O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía « Verbas sisudas non queren testemuñas ».

Imaxe de satélite dos efectos do incendio que calcinou a parroquia de Rebordechao (Vilar de Barrio), na Serra de San Mamede, lugar de nacemento do río Arnoia. En negro os lugares queimados e en vermello os lugares afectados polas altas temperaturas

Imaxe de satélite dos efectos do incendio que calcinou a parroquia de Rebordechao (Vilar de Barrio), na Serra de San Mamede, lugar de nacemento do río Arnoia. En negro os lugares queimados e en vermello os lugares afectados polas altas temperaturas.

Para darmos conta dunha realidade en que alguén o está a pasar moi mal ou está a pasar por unha situación moi difícil e complicada, non é nada raro escoitar, na boca de persoas galegofalantes, iso de que alguén está a pasalas canutas… e non será porque en galego non dispoñamos de abondas secuencias lingüísticas que describen esa mesma situación. Vexamos algunhas:

Pasarlas canutas

Pasarlas moradas # negras # crudas

{= Pasalo moi mal, pasar por unha situación moi difícil e complicada.}

Pasalas estreitas # negras # crúas # tesas # apuradas

Pasalas moradas # amargas # tortas

Pasalas esgrevias

Ex.: Los dos en el paro, sin entrar un duro en casa, y con el hijo en el centro de desintoxicación, la verdad es que ese año las pasaron canutas.

Os dous no paro, sen entrar un peso na casa, e co fillo no centro de desintoxicación, o certo é que ese ano as pasaron estreitas  negras  crúas  tesas  apuradas  moradas  amargas  tortas  esgrevias.

Ex.: Las pasó canutas durante todo el partido para tapar las entradas del extremo contrario.

Pasounas estreitas  negras  crúas  tesas  apuradas  moradas  amargas  tortas  esgrevias todo o partido para tapar as entradas do extremo contrario.

Ex.: En época de exámenes siempre las paso canutas: continuamente en tensión y sin casi comer ni dormir.

En época de exames sempre as paso estreitas  negras  crúas  tesas  apuradas  moradas  amargas  tortas  esgrevias: decote en tensión e sen case comer nin durmir.

● Tamén:

Pasarlas peliagudas

Pasalas rabudas # peludas

Ex.: Os dous no paro, sen entrar un peso na casa, e co fillo no centro de desintoxicación, o certo é que ese ano as pasaron rabudas  peludas.

Ex.: Pasounas rabudas  peludas todo o partido para tapar as entradas do extremo contrario.

Ex.: En época de exames sempre as paso rabudas  peludas: decote en tensión e sen case comer nin durmir.

 

● Tamén, de emprego probablemente menos habitual:

Pasar las de Caín

Pasar as de Caín # as de Exipto # as de Cristo # as penas do purgatorio # os pisarallos

 

● Tamén, asociadas a ámbitos de uso moi coloquiais e/ou familiares:

Pasarlas putas

Pasalas putas

 

● Tamén, en contextos:

(Pasalas que) Ver a Deus por un burato

Ex.: Os dous no paro, sen entrar un peso na casa, e co fillo no centro de desintoxicación, o certo é que ese ano viron a Deus por un burato  o certo é que ese ano as pasaron que viron a Deus por un burato.

 

● Tamén, en contextos:

Pasarlo mal # fatal

Pasalo mal # fatal

Ex.: En época de exames sempre o paso mal  fatal: decote en tensión e sen case comer nin durmir.

NOTAS:

1. A locución ver a Deus por un burato tamén se emprega, tal e como veremos no seu día, como sinónima de ver as estrelas (=sentir unha dor física moi forte e intensa).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

– Recolleita propia da oralidade galega.

– Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

– Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

– Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

– López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

– López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

– Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

– Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

– Real Academia Galega: Portal das Palabras (sección Mira que din).

 

 

[Imaxe: Sentinel – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]