Unha publicación do Consello da Cultura Galega analiza as conexións entre as distintas linguas ibéricas.

Mapa das áreas dialectais en Entrelinguas

Mapa das áreas dialectais en Entrelinguas

Unha publicación do Consello da Cultura Galega analiza as conexións entre as linguas ibéricas co obxectivo de mostrar as interrelacións entre elas e « pór en contexto a situación do noso país e entendela mellor ».

Galego e castelán son linguas que están en contacto desde hai séculos, aínda que unha ten unha postura dominante e outra minorizada. Non é única interrelación entre idiomas na Península Ibérica, xa que tamén se fala o portugués, o asturiano, o castelán, o vasco, o aragonés, o aranés e o catalán. Amosar as interrelacións entre elas é unha das finalidades deste volume « Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica » que se pode consultar aquí, a última publicación do Consello da Cultura Galega editada por Francisco Dubert-García, Vítor Míguez e Xulio Sousa.

“No mundo hai máis linguas ca estados, polo que a situación de contacto entre elas é absolutamente normal”, asegura Francisco Dubert-García, co-editor desta publicación. “Este libro pretende amosar que existen fenómenos de contacto entre as linguas que conviven. As linguas que viven xuntas acaban por intercambiar trazos (que se adoitan clasificar como interferencias) que adoitan levantar debates identitarios sobre a pureza das variedades en contacto. Nós non pretendemos xulgar nin valorar as interferencias, nin entrar nos debates identitarios: só poñemos enriba da mesa as consecuencias lingüísticas do contacto co convencemento de que, ó analizarmos os fenómenos de cambio asociados a estes procesos, coñeceremos mellor a estrutura das linguas que estudamos”, asegura.

O USO DE TEMPOS COMPOSTOS

Un exemplo claro e próximo é o uso dos tempos compostos en Galicia. Hai galegofalantes que os usan, incorrendo en castelanismos; e tamén existe o caso contrario, castelanfalantes que empregan na súa lingua trazos de orixe galega, adaptacións de formas galegas que toma o castelán de Galicia. Por exemplo, « algúns falantes de castelán de Galicia din cousas coma “me acuerdo cuando fuéramos a Coruña’, que posiblemente é unha tradución directa ‘acórdame cando foramos á Coruña’; outros, pola contra, cambian ese fuéramos por habíamos ido, que é un uso do tempo composto que non é propio do castelán estándar », indica.

As interaccións entre o galego e castelán tamén as trata Alba Aguete Cajiao, quen amosa que existen modelos vocálicos diferenciados en función de se se vive no rural ou nas cidades e analiza a vitalidade da distinción entre e e o abertos e pechados.

Este volume parte do recoñecemento de que as linguas non son homoxéneas, senón cúmulos de variedades que tamén están en contacto entre si. Por iso, amosa posibles análises lingüísticas de situacións de contacto en comunidades que nos son próximas cultural e xeograficamente no ámbito peninsular. Situación que se plasma nos fenómenos de préstamo, interferencia, transferencia e converxencia.

PRESTIXIO DAS LINGUAS

Os autores dos traballos mostran que nos procesos de contacto entre linguas inflúe o grado de prestixio das linguas implicadas, o tempo e a propia intensidade das relacións. A perspectiva desta publicación pretende amosar os factores sociais e lingüísticos, como se ven afectadas as estruturas das linguas implicadas en procesos de cambio por contacto, as interferencias e as converxencias.

O volume compila sete traballos agrupados que mostran tamén distintos enfoques sobre as diferentes posibilidades de contacto entre variedades lingüísticas que van máis alá do galego ou o castelán.

Alberto Gómez Bautista presenta os resultados do contacto do mirandés co portugués, dúas linguas cunha estrutura tipoloxicamente próxima que conviven dende hai séculos no extremo nordeste de Portugal, na rexión de Trás-os-Montes, nunha parte  do territorio da histórica rexión da Terra de Miranda.

Ramón de Andrés analiza a situación de contacto entre outras dúas linguas próximas: o asturiano e o castelán; a relación entre estas caracterízase por unha diglosia ou bilingüismo desequilibrado en favor do castelán. O traballo de Matilde Vida-Castro explora o proceso de contacto entre variedades dunha mesma lingua, como é o caso dos dialectos andaluces e do castelán estándar. Pola contra, no capítulo de Sara Gómez Seibane móstranse os resultados do contacto entre dúas linguas de tipoloxía moi diferente: o castelán e o vasco. Finalmente, Carsten Sinner escribe un traballo máis centrado na crítica metodolóxica, pois analiza como foi tratado o contacto entre catalán e castelán, para mostrar as dificultades que orixina o estudo dos fenómenos de contacto.

[Imaxe: entrelinguas.gal – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]