Hai un apuntamento moi vehemente do gran Witold Grombowicz no seu Diario: «A min que me importa Mickiewicz? Para min vostedes son moito máis importantes que Mickiewicz. E nin eu nin ninguén vai xulgar a nación polaca por Mickiewicz ou Chopin, senón polo que pasa e se di nesta sala». O autor do xenial Ferdydurke expresaba, en brillante arroutada, un perigo certo: o facer da cultura un calendario de efemérides e homenaxes, unha cultura embalsamada, unha galería de taxidermia onde as figuras defuntas figuran como trofeos para os rituais conformistas ou consoladores da xente viva. Algo semellante ao da relixión católica co seu santoral. Esta conversión da cultura nun gran tanatorio non é soamente un perigo, é unha realidade potenciada sobre todo polos poderes e institucións que ven na cultura unha función decorativa e de envoltorio propagandístico. Mais hai outro xeito moi diferente de ver esta cuestión: a idea do rescate. No que atinxe a este número de Luzes, por que, hoxe en día, este rescate de Emilia Pardo Bazán? Pódese utilizar o centenario do seu pasamento para facer dela un vulto ilustre convertida en logo, meme ou mercadoría ao que venerar e explotar a un tempo. A idea de rescate é un activismo contra o dominio de Tánatos. Supón situar a escritora, e a súa rede vital, nunha re-existencia, estabelecer un diálogo creativo entre a lembrada e quen lembra, un «axudar a pensar», un «apoio mutuo intelectual», que atravesa os tempos e supón tentar situármonos, ela e nós, nunhas coordenadas de liberdade, polémica, crítica e memoria fértil. Iso supón tamén liberarse de prexuízos, ou ser consciente deles, dándolle a Emilia a oportunidade de explicarse, e procurar o matiz fronte aos dogmas. Por exemplo, verbo do feminismo. Non se definiu como tal, mesmo rexeitou esa identidade, pero viviu e actuou como unha muller libre. En moitos casos, situouse nunha vangarda que fai dela feminista. E foi atacada polo «histerismo masculino» de xeito tan brutal como o eran sobranceiras feministas. Unamuno dixo dela que a súa mellor calidade era o que tiña de «masculino». Para outros moitos era unha «marimacho». E Marcelino Menéndez Pelayo despachouna así: «Literata fea con perigo de volverse librepensadora». Verbo doutra polémica que a envolve ao longo dos tempos, é certo que Emilia Pardo Bazán tiña unha visión das literaturas en «lingua vernácula», tamén da galega, como creacións máis axeitadas para o folclore que para a «alta» creación literaria. Unha posición que respondía á mentalidade das elites, e non só no pasado, e que vén dicir: «Os pobos pobres teñen folclore e os ricos, cultura». Mais tamén aquí cómpre atopar o matiz: na escritora había máis empatía que desinterese. Elías Canetti dixo que quen escribe debería ser custodia de «metamorfoses». Emilia Pardo Bazán fixo esa custodia de xeito maxistral, como creadora de personaxes, mais ela tamén, como Valle-Inclán, viviu moitas «metamorfoses» propias. A súa traxectoria ten o xeito dun río con moitas curvas e fervenzas. Se apaixonante é a súa obra, tamén a súa vida. E velaí a aristócrata que foi quen de entrar na realidade social da muller traballadora nunha obra, La tribuna, única e excepcional para o seu tempo. Unha cultura como a galega demostra a súa fortaleza e universalidade cando alberga como agra aberta esa vizosa natureza literaria.

 

[Fonte: http://www.luzes.gal]