Estación de tren de Lugo e vista xeral da cidade a finais do século XIX.

Escrito por Marcos Pérez Pena

O francés Jean Laurent Minier (Garchizy, 1816-Madrid, 1886) instalouse en 1844 en España e nas décadas seguintes converteuse no fotógrafo máis importante do século XIX no Estado. En 1860 a raíña Isabel II nomeouno fotógrafo de cámara e un ano máis tarde publicou o primeiro dos seus catálogos comerciais, no que predominaban os retratos dos personaxes máis coñecidos da época.

Despois de décadas de traballo, Laurent deixou milleiros de imaxes que o Ministerio de Cultura vén de facer públicas e organizar nun fondo de libre consultaO catálogo componse de 6.300 fotografías, que inclúen retratos, imaxes de obras artísticas e arquitectónicas. O proxecto foi impulsado polo Museo Nacional do Romanticismo, situado en Madrid, en colaboración con outros museos de todo o Estado.

O porto da Coruña, a finais do século XIX, nunha fotografía de Jean Laurent

Entre os fondos que se poden consultar hai poucas imaxes de Galicia, un dos territorios que menos percorreu o autor francés. Con todo, podemos ver varias fotografías das liñas do ferrocarril que viñan de ser inauguradas, e que lle permitían desprazarse ao propio Laurent: pontes e viadutos nas zonas montañosas que o tren atravesa entre Galicia e a Meseta; e tamén as novas estacións (en Lugo, Monforte ou A Coruña).

Estas tres son as localidades máis fotografadas por Laurent en Galicia, o que nos permite ver como eran a finais do século XIX, case irrecoñecibles, sobre todo nos casos da Coruña e Lugo.

Na cidade herculina o fotógrafo toma imaxes do porto, nun momento no que as augas chegaban ata a mesma fachada das famosas casas da Mariña ou no que aínda existía o vello embarcadoiro de ferro na Palloza (que desapareceu en 1902) ou as pequenas illas da baía coruñesa -á altura da desembocadura do río Monelos- tamén desaparecidas nos sucesivos recheos.

Pódese ver o aspecto que presentaba a Torre de Hércules hai 150 anos e hai igualmente varias imaxes da cidade dende o tamén desaparecido Castelo de San Diego e unha na que se observa en primeiro plano a antiga Estación do Norte (suprimida décadas máis tarde), co barrio de Santa Lucía ao fondo e cos recoñecibles muíños de vento nos outeiros que rodean a cidade.

[Imaxes: Dominio Público Ministerio de Cultura – fonte: http://www.praza.gal]