Imaxe do casco histórico de Marín entre 1926 e 1936. Arquivo de Otto Wunderlich CC-BY-SA IPCE

 

Escrito por Marcos Pérez Pena

A fotografía que encabeza esta información corresponde á vila de Marín nalgún momento entre o ano 1926 e 1936, cando a localidade presentaba un aspecto moi diferente ao da actualidade. Trátase dunha fotografía tirada polo alemán Otto Wunderlich, que neses anos percorreu Galicia, imaxes que hoxe nos permiten comprobar os cambios radicais experimentados por moitos lugares. Os avances do progreso, pero tamén a destrución da paisaxe e do patrimonio material sufrido por moitos lugares.

Parte do seu arquivo fotográfico pode verse dende agora en liña e de balde grazas ao Ministerio de Cultura, que vén de publicar a fototeca do Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE), composto por máis de 275.000 imaxes, dende 1860 ata a actualidade. As imaxe son só unha parte do máis de medio millón que conserva o instituto e que se irán incorporando progresivamente. Entre os fondos máis destacados que se acaban de publicar están as 7.000 fotografías que proceden dos arquivos Pando e Wunderlich, máis de mil delas tiradas en Galicia.

Wunderlich percorreu Galicia entre 1926 e 1936, especialmente a costa pontevedresa

O arquivo Wunderlich é obra do fotógrafo Otto Wunderlich (Stuttgart, 1887- Madrid, 1975). Formado en Alemaña, trasladouse a España en 1914, onde desenvolveu unha gran produción fotográfica na que destaca a fotografía de paisaxes e escenas tradicionais. Wunderlich percorreu Galicia entre 1926 e 1936, especialmente a costa pontevedresa. As súas imaxes amosan como era Marín, pero tamén Bueu, Baiona ou as cidades de Pontevedra e Vigo, especialmente cambiada esta última, cun Berbés case irrecoñecible.

 

 

[Fonte: http://www.praza.gal]