Trátase dunha especialización do ámbito das Humanidades que se ofertará unicamente nesta institución académica da rede de universidades públicas do Estado español. Na presentación desta formación aclarouse que a Facultade de Filoloxía e Tradución ten previsto pór a disposición das e dos estudantes 50 prazas a partir do vindeiro curso.
Alumnas na universidade olívica nunha imaxe de arquivo. (Foto: UVigo)

Alumnas na universidade olívica nunha imaxe de arquivo

Universidade de Vigo (Uvigo) anunciou hoxe a inminente estrea dun novo título dentro do paquete de propostas da área das Humanidades. A partir do próximo curso a Facultade de Filoloxía e Tradución incorporará á súa oferta un grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.

Ademais de pola importancia de seguir buscando novas posibilidades de formación para a mocidade, este título destaca pola particularidade de que vai ser único no sistema universitario do Estado español.

“Filoloxía Aplicada Galega e Española designa un grao que, asentado na tradición, mira cara o provir co fin de que o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias para poder aplicalas de xeito práctico na procura de solucións aos problemas socioculturais actuais co emprego das máis modernas ferramentas da tecnoloxía dixital”, aclarou o decano da facultade, José Montero Reguera.

Sobre o decorrer desta titulación até chegar a saír á luz, comentou que houbo un proceso de traballo de dous anos e medio “complexo e difícil”, pero destacou o bo papel da comisión redactora.

No lanzamento haberá 50 prazas dispoñíbeis á espera de como evoluciona a demanda. O grao será multilingüe, con dous ciclos que se prolongarán por catro anos e un protagonismo idéntico para galego e español, e disporá de prácticas profesionais externas á institución académica.

“O novo grao conxunga, por unha banda, a tradición, a modernidade e a realidade social onde entendemos a Filoloxía como a colaboración entre varias disciplinas e subdisciplinas centradas sempre na palabra e nos seus textos, e, tamén, dunha maneira xenérica na que texto sería calquera comunicación en que se empregue a lingua, neste caso o galego e o español”, remarcou o decano.

Idiomas e modernidade

De feito, anunciou que non van quedar nese bilingüismo, posto que tamén haberá outros dous idiomas integrados. As e os estudantes poderán escoller entre alemán, francés, inglés e portugués.

“Trátase dun grao moderno, único, internacional que pode abrir moitísimas portas, vellas e tradicionais, pero tamén modernas e de futuro, que permite coñecer con profundidade as linguas propias e desenvolverse con pericia en non menos de outras dúas”, salientou.

[Imaxe: UVigo – fonte: http://www.nosdiario.ga]