O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura esta tarde a actividade ‘Na Biblioteca de Galicia lese poesía’ que se desenvolverá ata o 27 de marzo no Gaiás

O día 21, coincidindo co décimo aniversario da Biblioteca, realizará unha lectura a poeta Alba Cid, gañadora do Premio Nacional de Poesía Joven no ano 2020

A Xunta de Galicia iniciará hoxe os actos conmemorativos do Día da Poesía co ciclo Na Biblioteca de Galicia lese poesía, no que algunhas das voces máis representativas da literatura galega actual lerán e interpretarán pezas de poesía. A iniciativa, que será inaugurada esta tarde na Cidade da Cultura polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, enmárcase no programa de actividades impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para celebrar o décimo aniversario da Biblioteca de Galicia.

Así, ao longo do mes de marzo o auditorio Neira Vilas será o escenario para que cinco dos poetas máis destacados das letras galegas fagan unha libre interpretación dunha das súas obras ou da que consideren máis axeitada para celebrar os dez anos deste equipamento cultural. “A programación impulsada para conmemorar este décimo aniversario non podía esquecer o xénero literario que lle deu ás nosas letras algunhas das obras máis senlleiras”, salientou Anxo M. Lorenzo.

Neste senso, o representante de Cultura da Xunta de Galicia explicou que o ciclo celebrarase ao longo de todo marzo “por ser o mes no que celebramos o Día da Poesía”. Concretamente, os actos iniciados hoxe celebrarán a súa xornada máis especial o día 21 cando, coincidindo coa celebración desta efeméride, realizará unha lectura a poeta Alba Cid, gañadora do Premio Nacional de Poesía Xoven no 2020.

Ademais de Alba Cid tamén participan neste ciclo Yolanda Castaño, protagonista da interpretación de hoxe, ás 19,00 horas; Antonio García Teijeiro, mañá ás 12,00 horas, e o dueto ALDAOLADO composto por María Lado e Lucía Aldao, que estarán na Cidade da Cultura o vindeiro venres 26 ás 19,00 horas. A encargada de pechar a actividade será Rosalía Fernández Rial, o sábado 27 ás 12,00 horas.

Outras actividades

Co gallo da celebración do Día da Poesía, a Xunta de Galicia tamén impulsa as xornadas Literatura nas marxes. A creación alén do canon, un proxecto organizado pola Asociación O Arquivo das Trasnas, no que se analizarán tres liñas relevantes do panorama actual ás que se lles busca dar cada vez máis visibilidade na literatura galega: a reivindicación da muller, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+. Estas xornadas serán inauguradas o vindeiro martes, día 16, e continuarán ata o día 18 coa participación de escritores como Mariña Area, Daniel Asorey, Nee Barros, Carlos Callón, Yolanda Castaño, Miriam Ferradáns, Inma López Silva, Eva Mejuto, María Xesús Nogueira, Emma Pedreira, Montse Pena Presas, Mario Regueira, María Reimóndez, Ana Romaní, Marga Tojo, Bieito Troncoco, Marga do Val e Malores Villanueva.

 

[Fonte: http://www.cultura.gal]