Escrito por Sofía Taboada Rodríguez

A entrada en prisión de Pablo Hasél, condenado por inxurias á coroa, enaltecemento do terrorismo e inxurias ás institucións do Estado, volve a poñer en tela de xuízo a lexislación existente no Estado español sobor da cuestión da liberdade de expresión. Estas acusacións remóntanse aos albores da formación do proceso democrático, é posíbel atopar exemplos como este que poñen de manifesto unha serie de carencias democráticas. Nas seguintes liñas pretendemos dar unha breve explicación de por que se condenaron e se seguen a condenar actos de liberdade de expresión a través da comparativa co caso de Suso Vaamonde, hai 40 anos.

O caso de Suso Vaamonde

A 2 de xuño de 1979, a Transición española estaba practicamente consolidada e o paso dun réxime ditatorial a un democrático acababa de cimentarse tras a promulgación da primeira constitución da democracia un ano antes. Tres anos despois, o PSOE de Felipe González gañaba as eleccións, sendo así a primeira vez que un goberno de esquerdas accedía ao poder dende o remate da Guerra Civil. É importante entender que a censura e posterior represión a Vaamonde sucede fóra do marco estrito da consolidación da Transición: non é posíbel ampararse en que o proceso de cambio non chegara aínda á súa fin porque, aínda que entendamos o ano 1982 como un punto e final á Transición -existen certas disensións sobre a temporalidade do proceso– en 1979, que é cando todo isto sucede, atopámonos cun proceso xa finalizado dende a aprobación da Constitución.

Neste contexto de aparente progreso ten lugar a detención do artista Suso Vaamonde na praza da Ferreiría (Pontevedra). Os sucesos deben entenderse no contexto dun festival anti-OTAN no cal Vaamonde é invitado a actuar. Tras interpretar o famoso tema ¡Uah!, é denunciado por un dos asistentes, militar de carreira que defende que o artista vigués engadiu ao tema a estrofa: cando me falan de España / sempre teño unha disputa /que se España é miña nai / eu son un fillo de puta.

Por este motivo é acusado de “inxurias á patria con publicidade”, e segundo recolle o artigo 123 do Código Penal, los ultrajes a la Nación española o al sentimiento de su unidad, al Estado o su forma política, así como a sus símbolos y emblemas, se castigarán con la pena de prisión menor, y si tuvieren lugar con publicidad, con la de prisión mayor. De pouco serviu que Suso Vaamonde afirmase que se trataba dun tema popular e non de autoría propia, ou que nin sequera chegou a cantar esa estrofa, senón que foi completada polo público. Menos relevante sequera resultaba o feito de que o delito, dentro do Código Penal como de “traición”, proceda da Lei de Seguridade do Estado de marzo de 1944. A través deste caso é posíbel percibir a fractura entre a propaganda de cambio e renovación da Transición e a realidade. Realidade que, para Suso Vaamonde, se traduciu nun exilio primeiro en Londres e logo en Caracas, onde estivo até 1984, convertíndose así no primeiro exiliado da democracia, para volver por Ourense e permanecer un mes e medio na cadea antes de ser indultado. O fallo do tribunal foi finalmente de seis anos e un día, aínda que ben podía ter ascendido a 12 e as mostras de solidariedade co autor foron deliberadamente ignoradas1.

Antoloxía da censura en democracia

O caso de Vaamonde non é un suceso illado e as formas de censura xa no período democrático abarcaban diferentes accións. No caso dos cantautores, estes seguen a ser os grandes censurados – válido para a actualidade – unha das formas máis “sutís” é a invisibilización. Un exemplo disto sería a difusión comercial: nin as cancións de Vaamonde nin as de Voces Ceibes serían radiadas cara o panorama nacional. Ocorre o mesmo con Hasél ou Valtónyc, pois a máxima expresión da canción protesta debe entenderse nun tempo pretérito e na actualidade non conta cunha difusión ampla. A marxinalización destas formas de protesta pode actuar como un agravante para seren criminalizadas, pois en principio terán menos apoios e serán menos cuestionadas que se se trata de personalidades recoñecidas e apoiadas masivamente. O apoio institucional tamén xoga parte importante neste tipo de accións: tamén o tema Libertad sin ira, de Jarcha, foi censurado en 1976 mais cando Diario 16 lle prestou o seu apoio converteuse practicamente nun himno en plena Transición.

Por outra banda, no ano 1986, cando o felipismo acadara o poder, Javier Krahe e Joaquín Sabina serían censurados por TVE tras cantar, dirixíndose subliminalmente a Felipe González aquilo de hombre blanco hablar con lengua de serpiente; unha alusión aos bandazos políticos que este estaba a dar respecto da entrada de España na OTAN. Mais instalándonos na actualidade, a década pasada é o momento no cal este tipo de censuras sofren unha repunta. Alén dos xa mencionados Hasél e Valtònyc, cuxas causas permanecen abertas dende o 2014 e 2017 respectivamente, recollemos a continuación algúns exemplos representativos.

En 2017 o cantante do grupo Def con Dos, César Strawbery, é condenado a un ano de prisión e seis meses de inhabilitación absoluta por enaltecemento do terrorismo tras publicar tuits referentes a Ortega Lara ou aos GRAPO. No ano seguinte, en 2018, será detido logo dun concerto en Jerez de la Frontera o cantante Evaristo Páramos por dedicar unha jota á policía. Neste mesmo ano, o artista Santiago Sierra é censurado na feira ARCO pola súa obra Presos políticos en la España contemporánea, na cal se mostraban os rostros pixelados dalgúns dos acusados no 1-O.

“Presos políticos en la España Contemporánea”, Santiago Sierra, 2018, CCCB. Fonte: http://www.cccb.org/es/exposiciones/ficha/instalacion-presos-politicos-en-la-espana-contemporanea-de-santiago-sierra/229071

Conclusións

O feito de que a Transición se leve a cabo dende as elites – os partidos – e non dende as bases sega o cambio que debería realizarse, xa que non prima para a construción desta a vontade do pobo, senón a dunha clase política. Esta é a razón de toparnos cunha Transición pactista, reformista pero non rupturista que consensúa un modelo de Estado cunhas políticas e un sistema xudicial herdeiros do franquismo. Guillem Martínez teoriza sobre as formas de represión analizadas neste artigo, na obra CT o la cultura de la transición: Crítica a 35 años de cultura española (2012), explicando como se establecen os límites da cultura na crítica ao sistema dominante.

Así, o marco existente para a liberdade de expresión é tremendamente axustado, creándose unha diferenciación de cara ás masas que distingue entre aquilo que se pode dicir e aquilo que non. Isto da lugar a unha cultura hexemónica, na cal só teñen cabida temas que non entrañen un conflito social. Así, cuestións como o cuestionamento da monarquía española, as leis de memoria histórica ou o terrorismo convértense en temas practicamente censurados. Entroncando con este derradeiro tema, é posíbel entender o funcionamento dun sistema democrático que se pon en entredito a través das sucesivas e sistemáticas condenas cara unha cultura crítica levada a cabo a través da música ou do humor.

Concentración en Madrid en apoio a Pablo Hasél, 2021. Foto: Chema Barroso. Fonte: Madridiario

 

Bibliografía

Alexandre FELIPE FIUZA: “La censura musical en las décadas de 1960 y 1970 durante la dictadura franquista: un examen de la documentación del MIT”, en Alejandra IBARRA AGUIRREGABIRIA, A. (coord.): No es país para jóvenes, Araba, Instituto Valentín Foronda, 2012, pp. 1-16.

Carme MOLINERO e Pere YSÀS: “Un proceso policéntrico. La transición de la dictadura a la democracia en España”, Avances del Cesor, (Vol. 12), pp. 189-207, 2015.

Daniel CANALES CIUDAD: “El relato canónico de la Transición. El uso del pasado como guía para el presente”, El Futuro del pasado, (Vol. 4), pp. 513-532, 2013

Guillem MARTÍNEZ et. al.: CT o la cultura de la transición: Crítica a 35 años de cultura española, Barcelona, Debolsillo, 2012.

Gutmaro GÓMEZ BRAVO: “La amenaza de la violencia: conflicto y violencia en la Transición” en Gutmaro GÓMEZ BRAVO (coord.): Conflicto y consenso en la transición española, Madrid, Editorial Pablo Iglesias, 2009, pp.7-21.

Manuel ORTIZ HERAS: “Nuevos y viejos discursos de la Transición. La nostalgia del consenso”, Historia Contemporánea, (Vol. 44), pp. 337-367, 2010.

Miguel BOÓ: Suso Vaamonde, voz de trebón. Vigo, Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo, 2019.

Santos JULIÁ: Transición. Historia de una política española (1937-2017). Barcelona, Editorial Galaxia Gutenberg, 2017.

Notas ao pé

 

  1. Previo xuízo, a xustiza rexeitou preto de 20.000 firmas presentadas conforme á defensa do dereito de liberdade de expresión e os antidisturbios estiveron presentes para desaloxar protestas enfronte dos xulgados. Unha vez que se coñeceu o fallo, as forzas políticas AN-PG, o PCG e o MCG consideraron que se trataba dun abuso de autoridade e polo tanto, pronunciáronse en contra de dita sentenza; e durante os anos de exilio, Vaamonde contaría cun apoio explícito na forma de eventos e recitais por parte de compañeiros de profesión []

[Foto de portada: Suso Vaamonde na década dos 70. Fonte: www.susovaamonde.com– artigo publicado en http://www.mazarelos.gal]