Miniatura das Cantigas de Santa María – CCG

Escrito por Montse Dopico

Presentar a figura real de Afonso X” -no ano que se conmemoran o 800 aniversario do seu nacemento-, cos seus “avatares políticos, o seu labor cultural e a súa relación con Galicia”,é o obxectivo da exposición Afonso X e Galicia: 1221-2021, que a Igrexa da Universidade, en Compostela, acolle ata o 24 de abril. A partir, entre outros elementos, das Cantigas de Santa María “como manifestación visual e sonora da Idade Media galega e europea e como testemuño do patrimonio lingüístico da lingua galega e da súa importancia no mundo románico medieval”, a mostra percorre a vida do monarca, a súa obra cultural e a súa época a partir de documentos e de testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. [Aquí podes escoitar varias pezas].

Afonso X foi o impulsor, a través das Cantigas de Santa María, “dun dos principais monumentos da cultura europea do seu tempo”, tal como salienta o profesor Henrique Monteagudo nun dos vídeos que poden verse na exposición. A escolla, para esta obra, do do galego, tivo que ver, segundo este catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC, coa promoción do romance fronte ao latín, usado pola Igrexa, no contexto do proxecto de Afonso X de reforzar o poder monárquico. A literatura galega -subliña, neste mesmo sentido, noutro dos vídeos da exposición a profesora Elvira Fidalgo- debe enorgullecerse de ter as Cantigas, un conxunto de 420 relatos sobre os milagres da Virxe na sociedade da época.

O Rei Sabio

Así, Afonso X foi autor, en lingua galega, das 420 composicións das Cantigas máis de 38 poemas -26 del, tres en coautoría e nove atribuídos a Afonso de León- encadrados no xénero das cantigas de escarnio e maldicir. “O monarca” -explica un dos paneis da exposición- “elabora unha proxección política do elemento devocional mariano, no que intenta, mediante a súa representación nas miniaturas do manuscrito, enxalzar a súa persoa converténdose no intermediario entre Deus, a Virxe e o pobo. Unha estratexia para minimizar o estamento relixioso do seu tempo. A manipulación e o cambio de atribución dos milagres de Santiago Apóstolo á Virxe supoñen outra manobra política contra o cabido compostelán e contra a peregrinaxe a Santiago de Compostela”. Na mostra pode verse unha reprodución do Códice de Toledo, un dos manuscritos nos que se conservan as Cantigas.

Tamén están expostas na Igrexa da Universidade diversas reconstrucións de instrumentos musicais medievais: organistro, zanfona, viola de brazo, rota, arpa, cítola, frauta e tambor. Nun dos vídeos da mostra, Carlos Núñez subliña a relación entre os instrumentos que poden verse nas esculturas do Pórtico da Gloria e os presentes nas Cantigas. “Estou convencido” -di- “que o mellor xeito para dar nova vida ás músicas das Cantigas de Santa María sería conectalas coas músicas urbanas. As músicas das Cantigas están plagadas de modos e de ritmos que hoxe existen en músicas coma o rock, o trap e incluso as músicas celtas”.

A lírica das culturas medievais -pode lerse na mostra- “e, e concreto, o repertorio mariano alfonsino viven nun mundo oral. Se a isto lle engadimos a vontade relixiosa e exemplar de Afonso X, non nos debe estrañar a utilización voluntaria de elementos da liturxia cristiá medieval para caracterizar os textos con ecos melódicos litúrxicos, connotativos para o público cristián medieval. A composición musical das Cantigas ten como trazo particular a existencia dunha vontade intertextual e intermelódica”.

A orixinalidade das Cantigas reside así, segundo explica un dos paneis da mostra, “tanto na multiplicidade de temas que abordan como na confluencia de culturas e tradicións, da que son un bo exemplo os músicos cristiáns, árabes e xudeus a tocaren conxuntamente, tal como mostra o segundo códice escurialense. É ademais un reflexo literario e gráfico da sociedade medieval, dos seus protagonistas, dos seus avatares, doenzas e oficios e dos diferentes estamentos sociais, desde a realeza ata o pobo máis humilde. Os protagonistas deste corpus literario son o culto mariano, o monarca, a sociedade medieval e a lingua galega”.

O monarca adoptou o galego “como instrumento de comunicación internacional, literaria, cultural e política, tal como fixeran anteriormente os trobadores occitanos, cataláns e italianos”.Na súa obra lírica, o Rei Sabio utilizou esta lingua como idioma de prestixio europeo, “co obxectivo —sobre todo na súa obra mariana— de lograr apoios internacionais e do papado para o seu proxecto político de ser elixido emperador do Sacro Imperio: o fecho del Imperio”.

A promoción do castelán

Mais dentro do ámbito xurídico, “redactou as súas obras en lingua castelá e levou ese idioma á chancelaría”, polo que apostou polo castelán como idioma da Administración. Do campo xurídico, Eduardo Cebreiros subliña nun dos vídeos da exposición o Fuero Real, o Espéculo e as Sete Partidas. O obxectivo do monarca -indica- era reforzar o poder rexio, reivindicar o monopolio da fundamentación do Dereito para o rei, acabar cos particularismos e renovar o Dereito. O interese de Afonso X pola aplicación do dereito romano na súa obra lexislativa ten, deste xeito, como obxectivo -segundo pode lerse na exposición- “a concentración do poder na monarquía en detrimento da nobreza, dos concellos, dos gremios e dos burgueses”.

A promoción da lingua castelá neste ámbito inscríbese no seu proxecto político, nun ambiente plurilingüístico no que esta lingua convivía co galego, o occitano, o latín, o árabe, o grego, o italiano, o catalán e o francés. O monarca impulsou proxectos de tradución de diferentes linguas. Colaborou, así, coa Escola de Tradutores de Toledo, dedicándose a reunir todo tipo de textos científicos, tanto en hebreo como en árabe como da tradición clásica. “Se nunha primeira época os textos orixinais se traducían ao latín, nos tempos do monarca afonsino traducíronse ao castelán”, pode lerse na exposición.

O monarca mandou redactar tamén unha historia universal, a General Estoria, e a Estoria de EspannaTamén neste caso, o importante da súa produción é “o discurso dirixido a defender e enaltecer os intereses do monarca, tanto nas obras que se redactan por orde do rei como nas que son da súa responsabilidade, concepción e execución, e que de continuo son revisadas nun afán de perfección”. A profesora Helena de Carlos subliña ao respecto noutro dos vídeos da exposición que “Afonso crea unha historia onde os personaxes viven, os personaxes falan e escriben, as mulleres escriben tamén”. A perspectiva histórica afonsina “parte dunha concepción relixiosa cristiá canto á tradición visigótica da monarquía castelá, valorando a tradición romana e obviando a árabe”, segundo a mostra do Consello da Cultura Galega. 

Ao respecto, os profesores Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira escriben no ensaio O Reino Medieval de Galicia (Xerais), recentemente publicado, que “a obra do arcebispo toledano Rodrigo Ximénez de Rada” -a quen cita Helena de Carlos- “e as varias historias elaboradas nos medios adxuntos á corte de Afonso X, caso da Grande e General Estoria e a Crónica General, están todas elas animadas pola confluencia dos respectivos intereses por consolidar a primacía da Igrexa toledana e o reforzamento da monarquía presidida pola Casa de Castela, triunfante coa unión dos reinos de Galiza-León e de Castela-Toledo, que ten lugar co ascenso de Fernando III ao trono, elevando o conxunto, en palabras de Emilio Mitre, á categoría de “bloque político hexenómico” na Península”.

Miniaturas das Cantigas de Santa María © Consello da Cultura Galega

O contexto político

Afonso X era fillo de Fernando III (1217-1252) e Beatriz de Suabia (1205-1235). Da súa nai herdara o dereito a reivindicar a coroa imperial, que non conseguiu. Accedeu ao poder no 1252, tras a morte do seu pai, nun contexto de “profunda crise política e económica, o que o impele a adoptar medidas que a nobreza considera abusivas porque van en detrimento do seu poder e da súa riqueza”, segundo pode lerse na exposición.

Crónicas posteriores ao seu reinado salientan a súa prepotencia, o seu autoritarismo e unha ambición persoal que poñía por enriba do seu territorio e dos seus habitantes. “Non obstante, unha serie de acontecementos foron os detonantes da rebelión: a morte do infante don Enrique, irmán de Afonso, por orde deste, así como a doutros nobres, o que provocou a fuxida dalgúns membros da nobreza do Reino de Castela; o quebrantamento do réxime xurídico dos nobres, o contencioso co cabido compostelán e as medidas fiscais (a moeda foreira), as peticións económicas extraordinarias e o aumento da presión fiscal”, explica a mostra. O motivo principal da súa inimizade co cabido compostelán foron “cuestións económicas e o privilexio do emperador Carlomagno que o cabido esgrimía sobre a exención da cidade de pagar impostos ao rei”.

O Rei Sabio esgrime a liñaxe dos Staufen por liña materna para reclamar ser proclamado emperador, apoiado pola República de Pisa. Mais o papa Inocencio IV “estaba a mal cos Staufen polo poder que exercían en Sicilia e por intereses contrapostos cos do papado”, polo que o seu proxecto vai fracasar. Xa antes de ser proclamado rei, participara como infante nalgunhas das campañas militares do seu pai. Tras a morte deste continuou a súa loita contra os musulmáns, ocupando Xerez e Cádiz e combatendo a revolta dos mudéxares no val do Guadalquivir. A actitude do monarca con musulmáns e xudeus sería, malia todo, segundo se pode ler na mostra, tolerante nun primeiro momento, mais logo iríase “endurecendo”, xa fose “por razóns de ideoloxía relixiosa ou polo enfrontamento cos benimeríns, ou cos musulmáns do Levante e de Andalucía”.

As transformacións no reino

Durante o seu reinado favoreceu o comercio “concedendo feiras a cidades e vilas”, instaurou un sistema aduaneiro e fiscal “para incrementar a recadación de impostos e fomentou a repoboación das terras das que expulsara os musulmáns, xerando problemas de despoboación nas zonas de orixe dos novos colonos. “As continuas demandas de diñeiro á nobreza para sustentar a súa candidatura a emperador, as súas campañas bélicas e o seu labor cultural decimaron a economía do reino e particularmente a da nobreza”, o cal motivará a rebelión desta. O seu reinado rematou nunhas circunstancias que mostran o relativo fracaso dos seus proxectos políticos: o seu fillo Sancho rebelouse, co apoio da nobreza, contra el, que acabou sendo deposto polas Cortes.

O investigador Francisco Prado interpreta nun dos vídeos da exposición que “o que lle interesaba a Afonso, que se vía na tesitura dun reino expandido, con varios reinos, que tiña unhas minorías étnicas e relixiosas moi importantes, era tentar facer un proceso de construción nacional. Practicamente el crea esta idea de España multicultural, que despois non puido levar a cabo”.

Andrade Cernadas e López Carreira axudan a comprender en O Reino medieval de Galicia o papel de Galicia no contexto do reino de Afonso X, cuxo proxecto político era máis ben castelanista. Á morte de Afonso VII, o reino de León correspondéralle a Fernando III, pai de Afonso X. Deste xeito, León e Castela quedaran unidos definitivamente. Polo que a Coroa de Castela quedara constituída polo reino de León-Galicia e por Castela, á que se foron incorporando territorios ata entón baixo dominio dos musulmáns como froito da expansión militar: Córdoba, Sevilla, Murcia…

Outra miniatura das Cantigas de Santa María – CCG

Sendo aínda infante, Afonso X participou con seu pai na conquista de Murcia e Sevilla. E é nestes momentos cando, segundo Cernadas e Carreira, “o reino de Galicia, que viña dunha etapa de singular protagonismo durante a súa pertenza á monarquía leonesa, pasa a quedar integrada nunha realidade política moito máis extensa territorialmente e, xa que logo, diluída e xogando un papel moito menos determinante do que viña sendo usual ata entón”.

Na exposición -excesivamemente textual- pode verse tamén un vídeo de fotografías de obxectos das catro provincias galegas relacionados co legado de Afonso X: códices, esculturas, moedas, xoias… Trátase de pezas seleccionadas polo comisario da exposición, Antoni Rosell. A través do web do Consello da Cultura pódese acceder a este vídeo e aos que recollen as entrevistas cos expertos e expertas citados, ademais de ler información sobre o proxecto expositivo ou escoitar as Cantigas. O Consello da Cultura organizará, por outra banda, xunto coa Asociación Galega do Videoxogo, unha gamejam de temática alfonsina. Os contidos da exposición pódense ampliar a través de códigos QR dispoñibles no percorrido pola mesma a través dos seis espazos e a sala central, deseñados por Antoni Rosell e polo arquitecto Roger Badia, nas que se atopan os paneis expositivos, proxeccións, audios e obxectos que a conforman.

 

[Fonte: http://www.praza.gal]