Desde a parroquia de Toldaos, en Pantón, Lucía Varela aposta por salvar do esquecemento as palabras que escoitou desde pequena. O ano pasado, coa pandemia, iniciou un proxecto de recuperación de léxico do seu municipio, que pasou de ser presencial a contar cun cuestionario en liña a través de Google. Varela parte dos seus estudos en Tradución e Interpretación, formación que lle axuda a ter outra visión da lingua.  
Lucía Varela xunto ao seu avó, un dos protagonistas do seu traballo de recuperación de palabras da zona (L.V.)

Lucía Varela xunto ao seu avó, un dos protagonistas do seu traballo de recuperación de palabras da zona.

Escrito por A. Escuredo

Como iniciou o proxecto de recuperar palabras en Pantón?

Primeiro tiña a idea de gravar xente maior falando para que non se perdera a lingua, mais comezou a pandemia do coronavirus e atrancouse todo. Nese percorrido, atopei que había persoas que eran moi reticentes a ser gravadas e decidín facer un cuestionario en Google para que me enviasen palabras. Inicieino durante a corentena o ano pasado.

Cal é a razón de facer este traballo?

Crieime na aldea e tiven unha conciencia do rural moi arraigada, mais non foi algo inculcado, posto que a xente maior sempre me dixo que fixera outra cousa. Fun ao revés e pensei que se podía facer algo, por ser a lingua na que falamos moi rica e porque o vocabulario dos nosos avós triplica o que ten hoxe en día a xente nova. Ao final empregamos case sempre as mesmas palabras para todo, mentres que eles tiñan moitos máis sinónimos e unha riqueza de vocabulario que se está perdendo. Foi a miña principal teima para comezar con isto.

Que palabras descubriu con este proxecto?

Moitas xa as usaba eu, mais decateime de que algunhas xa as deixara de empregar. Por exemplo, a palabra “paparigote”, que é unha maneira de referirse ao queixo, era unha que empregaba moito de pequena e logo non sei se por influenza das persoas coas que falaba fóiseme esquecendo, mais mandouma un amigo e lembreina. Algunhas están relacionadas cos labores do campo. Meu avó fala moito de “arrentar”, cando é tempo da poda, e significa que o que lle sobra á cepa hai que cortalo moi a rente para que non volva responder por ese lado. É unha palabra que se non estás familiarizado ou non a usas, pérdese.

Cal é o obxectivo desta recollida de palabras?   

Está aberto. Primeiro é o enriquecemento persoal e despois a súa difusión. O virus botoume un pouco para atrás, mais a miña idea era dar charlas nos colexios ou difundir a través das redes sociais. Gustaríame ter máis interacción coa xente maior e de momento non pode ser. Unha das funcións é que non se perdan, que non queden só escritas. Algunhas aparecen nalgún dicionario antigo. A idea é incorporalas ao meu léxico, ao da xente que me arrodea e á xente máis nova. Que coñezan algunhas palabras máis que as que figuran no dicionario en liña da RAG. Gustaríame que se expandira o proxecto por outras zonas para que non se perdan todas as variantes da nosa fala.

O resultado será diferente ao que atoparía unha investigación filolóxica?

Non coñezo os procedementos para investigar a etimoloxía dunha palabra mais o feito de criarme nunha aldea e de facer certos labores axuda a rastrexar.

De que maneira podemos evitar a perda de falantes que ten a nosa lingua?

Hai varias. A nivel estatal poderían fomentar o uso do galego moito máis, desde logo. Tamén a través da publicidade, como fixeron en Bueu, que fomentaban o mercado local coas súas expresións. Nas escolas non só teñen que contar coas lecturas obrigatorias de clásicos galegos, que tamén, senón transmitir a lingua con vídeos de xente da zona para que se familiaricen e para que saiban como se lle chama ás árbores, por exemplo, nesa área.

É algo semellante a como aprendemos outras linguas, fan que nos familiaricemos cos diferentes acentos dos países, por exemplo, onde se fala inglés, se estudas ese idioma. Daquela diferenciamos mais na nosa propia lingua case non se nos ensina. É importante para entender a xente da túa contorna e que non desapareza.

[Imaxe: L.V. – fonte: http://www.nosdiario.gal]