Editorial Galaxia vén de publicar a segunda edición da obra ‘Miño: existiu unha fronteira?’, de Luís M. García Mañá, cuxa primeira edición se tirou do prelo en 1993. ‘Nos Diario’ conversa co autor para valorar a vixencia do estudo, a convivencia na raia en tempos da Covid-19 e a socioloxía na fronteira galega.
O ex comisario e ex senador Luís Manuel García Mañá centra boa parte das súas obras arredor das fronteiras galegas. (Foto: Nós Diario)

O ex comisario e ex senador Luís Manuel García Mañá centra boa parte das súas obras arredor das fronteiras galegas

Por Ana Triñáns

Miño: existiu unha fronteira? Apuntamentos históricos, xurídicos e sociolóxicos, é o título deste primeiro ensaio escrito en galego por Luís Manuel García Mañá, publicado por Galaxia en 1993 e reeditado en datas recentes, nun momento no que a crise da Covid-19 provocou tamén o fechamento das fronteiras e volveu pór no centro da información os pasos fronteirizos entre a Galiza e Portugal e a constante vixencia das súas relacións económicas, sociais e culturais.

« Moitos dos meus libros xa teñen ben de anos, algún deles conserva o interese e, neste caso, dáse a circunstancia de que as relacións que houbo e hai entre unha parte e outra da raia perviven », explica García Mañá en conversa con Nós Diario ao fío da reedición deste ensaio.

« Procurei manter o contido da edición de 1993 aínda que sumei un novo limiar no que explico as melloras como as infraestruturas, por exemplo, pero a historia xuridicamente, nas dúas ribeiras, tivo unha evolución que é a que se conta, fundamentalmente, na primeira edición e que continúa agora », explica o autor.

« A fronteira practicamente non muda desde o século XII, noutras zonas, como na raia seca, houbo alteracións, como puido ser o Couto Mixto, por exemplo, mais non aconteceu neste tramo do Miño », aclara, mais a mudanza máis destacada logo da adhesión dos Estados español e portugués á Unión Europea (UE) foi a que derivou « do sentir raiano, creando un espazo común de convivencia entre xentes residentes a ambos os lados da fronteira », explica no limiar desta segunda edición da obra.

Un espazo común que deriva de que « somos unha continuidade, hai elementos xeográficos, relixiosos, culturais… que até que non entras bastante dun lado ou doutro da raia non mudan en exceso; mesmo a literatura ou o modo de ser, e de feito os lisboetas chámanlle galegos aos da antiga provincia de Miño, Tras os Montes, porque o son antropoloxicamente, como somos nós, desa Gallaecia que abranguía até máis aló de Braga », remarca García Mañá.

Unha visión ibérica para esvaer as fronteiras

Os sucesivos estados de alarma ou de emerxencia, por mor da Covid-19, ditados polos gobernos luso e español, causaron o fechamento dos pasos fronteirizos e a protesta de entidades como a  Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, denunciando as consecuencias económicas desa situación.

« Hai que ter medidas de prudencia pero non fechar as fronteiras onde non é posíbel fechalas », pois para García Mañá só « as metrópoles » madrileña e lisboeta se manteñen de costas á convivencia fronteiriza. « Os pais para casar non están con sentimos », di o ex senador lembrando os versos de João Verde.

« En 2018 tentei no Senado crear a casa da lusofonía, que faría case mil millóns de falantes entre casteláns e portugueses, que nos situarían só por detrás do chinés mandarín », conta García Mañá. « Un espazo común que económica e culturalmente nos devolvese o bo sentimento de pertenza a unha península tan brillante », recalca, pois « facemos parte dunha historia común » e por tanto, asegura, « non hai razóns para non potenciarmos o espazo ibérico ».

Fillo de raianos, con Asturies e da raia seca, as lindes recorren a súa obra

« Son ourensán, fillo de pais fronteirizos, a miña nai era de Randín, moi preto da raia con Portugal, na raia seca; e o meu pai de Taramundi, na raia con Asturies », conta Luís M. García Mañá. E o certo que a temática fronteiriza percorre a súa obra ensaística e narrativa desde que en 1988 saíra do prelo A fronteira hispano-lusa na provincia de Ourense. De seguido, Miño: existiu unha fronteira? e Couto Mixto, unha república esquecida (2015), no terreo do ensaio.

Canto á narrativa, o relato histórico e a novela negra mestúranse coas vivencias desde a Galiza, de base real ou ficcionadas, de novo na raia, en obras como Menino morreu (2003), ambientada no Couto Mixto, ou Por que as sombras non teñen ollos (2015), tamén na raia seca na II Guerra Mundial. Agora ultima unha novela centrada na fronteira do norte da Galiza.

[Fonte: http://www.nosdiario.gal]