Un artigo de Fernando Mahía

Na diáspora galega hai cidades referencia, desas que acumulan oito millóns de historias coma a Nova York de Rubén Blades. Outras aparecen por sorpresa, só de cando en cando. Existen, tamén, todo tipo de emigrantes: os que nunca acaban de marchar do todo ou os que, cando se decatan, levan anos sen pertencer ao país que os viu marchar. Tantas bifurcacións e tentáculos históricos fan que algúns relatos cheguen a incluír a xente coma Azucena e Luís, que nunca viviron noutro sitio que non fose a provincia da Coruña. Porque eles, pese a todo, forman tamén parte dunha pequena historia da emigración aos Estados Unidos.

***

Este fío comeza cando Antonio López Regueira marcha da parroquia de Fisteus, no concello de Curtis, a finais dos anos 50. Antonio deixaba atrás muller e filla e iba buscar a vida coma mordomo nun barco mercante, movemento estraño nun lugar no que os Altos Fornos de Biscaia sempre reclamaron a máis xente que o mar. Logo, coma moitos, apeouse nun porto dos Estados Unidos para iniciar unha nova aventura por esas terras. Pero afeccionado a abrir novas vías para a diáspora, López Regueira non baixou do barco en Manhattan ou Brooklyn, senón que puxo pé en terra na desembocadura do Mississippi, en Nova Orleáns, Luisiana.

French Quarter

No Big Easy, cidade berce do jazz e que vive nunha frecuencia máis similar á dos seus veciños do Caribe que ao dos seus compatriotas, o de Curtis foi, pouco a pouco, acumulando cal formiga. Hábil nas relacións sociais e na cociña, Antonio conseguiu un traballo nun restaurante italiano chamado Venecia, na céntrica rúa de Canal Street. Aos poucos anos, en 1965, e mentres aproveitaba os seus contactos no porto para os negocios, abriu o restaurante The España xunto á súa muller Mercedes, que chegara aos Estados Unidos noutro barco e ca súa filla no colo. Con este local, moi preto do mítico barrio afroamericano do Tremé, e tras mercar unha casa no número 2501 de Royal Street, a metros da Frenchman Street, a familia establecíase así no centro neurálxico da inxente cultura musical de Nova Orleáns.

 2501 de Royal Street, primeira casa de Antonio e Emilia
2501 de Royal Street, primeira casa de Antonio e Emilia

A vinculación co corazón cultural da cidade, sen embargo, duraría pouco. O groso da súa historia acabaría por desenrolarse noutro sector que non tiña nada que ver cos músicos de Tremé ou de Frenchman, cos antros, prostitutas e persoeiros varios do Barrio Francés que tan ben inmortalizados quedaron na Conxura dos necios. O seu era máis mundano, menos bohemio.

En Sesmonde, Mercedes Mahía López, a muller de Antonio, deixara unha familia decentemente grande: os Mahía destoutra parroquia do concello Curtis eran oito irmáns. Foi un dos pequenos, Emilio, o que decidiu seguir en 1970 a estela da súa irmá e marchar tamén cara a Nova Orleáns. Alí, antes de retomar o seu traballo de torneiro que tivera aprendido en Vigo, este Mahía López fixo a súa boa ración de quendas nocturnas tanto no vello coma no novo restaurante The España, que a súa irmá e o seu cuñado moveron en 1973 ao 2705 de Jefferson Highway, en Metairie, un dos primeiros suburbios da cidade de Luisiana.

Tren en Canal Street
Tren en Canal Street

Neste lugar, afastados xa dos trombóns, o brass, a bohemia e a vida relaxada, Antonio e Mercedes crearon un lugar que se convertería no centro da vida dos galegos e españois que foron chegando a este barrio residencial das aforas de NOLA. Entre casas unifamiliares, centros comerciais e beirarrúas sen peóns, nun mundo antagónico ao do centro da cidade, atoparon un lugar que se adaptaba moito mellor ás pretensións cas que case todos chegaban do outro lado do océano, máis orientadas ao traballo e o ascenso na escala social. Esa filosofía foi a que permitiría que os fillos de moitos destes inmigrantes marcharan cara a diferentes universidades dos Estados Unidos aos poucos anos. É o milagre dunha xeración que á costa de traballo puxo aos seus fillos na mesma liña de saída que as clases medias do país. Pero para iso, claro, tiveron que deixar a diversión nun segundo plano.

Mentres tanto, coma se o tema de ter familias moi numerosas fose unha cousa que vai co apelido, na aldea do Porto, a tres quilómetros de Sesmonde, Mercedes e Emilio deixaran a outros Mahía, os fillos do seu tío Emilio, que neste caso os superaban amplamente en número: 14 irmáns. Entre eles estaba un tal Luís, o décimo primeiro dos catorce, que nacera no 1957, pouco antes de que Antonio López Regueira marchara cara a o río Mississippi. Anos despois, os ecos desta viaxe acabarían por chegarlle a el tamén.

French Quarter

Mentres tanto, noutro dos tentáculos que forman esta historia, Luz Divina da casa dos de Manila apareceu nos Estados Unidos chegada dun mundo moi diferente ao destas familias do interior. Na súa terra, en Panchés, cen casas ao carón do Monte Pindo, o normal si era buscar a vida no mar. De feito, na súa familia case que todos cumpriron ca premisa de se afastar da terra firme: seu pai e irmán pasaron longas épocas embarcados; ela, pola súa parte, cruzou o Atlántico co seu marido para chegar aos Estados Unidos en 1975. Primeiro viviron durante catro anos na Atlantic Avenue de Brooklyn Heights, pero aquelo non lle acabou de convencer a Luz Divina. Demasiada cidade, segue pensando ela, para alguén con tanto apego a un mundo de dimensións reducidas como era o seu. Por tal incompatibilidade sentimental, cando unha parella de amigos lle comentou ao seu marido sobre un traballo nas plataformas petrolíferas de Nova Orleáns —máis pequena, máis relaxada, máis similar ao que deixaran atrás— o matrimonio aceptou a oferta sen moitas dubidas.

Aínda hoxe, na mente de Luz Divina permanece fresco o recordo da súa primeira noite en Nova Orleáns. Foi unha especie de acto de benvida no Restaurante España de Metairie, onde se instalaron. Era 1979, nos fogóns estaba un tal Antonio López Regueira que se encargaba da cociña e das relacións públicas, Mercedes Mahía López levaba a barra e as contas e, quizais, aquela noite—a memoria de Luz Divina xa non chega a tanto—, por alá podería andar o seu irmán pequeno Emilio, cubrindo o tempo no que non estaba tras un torno.

De tanto facer vida naquel local, o The España acabou sendo coma unha segunda casa para a familia de Luz Divina, que creou un forte vínculo de amizade con Mercedes. De esta aínda recorda as súas empanadas, as súas comidas, o seu cariño. «Era unha persoa moi apreciada en Metairie», comenta Luz Divina sobre a súa vella amiga, falecida en 2017 coma a antiga matriarca do lugar no que se celebraron vodas, continuas reunións e festas do máis diverso para esa pequena comunidade galega e española que se asentou en Nova Orleáns.

Só o falecemento de Antonio no ano 1984 fixo que o restaurante The España comezara unha costa abaixo que o levaría a pechar pouco tempo despois. Con el se foi parte da vida en común da pequena comunidade galega e española, erosionada co paso dos anos. Asimilados finalmente a maioría deles no país, con fillos que son xa uns estadounidenses máis, a herdanza destes inmigrantes sobrevive pouco máis que nos apelidos, nas historias e nas memorias e nostalxias de cada un.

O final dos anos 80 marcou o comezo do fin para o restaurante The España, pero tamén para un ciclo en Nova Orleáns. A industria do petróleo sufriu en 1987 un dos seus peores momentos do século e na cidade moitos sufriron para saír adiante naquel contexto. Foi nesa época que Emilio Mahía e a súa muller Concha, xa con dous fillos, decidiron regresar a Galicia. A idea, disque, era establecerse de volta na súa terra, pero o regreso non durou máis de tres anos. En contra do que buscaban atopar, na Coruña acabaron por ver que eran eles xa máis americanos do que pensaban ou que, simplemente, a vida neste lado do Atlántico non era para eles. NOLA, ao final, volveunos a acoller.

Dende aquel intento frustrado souberon que nunca máis marcharían do sur de Estados Unidos. Mercaron un taxi que Emilio, aos seus 74 anos, segue a traballar dende o aeroporto de Nova Orleáns en días puntuais, mentres que Concha retornou ao seu anterior traballo, cosendo traxes para as familias ricas do Uptown, no que tamén permanece. A vida por estas terras, segundo di Emilio, non lles puido tratar mellor. Agora, con catro netos, varias propiedades repartidas por Metairie e unha vida sen problemas económicos en absoluto, Emilio explica convencido que a súa vida xa non está en ningún outro sitio que non sexa Nova Orleáns. «Coma din os mexicanos», adoita repetir, «a vaca é de onde pace, non de onde nace».

***

Pese a todo, ese espazo de tres anos no que a familia de Emilio e Concha regresou a Galicia coincidiu ca voda do seu primo Luís do Porto cunha muller chamada Azucena, ca cal formaba unha parella de antagonismos. Da cidade ela, do rural el; filla única fronte a o undécimo irmán de catorce; de costa fronte ao interior; universitaria e obreiro; a mestura, sen embargo, funcionou. E dende aquel ano 88 no que casaron, cada verán marchan unha época á aldea materna na que Azucena pasou cada temporada estival dende que pode lembrar. Aló, na casa que construíu súa avoa, en Panchés, aos pes do Monte Pindo, a escasos cincuenta metros da casa dos de Manila.

Precisamente, Luz Divina dos de Manila, á diferencia de Emilio Mahía, conta que leva vivindo moito tempo dúas vidas. Ela é das inmigrantes que nunca marcharon do todo da súa terra de orixe, que nunca deixou de ter en mente a idea de retornar. «Chamo todos os días á Panchés, ás sete da mañá, para falar ca miña nai dende hai máis de corenta anos», explica. E pese a ir tódolos veráns pola súa casa de Panchés, non foi ata fai uns cinco anos que coñeceu ao marido da súa veciña Azucena.

  • Pois mira, eu teño primos en Nova Orleáns —díxolle el ao pouco de coñecela.
  • E como se chaman? —preguntou Luz Divina.
  • Apelídanse Mahía.

«Madre mía», di Luz Divina que pensou nese momento, «pero que pequeniño é o mundo»; e mentres, lembraba con só escoitar ese apelido todas as vodas, as festas e os fines de semana naquel The España que hoxe xa non existe. De tanto vivir unha dobre vida, Luz Divina ata chegou a sentir nese momento unha dobre nostalxia: do que deixou aquí máis do que non volverá acolá.

Unha nostalxia fronte a que Emilio parece permanecer impasible, máis centrado en facer cálculos co seu teléfono sobre o valor as súas propiedades inmobiliarias repartidas por Metairie que en pensar en se viviu dúas, unha ou ningunha vida. El, xa se sabe, repite iso da vaca e do pacer. E el, pacer paceu, e segue a pacer. Quizais iso lle serve para matar calquera morriña e Galicia, para non asociar máis a súa anterior terra a nada que non sexa unhas vacacións de verán. Así, son estas dúas formas antagónicas de ver a vida e a migración. Unhas que acabaron cruzando os seus camiños en Nova Orleáns pero tamén en Luís e Azucena.

 

[Fonte: http://www.luzes.gal]