Lagar rupestre atopado entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín / Apatrigal

Atopado un novo lagar rupestre situado na Golpilleira, entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín. O novo achado foi comunicado por Moncho Somoza, veciño de Santa Cruz de Arrabaldo, que o puxo en coñecemento dun integrante da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego, que forma parte da Rede do Patrimonio Cultural Galego.
O lagar conserva a laxa granítica aplanada (de 5×5 metros) cun par de estipites rectangulares para sustentar a prensa, cun rebaixe semicircular no que se asentaba o peso da prensa, un oco central para recoller as decantacións das filtracións da cuba, e unha canle vertedoiro que vai dar a unha pía rectangular de decantación, de 40 centímetros de fondo. Pegado á laxa hai unhas rochas altas e sobre elas un marco de termo, composto por unha cruz patada e tres iniciais (P,A,C) que corresponden cos tres concellos (Canedo pertence actualmente a Ourense).
“É difícil datar o achado sen unha intervención arqueolóxica, se ben a maior parte deles dátanse na Alta Idade Media, habendo outros da baixa romanidade e posterior. En canto ao marco, a tipoloxía gráfica permitenos situalo entre 1836 e 1943, data na que se anexiona Canedo a Ourense”, apunta a entidade nun comunicado. O achado xa foi posto en coñecemento da Delegación Provincial de Patrimonio, que procedeu ao seu inventario e catalogación coa nomenclatura GA32054077.

Debuxo de como é o lagar rupestre atopado na Golpilleira, entre Ourense, Punxín e Amoeiro / Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego

Que son os lagares rupestres?

Son as bases de prensas para o esmagado da uva, principalmente, pero tamén para outro froito (amorodos, mazás…) escavadas en rocha natural. Ata agora hai case un cento localizados e atópanse en zonas onde a altitude, orografía e clima son propicios para o cultivo da vide, desde os 25m de altitude, até máis de 800m de altitude.

Polos seus emprazamentos e as súas estruturas van desde a Idade do Ferro e época romana, chegando o seu uso, nalgún deles, até épocas recentes. A datación dun en Castrelo de Miño acredita a súa existencia desde o século II. Os máis primixenios, atendendo ás súas estruturas e a unha contorna con abundantes gravados rupestres de orixe castrexa, datarían de finais da Idade de Bronce.

 

[Fonte: http://www.historiadegalicia.gal]