Aínda hoxe teño vagos recordos de brincar con tres amigos a un xogo no que tiñamos que escoller un país estranxeiro. As eleccións, invariabelmente, eran as mesmas e todas se relacionaban cos destinos migratorios de parentes: Francia, Brasil, Suíza e México. Eu era o de México por causa dunha longuísima parentela que alí fora parar e chegara a facer unha pequena fortuna. Máis tarde souben que, en rigor, sería máis apropiado escoller tamén o Brasil, pois o meu avó Jaime, como moitos outros mozos de Redondela, tiña estado por alí uns anos, o cal, dígase de paso, deu lugar a unha tradición oral e familiar chea de divertidísimas anécdotas.

Sirva este breve episodio persoal para axudar a fixar o seguinte: a emigración en tanto que fenómeno social con múltiples dimensións —afectiva, cultural, económica, etc.— está moi presente na sociedade galega. Até nos xogos dos cativos de entón!

Máis alá do contacto de proximidade persoal ou familiar, o fenómeno migratorio galego ten tido unha presenza importante nos medios e, de maneira determinante, no sistema educativo. De feito, non parece inverosímil considerarmos a emigración como un elemento central da cultura galega contemporánea; isto é, moitos galegos enténdense hoxe, non de xeito exclusivo, mais tamén formando parte dun pobo emigrante, coas súas saudades.

Con esta perspectiva, sorprende en certa medida a escasa atención que a emigración con destino en Portugal ten recibido a nivel institucional, educativo ou até cultural. A sorpresa é maior, para quen isto escribe, cando se compara coa dimensión cuantitativa e cualitativa deste fenómeno. Porque aínda na actualidade falta luz sobre a proporción real, por exemplo, no que respecta ás súas orixes temporais. Cando comezaron a cruzar o río os galegos do norte do Miño? Ademais de que moi probabelmente o río Miño sempre foi navegábel, si sabemos con certeza que no século XVIII a ausencia de conflitos salientábeis entre as dúas monarquías peninsulares e o éxodo luso á conquista das riquezas descubertas no Brasil —Minas Xerais— fixo de Portugal, en acertada expresión recollida polo historiador Domingo G. Lopo, «unhas Indias á beira da porta».

Os motivos de tal desatención débese, na miña interpretación, a dous factores. Dunha banda, o feito de que os enclaves galegos de América acabaran sendo, tralo 36, o destino de significados axentes da emerxente cultura galega —con Castelao á cabeza—, que fixo que o espazo americano destacara para os galeguistas, entre outros; e, por outra banda, unha ampla visibilidade en medios académicos, até o presente. Fronte a isto, a emigración galega en Portugal, nomeadamente a outrora puxante colonia galega de Lisboa, no seo do Estado novo salazarista —apoio fundamental dos golpistas españois do 36—, deixará de ser unha referencia destacada para os galeguistas metropolitanos. Porén, convén ter presente que, especialmente a partir de mediados do século XX, Portugal perde a súa capacidade de atracción migratoria.

Súmase a isto, en segundo lugar, un factor non menor como é o feito de que na Galiza autonómica Portugal convértese nun foco de polémicas varias —nomeadamente a cuestión lingüística— e, en xeral e cos matices necesarios, un referente cultural non promovido polos grupos centrais do emerxente sistema cultural galego. Noutras palabras, a portugalidade desta emigración galega ten sido un obstáculo para acadar o seu (re)coñecemento institucional e social e igualmente a súa pertinencia como obxecto de estudo.

Son estes os motivos, ao meu ver, da estrañeza que eventualmente poderá causar no lector destas páxinas, dito naturalmente coa maior das cautelas, a palabra lisboano ou, en xeral, a emigración con destino a Portugal.

En dirección contraria a este aparente descoñecemento, cabe ter presente o intenso e amplo fluxo que levou a moitos galegos, da zona sur sobre todo, a terras portuguesas, con Lisboa como destino principal. Entre as varias existentes, anoto unha descrición habitual —da autoría de G. Felgueiras— dos galegos en Portugal:

«O grupo racial aldeão, rude e de sã virilidade, massa inculta procedente de Tui, Lugo, Redondela e seus termos, tinha figuras características, com seus matacões, cabelo cortado à escovinha, pescoço cachaçudo, peitaça e braços cerdosos, chancas, boina vasca e amplas calças de bombazina. Repartia a sua actividade pelas mais subalternas ocupações: aguadeiro, condutor de ‘bombas’ para extinção de incêndios, vendedor de rendas, criado de casas de pasto, tascas e botequins, moço-de-fretes (carrejões ou mariolas) e amolador de tesouras e navalhas».

Ás profesións indicadas podería aínda sumarse a de castrador de felinos, como apuntaba outro autor interesado pola materia galega con, probabelmente, intención máis xocosa.

Interior de O notícias ilustrado, dedicado á colonia galega de Lisboa.

Interior de O notícias ilustrado, dedicado á colonia galega de Lisboa.

Este tipo de descricións, porén, non cobran sentido até mediados do século XIX. Como afirmaban en Vida Gallega con indisimulado entusiamo, en 1910, «No son todos mozos de cordel ni son todos aguadores. La crenza de que los galegos saen á recorrer o mundo para desempeñar los cargos máis humildes desapareceu. Todos os eixes y todas las rodas do mecanismo económico de Portugal están influídos polos nosos irmáns». Efectivamente, a partir de mediados do século XIX, grosso modo, comeza a despuntar unha elite entre a colonia galega de Lisboa que, con orixes humildes, consegue pouco e pouco alcanzar logro en diversos emprendementos comerciais Cuantitativamente non son moi numerosos, no medio duns estimados 30 mil galegos que residían na capital lusa, mais si son cualitativamente moi significativos, pois comezan a loitar por outros capitais máis alá do económico. Ademais, os seus éxitos comezan a contrariar unha imaxe abertamente negativa ben fixada no imaxinario portugués, explícita en textos como o seguinte de 1912:

«O gallego vulgar, o que anda para ahi em certos misteres, é uma especie de judeu do que respeita a negocio. Se a sua actividade se encaminha para a taberna ou para o café, o gallego falseia todos os productos que vende; assim como se compraz em nunca dar a medida cabal dos liquidos vendidos nem o peso certo das cousas que se lhe compra.

Além d’isso, na maior parte dos casos é imoral e porco, uma espécie de toupeira que tanto fura por um montão de esterco como por outro solo mais hygienico. A questão é de dinheiro, e o gallego, a trôco d’este metal presta-se a tudo».

Estes emigrantes, oriúndos principalmente da Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, Ponteareas, Salvaterra, Mondariz, Fornelos de Montes, Ponte Caldelas, A Lama… pasan a ser coñecidos na capital lusa e na zona sur da Galiza por lisboanos; e disto dá noticia a cantiga recollida en Caritel na que se destaca a fama de adiñeirados: «Lisboanos de Lisboa/que vides facer ao eido?/Vides enganar as moças/coa sona do diñeiro».

Un dos elementos máis salientábeis dos lisboanos é a duradeira lealdade que moitos estabelecen coas terras de orixe. A relativa proximidade, fronte á emigración americana, parece facilitar o mantemento de lazos fortes co espazo da emigración. Un exemplo magnífico paréceme ser o caso da familia Guisado, orixinaria da parroquia de Pías, en Ponteareas: tendo constancia —grazas ás pescudas do historiador compostelán antes mencionado— da presenza na Lisboa de 1745 dun tal Francisco Guisado, natural de Pías, de profesión moço de saco, en decembro pasado tomei un café en Lisboa cun outro Francisco Guisado, lisboeta de nacemento, mais con segunda residencia en Pías…

O caso da familia Guisado, particularmente a do escritor e político Alfredo Guisado —ao cal teño dedicado algunha atención investigadora— é especialmente ilustrativo das lóxicas dos lisboanos. Nas primeiras décadas do século XX, grazas ao éxito dos negocios familiares, os Guisado naturais de Pías conseguen alcanzar un nivel social que lles permitiu outrora imposíbeis, como é enviar os seus fillos —homes— á universidade. Este, Alfredo Guisado, ademais de avogado chegará a ser deputado na Asemblea da República antes do golpe de Estado de 1926. E, a pesar de estar no lado errado cando a historia literaria estaba a ser escrita, terá tamén unha correcta visibilidade no medio literario portugués como membro fundador do Grupo de Orpheu ao lado de Fernando Pessoa e Mário de Sá-Carneiro, entre outros. Xente d’a Aldea. Versos gallegos, publicado en Lisboa en 1921, con capa de Castelao, foi un dos numerosos libros de poemas que publicou durante as dúas primeiras décadas do século pasado.

A elite da colonia lisboeta, como noutros destinos da emigración galega, pronto sentiu a necesidade de se dotar de organizacións propias para defender os seus intereses, ter espazos onde socializar e, por exemplo, formar unha rondalla. Despois da Asociación Galaica de Socorros Mutuos de 1888, a colonia avanza con Juventud de Galicia, fundada en 1908 e orixe do actual Centro Galego de Lisboa. Nas mesmas páxinas de Vida Gallega, Rogelio Riveiro, membro activo da colonia, celebraba así a nova sociedade: «agora xa son todos máis expertos,/ xa viven asociados/n-a culta sociedá d’os bôs gallegos».

Hai que dicir que o pazo onde se encontra actualmente o centro da colectividade galega foi doazón doutro coñecido e recoñecido lisboano, Manuel Cordo Boullosa, fundador da empresa petrolífera Sociedade Nacional de Petróleo —matriz da actual Galp— e medalla Castelao en 1991.

O relevante emprendedurismo, como se di agora, dos lisboanos deixou marcas notábeis na capital portuguesa. É este, por exemplo, o caso do barrio Estrela d’Ouro, construído polo multifacético empresario Agapito Serra Fernandes, onde se aloxaban moitos dos seus empregados, tamén paisanos seus. Serra Fernandes, en sociedade con outros lisboanos, pasou no seu Cinema Royal o primeiro filme sonoro en Portugal. Nos primeiros filmes portugueses, por certo, non eran raras, así como nas novelas do século XIX, as personaxes galegas.

Ao igual que noutros destinos da emigración galega, os lisboanos avanzaron con varias empresas xornalísticas, as máis efémeras. Nesta dirección, por méritos propios, destacou o polémico Alejo Carrera Muñoz que chegara á capital portuguesa desde Mondariz con tan só 14 anos. Alí fundou a Axencia Telegráfica Radio e creou unha empresa para a distribución de publicacións periódicas, portuguesas e internacionais. En 1916, con 23 anos, é nomeado «socio adxunto» da Real Academia Gallega, en 1920 recibe do Goberno portugués a Orde de Santiago e, o mesmo ano, é nomeado «Caballero de la Real Orden de Isabel La Católica» polo Goberno español. Tamén sería o primeiro edil republicano de Mondariz en 1931. O seu legado, por dicilo así, está hoxe ben presente no Castelo do Sobroso, actualmente patrimonio público, que el reconstruíu e que dignifica e, dalgunha forma, testemuña a lealdade coas orixes dos lisboanos.

Outro dos trazos máis salientábeis da colonia galega de Lisboa foi a incipiente gana de intervir tamén politicamente. É coñecido o interese dos grupos agraristas e republicanos galegos de se promover e financiar nos espazos da emigración o que propiciou unha notábel politización da colonia. Lémbrese a este respecto os pros e contras da experiencia lusa dos galegos emigrados: se dunha banda, para os militantes republicanos, Portugal significaba a partir de 1910 un modelo a seguir, da outra colocaba a moitos en melindrosa posición relativamente á situación política das terras de orixe, das cales, convén non esquecer, foron promovidas incursións militares contra a República. Esta situación, de feito, parece estar detrás dalgún desencontro entre unha parte significativa da colonia lisboeta e algunha prensa galega de signo máis conservador, como é o caso de Vida Gallega, a partir de 1910 perde interese polos lisboanos.

Hai probabelmente unha singularidade da emigración galega a Portugal de fins do século XIX e principios do XX que ten que ver coa centralidade que o Gran Hotel Balneario de Mondariz exerce como espazo simbólico, social mais tamén político para moitos lisboanos. Frecuentado por estes nas vacacións estivais, o establecemento termal da familia Peinador será, como se sabe, un caso de participación da burguesía comercial no programa dos galeguistas. En agosto de 1920, os actos académicos celebrados no Balneario —«tempo de galeguismo» para A Nosa Terra— con motivo do ingreso na Real Academia Galega de Rey Soto e Ramón Cabanillas ou coa homenaxe a Manuel Murguía ilustran a vinculación do establecemento termal co proxecto cultural dos galeguistas.

O agrarismo da comarca do Condado, representado por Amado Garra e El Tea, así como a tendencia abertamente galeguista dos Peinador contribuíron decisivamente para unha obxectivización e problematización da Galiza a unha parte significativa dos lisboanos máis interesados, cabería pensar, no progreso dos seus emprendementos comerciais. Nesta dirección, xunto a Alfredo Guisado —que chegou a ser multado polo goberno civil polas súas actividades agraristas—, significouse Ramiro Vidal Carrera. Ademais de membro fundador de Juventud de Galicia e igualmente empresario de éxito en Lisboa, vai ser o primeiro edil do Concello de Mondariz de 1925 até 1930. Participando nas iniciativas da colonia ou nas súas crónicas publicadas no semanario El Tea significábase publicamente, a miúdo en galego, en sintonía cos postulados galeguistas e agraristas; tamén como literato, por exemplo no poema de 1921 Galicia e Lusitania: «Mentres tanto, os pensamentos / Cruzan os ceos a chorar? / Por Galicia non ser libre, / Por Galicia non voar!…». En fin, parece notorio como os outrora moços de fretes ampliaron progresivamente os seus horizontes e ocuparon novas posicións sociais, tanto en Lisboa como na terra das orixes.

Por último, non podo deixar de engadir o seguinte: o patrimonio material e inmaterial vinculado a esta emigración, particularmente nas terras do Condado e na capital portuguesa, está necesitado, na miña opinión, dun plano máis ou menos ambicioso de (re)coñecemento, capaz de superar as lóxicas localistas e de dignificar unha memoria aínda viva nas poboacións locais, tanto do Condado como en Lisboa.

 

[Fonte: http://www.luzes.gal]