« O feito de que a lingua estea a circular nestes espazos é un estímulo para as novas xeracións », recalcou o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes.

Constelación de Saxitario. SCOTT ROY ATWOOD - Arquivo

Constelación de Saxitario

A Real Academia Galega (RAG) presentou a proposta normalizada e oficial dos nomes das constelacións en galego, nun acto celebrado na Casa das Ciencias da Coruña. Trátase dunha iniciativa que busca reivindicar o « uso común en todos os ámbitos » deste idioma.

Así o expuxo o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nun acto que contou tamén coa presenza do coordinador do Seminario de Terminoloxía da institución, o académico Manuel González.

Tamén asistiron, entre outros, Óscar Sánchez Martín Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Io –entidade que colaborou na realización da listaxe–, que reivindicou, na súa intervención, o valor da astronomía.

« O feito de que a lingua estea a circular nestes espazos é un estímulo para as novas xeracións », recalcou, á súa vez Freixanes. Mentres, o responsable do Seminario de Terminoloxía da RAG explicou que o traballo busca resolver as « diverxencias » que había sobre estes nomes.

Así defendeu que a transmisión do coñecemento especializado « debe ter unha normalización lingüística uniforme para todos os usuarios », sinalou sobre o traballo realizado respecto da denominación en galego dos nomes de 88 constelacións.

 

[Imaxe: SCOTT ROY ATWOOD – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]