O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía « Verbas sisudas non queren testemuñas ».

Cartas de tarot

Cartas de tarot

En castelán é habitual empregar a locución verbal ser el último mono para se referir a unha persoa que é considerada insignificante dentro dun grupo ou colectivo, ou que é a menos tida en consideración ou a que menos conta dentro dese grupo.

En galego, sen prexuízo de podermos utilizar tamén a equivalente literal desa mesma locución, dispomos así mesmo doutras, como imos ver a seguir:

Ser el último mono

{= Ser a persoa menos considerada, valorada ou apreciada dentro dun grupo ou colectivo, ou ser unha persoa considerada insignificante e que non conta para ninguén.}

Ser a última carta da baralla # a derradeira carta da baralla

Ser o restroballo && Ser o último restroballo

Ser o refugallo

Ser o último mono # a última mona

Ex.: Me voy a buscar otro empleo, porque ya estoy harto de no pintar nada y de ser el último mono en la empresa.

Vou buscar outro emprego, porque xa estou cheo de non pintar nada e de ser a última/derradeira carta da baralla na empresa  de ser o (último) restroballo na empresa  de ser o refugallo na empresa  de ser o último mono na empresa  de ser a última mona na empresa.

NOTAS:

1. As secuencias expresivas ser a última/derradeira carta da barallaser o restroballo e mais ser o refugallo tamén se utilizan para se referiren a unha persoa da que se ten moi mal concepto e que sería a última á que se recorrería para pedirlle un favor ou unha axuda, ou tamén para referirse a unha persoa que se considera baixa, vil ou desprezable:

Ex.—Disque levaba máis de dez anos dándolle malleira tras malleira á muller. —Eu xa che dixen moitas veces que ese tipo non era de fiar e que era a última carta da baralla  e que era a derradeira carta da baralla  e que era o restroballo  e que era o refugallo.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

– Recolleita propia da oralidade galega.

– Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

– Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

– Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

 

[Imaxe: Pixabay – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]