A emenda demanda « respecto real » baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas

O Congreso na sesión de onte, nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)

A Mesa pola Normalización Lingüística considera « un pequeno paso cara á igualdade » que o Congreso español aprobase esta mañá parte da Proposición non de lei (PNL) rexistrada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos co obxectivo de garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía.

A emenda aprobada recoñece a necesidade de oficializar linguas como o galego en territorios pertencentes a Asturias e Castela-León, acepta permitir a validez recíproca de documentos escritos en galego e portugués -que forman parte do mesmo sistema lingüístico- e a reciprocidade na recepción de radio e televisión e, por último, demanda « respecto real » baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas. Este punto foi aprobado cos votos a favor de todos os partidos políticos agás VOX.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, valora esta votación como « positiva », na medida en que « abre espazo para que A Mesa e outras entidades continúen traballando a prol do obxectivo da proposta orixinal, que é que o recoñecemento das linguas se concrete en garantías de igualdade real para toda a cidadanía. » Maceira recorda, tamén, despois da postura amosada polo PP no Congreso español, que « o PPdeG ten deberes que facer en Galiza: sentarse, falar e executar os acordos acadados ».

« Os axentes sociais definimos o camiño e conseguimos que se foran adherindo os axentes políticos », recorda Maceira. « Nesta ocasión non saíu adiante a totalidade do proposto, mais si unha parte moi importante », puntualiza, « a porta está aberta e temos a determinación de volver pór o tema sobre a mesa, porque, coas linguas, estamos a falar de democracia, liberdade e igualdade. Hai moito en xogo e  nós seguiremos traballando ».

 

[Fonte: http://www.nosdiario.gal]