Escrito por BIEITO ROMERO

Na miña casa sempre se cociñou moi ben. E cando digo a miña casa refírome á que foi dos meus avós, dos meus pais e a que comparto agora coa miña muller e fillos. Na dos meus avós lembro a vella cociña económica de ferro alimentada con leña á que moitos lle chaman bilbaína por ser fabricadas maioritariamente nos altos fornos da ría de Bilbao. Aquelas cociñas tiñan o seu aquel, había que saber prendelas adecuadamente, axustarlles o tiro para que non fumegasen nin queimasen leña de máis e saberlle dalgún que outro retoque para o seu uso correcto. O caso é que valían para case todo. Unha auténtica marabilla e interesante paso evolutivo á rústica e tamén multifuncional lareira. Lembro os xantares da aldea especialmente polo saborosos que estaban e tamén polo tempo que levaba preparalos. Cociñábase moito en tarteiras de barro e coa lentitude precisa para que o que se estaba a preparar estivese no seu punto, e así era. Manxares tradicionais tratados con mimo e sempre cos mellores produtos, que son os propios. Xa cando os meus pais viñeron vivir á Coruña, o lugar máis importante do piso era a cociña, igual que na aldea. Case que a maior parte do tempo na casa transcorría nese espazo, onde se desenvolvía todo o movemento, coma se fose unha especie de lugar central e cos xantares como motivo principal. A miña nai cociñaba moi ben e incluso o meu pai sabía darlle o punto adecuado a moitas comidas. Estou convencido de que os meus dous irmáns maiores dedicaron a súa vida ao mundo da hostalaría e á restauración por mor daqueles intensos e agarimosos momentos vividos en familia. Significativo é tamén que os seus fillos estudasen carreiras no mesmo sentido: Hostalaría e Turismo…. Na miña casa actual, a cociña é tan importante como o foi na dos meus avós e pais, e á miña muller, que cociña de luxo, tamén lle vén de tradición. Os meus tres fillos aínda que estuden cousas ben diferentes tamén son bos cociñeiros, e eu que non o son, aprovéitome desta circunstancia. Unha das poucas cousas boas que tivo o confinamento de marzo foi, precisamente, os exquisitos xantares saudables elaborados pola miña filla Mariña, que ata creou unha páxina nas redes chamada Ceo da boca. Nela mestura as súas creacións culinarias con historias e lendas tradicionais galegas.

 

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]