Este venres cúmprense 140 anos da condena ao poeta, que estivo a piques de ir ó cárcere por unha obra anticlerical.

Curros Enríquez

Curros Enríquez

Era o 28 de agosto de 1880 cando a diocese de Ourense reprobou a obra de Manuel Curros Enríquez ‘Aires da miña terra’. O libro de poemas, que fora publicado nese mesmo ano, supoñía unha aldraxe para a curia, que viu nel « proposicións heréticas » e « blasfemas escandalosas ». O caso chegou á xustiza e ordenouse o secuestro -e destrución- da publicación, así como a imposición dunha pena de 250 pesetas e máis de dous anos de cárcere ó autor, que á parte resultou excomungado.

Aínda que Curros foi finalmente absolto da pena de cárcere e a multa pola Audiencia da Coruña -que contradiciu o veredicto da ourensá- a xornada da reprobación curial quedou para a memoria como un exemplo dos múltiples choques contra os estamentos da época dun autor caracterizado polo seu progresismo.

UNHA VIDA CONSAGRADA Ó PROGRESO

A traxectoria de Curros Enríquez non pode ser comprendida sen facer fincapé no seu estreito vencello político, que en moitos casos o levou a transitar por sendeiros perigosos. Deixou a casa natal sendo adolescente e marchou a Madrid, onde con só 17 anos, participou na Revolución de 1868. Os estudosos da súa vida ven nesas revoltas -que remataron co derrocamento da raíña Isabel II- un punto de inflexión que serviu para asentar os seus ideais democráticos.

Arrincada a súa carreira na prensa -que lle valeu unha ferida de bala na Terceira Guerra Carlista– Curros instalouse en Ourense, onde publicaría con apenas 29 anos Aires da miña terra, a súa obra máis representativa e famosa. O poemario, de inclinación profundamente anticlerical, sentaría un enorme precedente na literatura galega, ata entón cinguida ó costumismo e o intimismo que xermolaron co Rexurdimento.

IGNORADO POLA CRÍTICA

En certa medida, conciencia política do autor de Celanova valeulle a indiferenza e rexeitamento da intelectualidade galega da época. Diso dá proba a escasa traxectoria pública de ‘O Divino Sainete’, outra obra cume que resultou ignorada pola crítica do momento debido ó seu ton anticlerical, segundo autores como Francisco J. Vicente Fernández.

O impacto de Curros Enríquez na lingua e literatura de Galicia foi posto en valor por varios tuiteros que hoxe quixeron lembrar o seu encontro cos poderes da época. A lembranza, por suposto, non foi exenta da súa dose de denuncia. « Menos mal que hoxe en día se protexe a liberdade de expresión », apunta un usuario con retranca.

 

[Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]