• A iniciativa impulsada pola Xunta foi impartida pola contadora Soledad Felloza e baseouse na tradución realizada polo equipo dirixido por Valentín Arias
  • A Banda Municipal de Santiago púxolles música aos monólogos e extractos de carácter feministas extraídos da novela máis universal de Cervantes
  • O Xardín do Teatro foi o escenario de ‘As enxeñosas do Fidalgo’, representación dirixida á cativada e para a que se esgotaron todas as prazas a través de convites

A Xunta de Galicia impulsou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia unha iniciativa no marco do Día do Libro coa representación de As enxeñosas do Fidalgo, unha narración musicada para cativada da primeira tradución completa ao galego do Quixote, realizada por un equipo de lingüistas dirixido por Valentín Arias, do que formaba parte a súa filla, Xela Arias, homenaxeada coas Letras Galegas 2021.

A coñecida contadora Soledad Felloza e a Banda Municipal de Santiago de Compostela foron as encargadas de pórlle voz e música no Xardín do Teatro do Gaiás a extractos da novela máis universal de Cervantes. A narración musicada, ideada para un público familiar -que esgotou todas as prazas, dispoñibles por convite- tivo como protagonistas á pastora Marcela, Tareixa Panza, Quitería ou Claudia, que viron reforzadas os seus discursos coas interpretacións musicais en directo das partituras dos compositores Ferrer Ferrán e Roberto W. Smith, por parte da Banda de Municipal de Santiago, dirixida por Casiano Mouriño.

Tamén se puideron escoitar todas estas mulleres no galego da primeira tradución completa do Quixote, resultado dun traballo colectivo, dirixido por Valentín Arias e no que participou un equipo de lingüistas composto por el mesmo, Xela Arias, María Xesús Senín, María Xosefa S. Fernández, Xosé Antón Palacio e Xavier Senín.

Soledad Felloza

Actriz e contadora de historias, escritora e dramaturga, Soledad Felloza é unha multidisciplinar artista que traballa dende diferentes perspectivas a comunicación escénica. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica desde a súa creación no 2013, ten actuado en festivais do Uruguai, Arxentina, Chile, Bolivia, Venezuela, Cuba, Alxeria, Perú, Francia, Italia, Portugal, Polonia e Cabo Verde. Ademais de colaborar en xornais, publicacións literarias e de teatro, é autora de obras infantís como A Cociñeira do rei (OQO, 2015) Premio Europeo de Narración Oral ao Mellor conto para nenas e nenos.

É unha das máis antigas de Galicia, nada en 1848, e conta con 37 compoñentes. Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Praza da Quintana, Praza das Praterías, Alameda e outros barrios da cidade na tempada de verán.

[Fonte: http://www.cultura.gal]