A iniciativa tivo unha acollida positiva por parte do sector cultural luso.
Graça Fonseca, ministra de Cultura de Portugal (Foto: Governo de Portugal).

Graça Fonseca, ministra de Cultura de Portugal

O Ministerio da Cultura de Portugal imporá ás emisoras de radio do país unha cota de 30% de música producida por artistas portuguesas e portugueses.

A cifra anterior, actualizada por última vez en 2009, era de 25%. Con esta medida, o Goberno luso pretende impulsar « un sector particularmente afectado polas limitacións dos espectáculos ao vivo, e agora novamente debido ao cancelamento e adiamento de espetáculos ».

« Queremos incrementar a divulgación da música nacional nas radios e contribuír á súa valorización en beneficio dos artistas », asegurou a responsábel de Cultura, Graça Fonseca.

Boa acollida da proposta

Tamén apoiou a iniciativa o presidente da Associação Fonográfica Portuguesa (AFP), João Teixeira: « É manifesto o interese crecente dos portugueses pola música de artistas e autores nacionais, polo que ten sentido, sobre todo no momento de profunda crise no sector cultural en que nos atopamos, que as radios intensifiquen o uso da ‘nosa’ música ».

« Só podemos lamentar que os operadores de radio non o tivesen feito voluntariamente », engadiu.

Pola súa banda, Miguel Carretas, director xeral da Associação para a Gestão e Distribuição de Direitos (Audiogest), considerou que esta medida « traerá tamén un impacto positivo directo na distribución de dereitos a produtores musicais nacionais, unha distribución que sofrerá, inevitabelmente, unha enorme quebra provocada directamente polo confinamento e a diminución das actividades económicas ».

 

[Imaxe: Governo de Portugal – fonte: http://www.nosdiario.gal]