Escrito por L. C. Carballal

Pódese escribir sobor dun país e mais un pobo nunha lingua allea? Pódese, xaora, como demostra amplamente a literatura, tanto orixinal coma traducida. E facelo dende as entrañas dese pobo? Non, se non se renuncia a unha certa verosimilitude. Aquí, na nosa terra, que autenticidade reflicte un mariñeiro que se expresa coma un mariñeiro cántabro ou andaluz, ou un labrego que o fai coma un castelán ou estremeño, ou inclusive ambos coma exquisitos literatos? Son completamente ciente de que toda literatura é un artificio pro no caso dos escritores gallegos que describen o noso país adoita selo por partida dupla.

A sociedade galega, nidiamente diglósica dende hai varios séculos, apenas se ve representada na literatura que amosa a nosa sociedade, coma se esta realidade tan omnipresente fose eludida, tanto nos escritores en castelán coma nos en galego. Non se trata de usar unha escritura bilingüe que reflicta fielmente esta realidade, mais tampouco que o leitor descoñeza que os personaxes se están a expresar nun ou noutro idioma como características de seu ou en determinadas situacións, dando ao leitor a crenza dun monolingüísmo social moi distante da realidade, tanto actual coma pasada da nosa terra. Durante moito tempo a literatura española obviaba esta situación, así no noso país coma nos demais territorios bilingües de España, mais actualmente non me parece lícito ocultar algo tan fundamental nunha sociedade determinada como a lingua ou linguas en que se expresa.

Así, en obras en castelán, é frecuente atopar personaxes que calcan o castelán madrileño aínda que reflictan realidades da nosa terra, coma se o castelán de Galiza non tivese unhas características ben remarcábeis, alén do seu inconfundíbel sotaque, tanto na súa morfosintaxe coma no seu léxico, que dean auténtica veracidade aos personaxes.

Moitos escritores gallegos teñen a aspiración, totalmente lexítima, de triunfar en Madride, así foi antano: Ramón del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez, Gonzalo Torrente Ballester, Camilo J. Cela etc.; coma hogano: Julián Ríos, Francisco Narla, Manel Loureiro, Nieves Abarca etc., onde mesmo a famosa activista proespañol Marta Rivera de la Cruz obtivo recompensa como concelleira de cultura da Comunidade Autónoma. Mais eles non fan literatura galega, senón literatura española, porque se procuramos “literatura gal(l)ega” en internet o resultado sempre vai ser literatura escrita en idioma galego, a única que nos identifica como pobo singular.

E coa súa escolla –perfeitamente lícita, volvo lembrar– contribúen ao espallamento e fixación do castelán como idioma culto de Galiza, un proceso que xa é secular, e por iso considero que fan unha “literatura sipaia” –adaptando o substantivo “sipaio” como adxectivo–, pois coma os sipaios, as tropas indíxenas coloniais baixo mando estranxeiro que contribuíron ao dominio da India polos ingleses, eles contribúen ao dominio do castelán na nosa cultura. Que ninguén se deixe enganar, a lingua non é só un simple instrumento lingüístico pra elaborar cultura senón que tamén devén nunha arma ideolóxica en toda sociedade diglósica. Actualmente, coa globalización e o dominio do inglés todas o son, como o demostra as medidas que se toman en Franza pra protexer o francés fronte a aquel. Por isto a literatura gallega en castelán transmite implicitamente unha mensaxe clara: o castelán é o idioma culto e o galego unha simple lingua popular; unha opinión rancia inculcada secularmente aínda vixente no maxín de moitos galegos. Representa unha literatura que reforza o rol de “Galicia” como unha rexión de España fronte a unha literatura galega que proclama a Galiza como unha nazón de España. Sen dúbida, a escolla lingüística indica, de xeito subliminar pro inequívoco, a noción que cada autor ten da nosa terra e da súa cultura.

Porque soamente dende a lingua galega se defende unha cultura galega propia, que grazas ás traducións se pode divulgar entre o resto dos españois e do mundo sen problema ningún. Porque grazas aos millares de autores que decidiron, e deciden, empregar o noso idioma como instrumento prá súa creación a literatura galega existe, eles son os que crean “país”. Sen eles ninguén falaría dunha “cultura galega” tal como hoxe aínda a entendemos.

Noutrora había certas xustificacións técnicas a prol da escolla do castelán como lingua literaria por mor da carencia dunha normativa ortográfica e, sobor todo, dun prestixio literario do galego. Mais hoxe isto mudou radicalmente, e mesmo se pode asegurar que a mellor literatura que se está a facer en Galiza, faise en galego, como demostran os numerosos recoñecementos literarios obtidos fóra do noso país.

Non obstante, debe recoñecerse que actualmente xa hai unha gran porcentaxe de galegos que viven completamente instalados no castelán como idioma propio, cun coñecemento pasivo, e a miúdo defectuoso, do galego, produto do deficiente ensino vixente, malia que xa se cumpran case catro décadas de ensinanza bilingüe. Esta realidade incuestionábel leva a que haxa xente que defende que Galiza ten dúas linguas e ambas representan a nosa cultura, mais eu discrepo: o noso país ten dous idiomas por imperativo histórico e legal, mais soamente un deles é “lingua propia de Galiza”: a galega. A única que nos entronca co noso pasado como reino, é dicir, sendo algo máis ca unha simple rexión española ou as “catro provincias” do noroeste, e nos irmanda con Portugal e demais países lusófonos, dando á nosa cultura unha dimensión tantas veces ocultada; e amais dignifícanos como pobo letrado cunha apreciábel tradición literaria dende a Idade Media. Pola contra, os literatos galegos en castelán deben procurar os referentes literarios primeiros alén de Galiza, fóra dos nosos devanceiros. Habemos acabar como os irlandeses, que procuran os primordios da súa lingua nos antigos textos ingleses mentres que precisan tradutores pra ler os seus textos medievais.

En España, a literatura galega, coma a catalá ou a éuscara, trátanse como unhas literaturas subsidarias da “española”. Cada vez estou máis convencido de que nunca o galego, nin loxicamente a súa cultura, terá un trato de igualdade neste “estado constitucional” e que aceptalo é asumir esta subordinación endémica da nosa cultura, cun porvir de mera supervivencia testemuñal ou de simple extinción paulatina.

Ende mal, non é este, precisamente, un fenómeno excepcional, nin moito menos exclusivo da sociedade galega e demais comunidades bilingües españolas, tamén se dá extensamente noutras comunidades bilingües europeas e, sobor todo, nos estados xurdidos trala descolonización en Asía, África e Oceanía, onde moitos escritores renuncian aos idiomas maternos co norte dun maior suceso empregando os idiomas dos seus colonizadores, perpetuando así un supremacismo cultural colonial en total contradición coa independencia acadada, que deveu en meramente administrativa.

Que ninguén esqueza que sen os sipaios os británicos xamais darían dominado a India, mais hoxe quen os honra?

 

[Fonte: http://www.praza.gal]