A Mesa denuncia « vulneración » dos dereitos lingüísticos e anuncia que acudirá á Xunta.

Imaxe de arquivo dun xuízo. Pool

Nova denuncia a respecto do emprego da lingua galega na Administración. A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer públicas unhas estatísticas a respecto do emprego do galego nos xulgados da Comunidade que dan proba dun uso pouco menos que testemuñal. En total, e segundo datos da plataforma, nos xulgados do social o emprego do galego é inferior ao 1%, unha circunstancia que a Mesa entende como « vulneración dos dereitos lingüísticos ».

A problemática que, a ollos da plataforma, subxace ao reducido emprego non é outra que unha « estranxeirización » do galego nos eidos legais. Neste aspecto, a plataforma comandada por Marcos Maceiras denuncia que a aplicación Minerva –empregada para tramitar os expedientes legais– nin sequera está dispoñible en lingua galega. Esta carencia « fai imposíbel o uso do galego por parte dos e das profesionais da administración pública de xustiza », segundo explican.

Neste contexto, a Mesa denuncia un incumprimento « sistemático » da Carta europea das linguas minorizadas, que sinala que, de darse a petición dunha das partes dun proceso xudicial, este terá que se celebrar na lingua minorizada. En Galicia un 20% dos xuízos reciben tal petición, pero só o 1% do total remata facendo emprego do galego, proporción que, a ollos da Mesa, constitúe un incumprimento da nomeada regulación europea.

A XUNTA « NON PON INTERESE »

Ante estas circunstancias, a Mesa anuncia que vén de solicitar unha xuntanza co director xeral de xustiza da Xunta de Galiza para instalo a iniciar « canto antes » a tradución da aplicación Minerva e dos seus modelos. O obxectivo é que a norma apuntada, á que se une o Estatuto e a normativa de normalización lingüística, sexa cumprida. « A pesar da normativa que defende o seu uso, o galego está presente en menos do 5% da documentación xerada pola xustiza no noso país, sen que a Xunta poña interese en solucionalo », lamenta o presidente da plataforma, Marcos Maceira.

[Imaxe: arquivo dun xuízo. Pool – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]