https://i2.wp.com/historiadegalicia.gal/wp-content/uploads/2021/01/Li%C3%B1as-Nazca-foto-monikawl999-CC0-b-copia.jpg

Liñas Nazca

“Estimados amigos, fai xa 9 anos que creamos esta plataforma para dar resposta ó maior enigma da arqueoloxía. Esta mesma semana o noso traballo rematou. Resolvémolo, sabemos que eran as liñas de Nazca. Sabemos exactamente como funcionan todos os seus elementos por separado e en conxunto”.

Este é o comentario que Carlos E. Hermida García, un investigador de Vigo, deixou a pasada semana nunha das súas redes sociais. E é que este director de deseño de Enxeñería, xunto cun equipo de investigación internacional e multidisciplinario chamado Salvar Nazca, tería dado, segundo afirma, coa chave para entender por que se fixeron estas enigmáticas liñas.

E é que, segundo o equipo, trataríase dun complexo sistema de canais de rego. Un complexo sistema de canles para regar grandes extensións de deserto. Trataríase dunha técnica preinca coñecida como colleitas de auga, que sería sacada á luz grazas a unha singular investigación sobre métodos de enxeñería civil.

Liñas Nazca

De ser aceptada esta conclusión pola comunidade científica poderíamos estar ante un descubrimento de gran relevancia ó desvelar un dos grandes misterios da historia universal. O achado suporía un paso importantísimo para entender as concepcións culturais dunhas manifestacións que impresionan polo seu tamaño e extensión.

Ademais, tamén afirman que o estudo axuda a entender o xeito no que determinadas sociedades puideron extraer auga en ambientes de excepcional seca. O estudo será presentado no mes de febreiro nun importante congreso internacional. “Agora e despois de todo temos un sistema que pode proporcionar alimento a millóns de persoas en todos os desertos do mundo”, afirma Hermida.

Liñas Nazca

 

[Imaxes: monikawl999 CC0 – fonte: http://www.historiadegalicia.gal]