A especialista en antroponimia ocupará a cadeira que o pasamento do escritor, poeta e avogado Xosé Luís Franco Grande deixou vacante

A filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962)

A filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962)

Escrito por G. NOVÁS

O pleno da RAG que designou este luns o Día das Letras Galegas do 2021 como homenaxe á poeta Xela Arias, tamén elixiu como académica de número a Ana Isabel Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962), que ocupará a cadeira vacante tras o pasamento do escritor, poeta e avogado Xosé Luís Franco Grande, o pasado mes de marzo. Profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. Ten publicado textos non literarios medievais e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e ademais é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado.

No 2012, lembra a RAG, foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do seu Seminario de Onomástica, aínda que a colaboración coa Academia remóntase aos anos 90. É tamén membro de varias asociacións científicas e preside a Asociación Galega de Onomástica.

A académica electa integrou os equipos que promoveron ferramentas informáticas en liña para o estudo do léxico medieval (Dicionario de dicionarios do galego medieval) e planificou xunto a Xulio Sousa a Cartografía dos apelidos de Galicia), esta última por encarga da RAG. Nestes momentos, está a coordinar a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, en fase de revisión; e a posta en marcha da Guía dos nomes galegos, que estará dispoñible na web da Academia para que o público poida facer pescudas sobre os nomes propios: forma estándar, etimoloxía, posibles variantes, hipocorísticos e equivalencias en distintos idiomas.

 

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]