Co seu traballo para o libro «Sete chaves para abrir os soños» opta ao premio do certame eslovaco

A visión de David Pintor do ilustrador Tomi Ungerer.

David Pintor é un dos quince ilustradores españoles -e o único galego- seleccionado pola Bienal Internacional de Bratislava na súa edición deste ano. Pintor participa coas ilustracións do libro Sete chaves para abrir vos soños (Kalandraka), unha reivindicación da caricatura na literatura infantil e xuvenil e polas que opta ao gran premio do certame. O ilustrador explora as posibilidades expresivas da caricatura a partir de figuras como Astrid Lindgren, Roald Dahl, Gloria Fuertes e Gianni Rodari, entre outros. «Foi unha oportunidade de renderlle unha especial homenaxe a xente da que me considero eternamente agradecido como autor e como lector», explica Pintor, quen sinala a Lindgren -«un dos meus soños como ilustrador é o de poder, algún día ilustrar as aventuras de Pippi»- e Fuertes -«grazas á miña filla estou redescubríndoa como un dos cumios da literatura infantil e xuvenil española»- como exemplos do seu atractivo literario.

Esta é a sexta vez que a Bienal de Bratislava selecciona o traballo de David Pintor. En outubro as ilustracións veranse na capital eslovaca e o xurado resolverá o seu galardón. «Gañar estes premios sería unha alegría inmensa pero hai que ser realistas e saber que hai traballos boísimos en todo o mundo, e que o nivel da ilustración infantil é enorme», di Pintor. «De tódolos xeitos, as ilustracións estarán no catálogo oficial da Bienal, e iso sempre ten importancia de cara a que o teu traballo sexa visto por editoras de todo o mundo», engade.

 

[Imaxe: DAVID PINTOR – fonte: http://www.lavozdegalicia.es]