A arqueoloxía, a epigrafía e, sobre todo, a onomástica foron campos que Nicandro Ares (1926-2017) cultivou como investigador. En todas estas achegas profunda o volume de homenaxe ao académico correspondente Don Nicandro Ares. Bo e sabio, unha edición a cargo de Javier Diéguez publicada por Vozesnavoz. O libro recolle unha ducia de colaboracións, entre elas o prólogo do académico Xesús Alonso Montero e dous traballos asinados polos tamén académicos Antón Santamarina e Xesús Ferro Ruibal.

As contribucións de Antón Santamarina e Xesús Ferro Ruibal céntranse no labor de Nicandro Ares como estudoso da toponimia. O Seminario de Onomástica da RAG, ao que ambos os dous pertencen, recompilou en 2012 en dous volumes todos os estudos sobre a toponimia galega do académico correspondente, que abranguen case cinco mil nomes de lugar de 36 dos 47 concellos da provincia de Lugo. « Hoxe contamos cun corpus de traballos toponímicos moi notable e de solvencia equiparable á de calquera outro dominio europeo. (…). E un dos alicerces máis firmes é o que proporciona a obra de don Nicandro », salienta Antón Santamarina. « Podo asegurar que arredor da súa persoa, sexa no aspecto humano sexa no aspecto académico, hai unanimidade absoluta: era un home bo e sabio », engade.

Xesús Ferro Ruibal define na mesma liña a Nicandro Ares como « mestre da onomástica galega ». A súa obra, subliña, é en parte autodidacta: « coma algún outro crego lugués, el formouse rompendo a cabeza con documentos dos arquivos eclesiásticos lugueses e lendo os traballos da filoloxía románica e alemá ».

Don Nicandro Ares. Bo e sabio reúne tamén estudos sobre o autor de Argimiro López Rivas, Felipe Arias Vilas, Enrique Jorge Montenegro Rúa, Manuel Rodríguez Sánchez e Ricardo Polín; e mais testemuños  de Adolfo de Abel Vilela, Xosé López Díaz, Anxo González Guerra, Gregorio Ferreiro Fente e Xoán Carlos García Porral.

 

 

 

 

[Fonte: http://www.academia.gal]