto que paga a pena seguir.

Estamos nos anos posteriores ao 15M, nos anos en que aparece Podemos. Si, foron dous procesos en paralelo. O 2014 é o ano das Europeas nas que aparece Podemos e, en xuño, prodúcese a abdicación. Mais non creo que tivesen medo a Podemos. O que podía ser un perigo era o movemento social a partir do 15M, digamos, os votantes de Podemos… As asembleas do 15M, e iso viuno todo o mundo, estaban ateigadas de bandeiras republicanas. E lembre que Podemos empezou dicindo que nin dereitas nin esquerdas, que nada de política, que falar de monarquía ou república era falar de política. Non lles interesaba. Hai vinte e pico anos, as manifestacións republicanas eran catro vellos e moi pouca xente. Iso foi medrando. Agora están cheas de rapaces, e a esquerda en Madrid milita toda no republicanismo. Podemos non estivo nas manifestacións o día da abdicación. Pablo Iglesias estaba en Bruxelas e non regresou ese día. O único que fixo foi pedirlle moi educadamente ao PSOE que non firmase a lei de inmunidade para Juan Carlos e para Felipe.

Que pasou con aquel movemento antimonárquico e tamén contrario á representación institucional que foi o 15M até Rodea el Congreso? O que pasou foi Podemos. Comeu todo… Pasou en Madrid e en todo o Estado. Agora vemos a liña que están a levar. Mais, cando menos en Madrid, se Podemos non convoca, non vai ninguén ás mobilizacións. Foron capaces de controlar todo iso. E na cuestión do apoio a Catalunya iso nótase moito, nótase que Podemos non está.

Como ve a resposta política do Estado español á rebelión catalá, e cal é o papel do Rei? Penso que a estratexia política é aguantar e non negociar. O que resiste, gaña. O Estado ten a forza. Respecto do discurso de Felipe o 3 de outubro, creo que foi unha iniciativa propia del mesmo. E, se temos en conta cal é a súa ideoloxía, o discurso foi incluso un pouco brando. Felipe é moi de dereitas e moi católico. A nai é ultracatólica e esa foi a súa educación. Paréceme que foi un discurso que meditou moito e que suavizou.

Que efecto buscaba? El terá os seus asesores, claro. Alguén lle debeu dicir que a dereita esperaba unha resposta por parte do Rei. E alguén lle debeu dicir que podía gañar puntos. E gañounos. Mire, a monarquía non a defende ninguén… nin case desde a dereita, porque politicamente é indefendíbel. Felipe conseguiu que a dereita radical, os falanxistas, os de Vox, que sempre foron antimonárquicos e anti-Borbóns, estean con el. Felipe fixo o discurso do 3O para gañar puntos, está procurando aliados porque non tiña ningún. Abascal, sempre que di iso de «queren acabar con España», engade o de «queren derrocar o Rei».

A día de hoxe, alguén quere derrocar a Felipe? A nivel estatal, Esquerda Unida leva no programa iso da república, pero en verdade non o pelexan. Podemos nin o ten. Non entendo que desde a esquerda se faga «crítica construtiva» do discurso do Rei ou do papel da monarquía. O Rei non vai chamar ao diálogo na cuestión catalá. O normal é que Felipe faga o seu traballo, que se meta en política e que o faga en contra do pobo, porque non é el, é o sistema monárquico, que está para iso. Un rei progresista? Pois aquel que abdique… pero non para pasarlle a coroa ao seu fillo.

Comparouse ese discurso de Felipe do 3 de outubro con aquel de Juan Carlos a noite do 23F de 1981? Aquel de Juan Carlos, co uniforme, foi un paripé. O golpe de Estado do 23-F estivo organizado polo CESID [hoxe, CNI] e polo Rei. Aquel discurso non salvou ningunha democracia de nada… mais quedou esa posverdade, como se di agora. O de Felipe non foi un paripé nin respondía a unha crise de Estado como a de 1981. O que había era unha mobilización moi importante en Catalunya, moita violencia policial e unha situación política delicada. Mais iso non foi unha montaxe. E Felipe non ía desmontar nada para quedar ben. Penso que el e os seus asesores viron a oportunidade de gañar puntos.

No libro contas que aquel golpe do 81 se parou porque fóra do Estado español resultou grotesco ver a un garda civil a tiros co teito do Congreso. Dixeron, hai que parar iso? O plan do golpe quen o escangallou foi Tejero. Pero é que a Tejero non lle dixeran toda a verdade. España é un país das chapuzas e aquilo, organizado por Cortina [José Luis Cortina, comandante do CESID], que non era ningún xenio, tiña que saír mal. O que non quita para recoñecer que despois reconduciran a cousa moi ben. En realidade, o único que non se puxo sobre o escenario foi o goberno de salvación nacional. A posverdade que quedou na memoria colectiva foi aquela mentira repetida unha e mil veces de que Juan Carlos salvou a democracia española.

Mais é unha posverdade que se actualiza, como se fosen refinando o relato. Por exemplo, Javier Cercas. Cercas fai parte de outra xeración de propagandistas distinta aos dos oitenta e noventa. O meu favorito entre estes novos é Javier Ayuso, que era o director de comunicación da Casa Real na época do de Corinna, Botsuana e a abdicación, contratado precisamente para xestionar aquel momento de crise, e que despois pasou a El País. Como traballa esta xente? Pois, hai unha verdade que non pode saír, pero que vai saír porque hai xornalistas preguntando… pero como estes xornalistas son dos bos, consultan con Zarzuela; entón Zarzuela desminte a historia e a continuación fala con outros xornalistas para ofrecerlles unha versión manipulada da mesma historia e que se publicará antes que calquera outra.

Por que no ano 2000 publicou baixo pseudónimo a primeira versión deste libro?  O pseudónimo non protexía moito porque se alguén quería saber quen era a autora, tíñao moi fácil. Mais si que me protexeu digamos nun espazo máis próximo. Eu traballaba como xornalista freelance en Madrid, e calquera dos redactores xefes dos medios que naquela época me compraban as reportaxes terían deixado de facelo. Esa foi a razón principal. O máis difícil non foi iso, foi atopar unha editorial. Atreveuse Pepe Rei. E teño que dicir que non nos tería importado recibir unha querela contra o libro e darlle publicidade no xuízo. Podiamos demostrar todas as afirmacións que se facían. Non se atreveron a ir contra o libro. Pero o xuíz Garzón fechou a editorial e meteu o editor na cadea. Liberouno despois de meses sen chegar a formular ningunha acusación formal… Aquel libro está hoxe fóra de catálogo, pero está neste outro, é a metade del, porque despois continúa até o final do reinado.

Tan delicado é o material do libro para a institución?  A verdade é que toda a información está aí. Case todo é público, espallado por aí e por alí. Gran parte do meu traballo consistiu nun labor de documentación. Por suposto, tamén fixen moitas entrevistas e contáronme algunhas cousas que non se publicaran antes, pero máis que nada as entrevistas serviron para confirmar informacións. O difícil, insisto, é publicar. Pepe Rei atreveuse. Agora, Akal… aínda que penso que non se lle fixo moita publicidade ao libro.

Hazte socio y consigue gratis el libro 'Juan Carlos I. La ...

Para que cre que serviu este libro? Penso que conseguimos acabar coa boa imaxe pública de Juan Carlos, ese rei campechano salvador da democracia… Evidentemente, era mentira. Este libro é unha contribución a iso. Mais parece que non aprendemos nada. Con Felipe é como se todo volvese empezar. Volvemos estar tontos? É un rei diferente? Non o é. A monarquía é un sistema que non pode funcionar mellor, está aí para protexer unha estrutura de poder. No caso da monarquía española non esquezamos que ademais conta cunha impunidade legal que é absolutamente escandalosa. Mais… cambian Juan Carlos por Felipe e pensamos «bueno, a ver este, que parece máis majo, máis preparado». Síntome moi frustrada. Cando temos a todas convencidas de que Juan Carlos non era o que parecía, temos que volver empezar outra vez con Felipe! Felipe é igual que Juan Carlos, defende os privilexios do mesmo grupo económico: os grandes señores do Íbex-35.

Mais parece que Felipe comete erros moito máis á présa que o pai? Parece que si. Está comezando e xa ten tres amigos imputados, ou como se di agora, investigados en asuntos de corrupción. Sigo revisando todo o que se publica. O relato oficial di: eran moi amigos na infancia pero hoxe están distanciados, o Rei niso é moi serio, tamén separou á irmá… De novo, todo un paripé. Les iso nun libro e descobres que na páxina de agradecementos se cita a Ayuso. A respecto de Javier Cercas, do que falabamos antes, a súa versión baséase en asumir a parte da verdade que non se pode negar e con ese material construír un relato no que saia ben parado. Anatomía de un instante é un relato novelesco na que toda a culpa recae nun axente do CESID e Juan Carlos foi enganado. Algo parecido fai nos seus libros Pilar Urbano, que tamén se toma as súas licenzas novelescas e dá unha de cal e outra de area. É a mesma escola, digamos así, de Ayuso. Admito a verdade até este punto e fago un novo relato.

Volvendo ás elites, que pasou coa familia Franco que parece que non conseguiu acceder a esa elite? Están á parte, si. Na transición houbo que lavar a cara do novo réxime. Ficaron fóra. Mais garantíuselles que conservarían todo. Hai que entender que a amnistía foi para os franquistas. Iso é fácil de ver hoxe. Moita xente e moitos partidos que estaban ilegalizados, seguírono estando despois. En canto aos Franco, até o de agora mantiveron a súa fortuna intacta. Ese foi o acordo con eles. Agora quitan os restos de Franco do Val dos Caídos, pero seguen sen esixir responsabilidades polo franquismo… Veremos en que acaba o de Meirás, igual acaban cobrando.

[Juan Carlos I: la biografía sin silencios é máis que un rexistro sobre as prácticas de corrupción inherentes a unha institución como a monarquía, que contamina calquera construción democrática. A obra deixa abertas moitas cuestións sobre os dereitos e liberdades que sosteñen ese edificio. Pódese transformar unha ditadura nunha democracia sen depurar a fondo as vellas institucións? Como e a favor de que se construíron eses relatos míticos da transición? Cal é o papel do xornalismo e os medios de comunicación neste proceso, foron acaso «o novo traxe do franquismo», que dicía Torcuato?]

Vostede xa non vive do xornalismo, agora é mestra nun instituto en Madrid. Que foi daquel xornalismo que aínda se atrevía a cuestionar certas mentiras establecidas como verdades?  Nos anos noventa aínda había fendas no sistema de medios, lugares desde os que podías facer esas cousas que se viñan permitindo desde a transición. Había aquel espazo para o atrevemento xornalístico que non volveu existir despois deses anos. Xa non digo liberdade de expresión, digo atrevemento… porque despois secuestraban a publicación de revistas ou perseguían xornalistas. Existían Cambio 16, Interviú… porque ademais ese xornalismo vendía. Creo que segue vendendo, pero é que hoxe nin para gañar cartos nos deixarían facer ese xornalismo. Eu empecei publicando en Interviú e alí había unha escola de reporteiros de investigación valentes e moi formados. E pagaba ben. Iso foi indo a menos, e hoxe non queda nada. Quedan xornais progres para nada tan atrevidos como aqueles medios da transición. Nos noventa podías facer cousas, traballar como freelance e vivir. Hoxe iso é imposíbel. Os xornais xa non son rendíbeis, non son atrevidos nin pagan. Acaba sendo todo xornalismo voluntarista de opinión, opinión, opinión… para facer reportaxes de investigación hai que ter tempo e recursos. Hai que moverse, as fontes non che veñen á redacción, hai que pasar semanas detrás e tomar viños ou cafés. E pasar horas, viaxar. Encher os pés de lama, como dicían daquela.

Erik Dobaño

 

[Fonte: http://www.esculca.gal]