Alumnos posando diante das escolas « República Argentina » en Cortegada, 1936 © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega

A emigración galega a América, especialmente intensa nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do século XX, está chea de historias de sacrificios, fame, a dor de deixar a terra de orixe e a dificultade para asentarse nun novo país. Pero o proceso deixou tamén unha pegada positiva, tanto a nivel persoa como colectivo. Foi moito o que esta emigración trouxo de volta, destacando as iniciativas modernizadoras realizadas por moitos galegos retornados ou por persoas que seguiron vivindo en América pero que achegaron recursos para o avance das súas localidades de orixe. E, sobre todo, isto tivo un impacto importante no ensino, coa apertura de centos de escolas en toda Galicia.

Dende hai meses o Consello da Cultura Galega está a desenvolver en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración o proxecto web “Historias de ida e volta”, que busca contribuír á difusión de materiais do Arquivo da Emigración e tamén á visibilización do fenómeno migratorio, clave para entender a Galicia actual.

Inauguración do curso escolar na Escola da Tenencia, en Redes, 1915 © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega. Col. particular de Ernesto López Naveiras

Estas Historias de ida e volta trataron xa Os inicios do proceso migratorio: A viaxe, a Presenza de Galicia en Cuba, a chegada a un novo mundo, o traballo dos galegos e galegas en América, a Vida social e tempo de lecer da galeguidade na diáspora e a vida das mulleres galegas na emigración. Agora, vén de publicarse a sétima entrega, centrada nas iniciativas educativas da emigración galega.

O Consello da Cultura destaca que « o forte sentimento de compromiso e solidariedade das e dos emigrantes galegas coa súa terra de orixe provocou un envío constante de remesas que tiveron grande importancia para a modernización de Galicia », subliñando que un dos destinos principais destas remesas foi o eido educativo. « O ensino converteuse, así, nun vehículo rexenerador e nun resorte de transformación social », engade.

Houbo achegas individuais, máis ou menos grandes, e tamén asociacións microterritoriais (de ámbito municipal, parroquial ou aldeá) que se foron creando en América con finalidade instrutiva e que custearon a implantación, dotación e financiamento das chamadas « escolas de americanos ». A maioría destas sociedades fundaron escolas laicas, gratuítas, con programas de estudos modernos, inspirados nos países de acollida.

As modalidades de intervención escolar foron variadas: dende a construción de edificios de nova feitura (nos que se primou a funcionalidade pedagóxica e a hixiene) ou o arrendamento de locais, ata o envío de doazóns para a mellora das infraestruturas ou de materiais escolares.

Portada de Eco de Galicia da Habana co mapa de Galicia onde se crearan sociedades de instrución, 1923 © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega

Nos últimos anos o Consello da Cultura publicou o proxecto web As escolas da emigración, unha obra que afonda neste fenómeno e que ademais inclúe un mapa de consulta online que localiza unha parte importante destas « escolas de americanos », catalogando un total de 317 colexios. Ademais, deseñou a exposición Luces de alén mar, comisariada por Vicente Peña, da que se pode consultar o seu catálogo.

Agora, nesta entrega de ‘Historias de Ida e Volta‘ debulla unha vintena de elementos clave para entender o fenómeno, acompañadas de fotografías históricas dalgunha destas escolas, de biografías de personaxes importantes e tamén de documentos orixinais dalgunha destas sociedades de instrución.

Inauguración da casa-escola Enrique Labarta Pose en Pasarela (Vimianzo), 1931 © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega

Edificio escolar La Devesana, en Ortigueira © Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega

[Fonte: http://www.praza.gal]