A xornada de onomástica da RAG analizou o emprego da lingua por marcas e produtos

Elena Ferro, zoqueira de Merza (Vila de Cruces)

Elena Ferro, zoqueira de Merza

 

Os nomes comerciais en galego supoñen un importante elemento que contribúe á normalización da lingua, pero, máis alá desa característica, tamén teñen un valor de seu no mercado. É unha das cuestións que se puxeron sobre a mesa na quinta edición das xornadas de onomástica que organiza a Real Academia Galega, e que nesta ocasión estivo centrada nesas denominacións de marca. Adegas de viño, produtos de artesanía de calidade e outros eidos empresariais foron algúns dos exemplos das sesións, que tiveron que suspender a súa celebración no Museo de Pontevedra e trasladarse ao eido telemático por mor da pandemia.

Ana Boullón, coordinadora do encontro xunto con Luz Méndez, explicou que na paisaxe lingüística as denominacións comerciais son omnipresentes. «Significan, de feito, a maior parte da rotulación, fóra dos nomes das rúas e das pintadas. Pero malia a súa importante presenza, ata o momento apenas foron estudados na nosa contorna dende a onomástica», detallou. É a «onomástica comercial» sobre a que reflexionou na súa intervención o académico Antón Santamarina.

Benigno Fernández Salgado analizou a presenza das marcas galegas na Rede e atopou unha abafante maioría do emprego do castelán. «Censurable é o monolingüismo en español de empresas galegas con facturacións importantes que evitan o galego nas súas comunicacións e promoción en Internet», sinalou. Pola súa banda, as deseñadoras Irene García e Raquel Boo cren que malia esa reticencia das empresas ao galego, cada vez son máis as firmas que se decatan de que «a lingua e a orixe constitúen un valor de marca en si mesmo». Unha reflexión ratificada por Raquel Rodríguez Parada, quen entrevistou a un cento de adegueiros e colleiteiros da denominación do Ribeiro, onde o galego é maioría nos nomes comerciais, «unha boa carta de presentación para vender os seus produtos». Algo semellante ocorre cos zocos da artesá Elena Ferro, quen non só puxo de moda este calzado tradicional, senón que bautiza cada modelo con nomes de aldeas ou parroquias: «Así defendemos os zocos, a nosa cultura e a nosa lingua».

 

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]