« Simplificar a normativa e axilizar trámites », entre os obxectivos da futura norma.

Vigo.

Vigo

O Goberno galego deu, na súa reunión semanal deste xoves, o primeiro paso para que Galicia se dote da primeira Lei de arquitectura. En concreto, o Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto polo que se autoriza iniciar o período de consulta previa sobre esta futura norma, coa que Galicia se pretende equiparar a outras comunidades que xa lexislaron na materia, como é o caso de Cataluña e Estremadura.

A arquitectura –remarca o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo– é unha disciplina de interese público, de dualidade cultural e económica que incide directamente na innovación, a sustentabilidade, o progreso e a cohesión social e que se sustenta fundamentalmente nun complexo tecido de profesionais e medianas e pequenas empresas locais.

Entre os obxectivos desta norma está o de establecer as directrices a ter en conta na contratación pública con respecto aos servizos ligados á arquitectura; e definir as titulacións profesionais competentes para « potenciar a seguridade xurídica e reducir a conflitividade competencial » na contratación pública e persoal, así como na tramitación de autorizacións, licenzas e comunicacións previas de obras.

Tamén se busca « unha simplificación da normativa e a axilización de trámites« ; e fomentar o ensino, a divulgación e a sensibilización, especialmente entre os máis novos, sobre a arquitectura como ben e actividade de interese xeral e social.

A Xunta prevé, así mesmo, crear o Consello da Arquitectura de Galicia, con representantes dos colexios profesionais e institucións de ensino, as artes e as empresas.

 

[Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]