O ensaio Caminos de incertidumbre (Catarata, 2020) presenta unha sólida argumentación do principio de precaución, ese que afirma que non debemos acender un lume a menos que saibamos que imos ser quen de apagalo. O seu autor, Albino Prada (O Bolo, 1955), doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, afonda nas incertezas relacionadas co uso da tecnoloxía e tratadas con anterioridade nas súas obras El despilfarro de las naciones (2017) e Crítica del hipercapitalismo digital (2019).

O prudente prevé o perigo e toma precaucións,
o inxenuo avanza ás cegas e sofre as consecuencias.

Proverbios 27:12.

Segundo o fundamento precautorio, abonda con existiren incertezas sobre que unha tecnoloxía poida serlle nociva á especie humana ou ao medio ambiente para abstérmonos de utilizala ou desenvolvela. No libro de Albino Prada, este principio vén enunciado de xeito claro en forma de metáfora: evitaremos prender algo que non sabemos se poderemos apagar. Cando non somos quen de prever as condicións baixo as que podería suceder un accidente, nin calcular a natureza e magnitude dos danos que causaría, entón non estamos ante un risco. O risco é calculábel, iso sábeno ben as compañías de seguros, pero a incerteza non, e unha mala xestión das incertezas vencelladas á intelixencia artificial, á enxeñaría xenética ou á tecnoloxía nuclear podería traer consigo consecuencias catastróficas non só para a aparentemente irrelevante morea de especies que nos arrodean, senón e sobre todo para a continuación da vida das persoas no planeta.

Fotograma de Devs, serie de ciencia ficción centrada nas consecuencias da tecnoloxía na humanidade.

O libro é unha guía para un percorrido pola historia universal dos avances tecnolóxicos máis relevantes na configuración da sociedade occidental, desde a evolución do instrumento técnico principal e xermolo de todos os demais, o cerebro, até a enxeñería xenética máis moderna. Para facermos unha viaxe tan especial non abonda un prisma homoxéneo e unilateral, antes ben cómpre esta abordaxe heteróclita que combina datos de diversos ámbitos do saber como a bioloxía, paleontoloxía, antigüidade clásica, lingüística, filosofía, economía, socioloxía, historia ou demografía, entre outros.

A fraxilidade dos soportes que gardan hoxe o «noso» coñecemento, os libros e a rede, é a orixe da desvalorización da nosa memoria. Para alén disto, globalización e capitalismo póñense novamente de acordo para privatizar ese coñecemento orixinalmente noso e mercantilizar o seu acceso

A debilitación das redes sociais humanas a causa da emerxencia da intelixencia artificial implicou a perda da intelixencia natural colectiva, e o desenvolvemento de técnicas artificiais de almacenamento e traslado de información debilitou a capacidade humana de reter e transmitir, a través dos medios naturais –ou sexa, os socioculturais e eventualmente tamén os biolóxicos–, os coñecementos necesarios e útiles para as sociedades de cada momento. A fraxilidade dos soportes que gardan hoxe o «noso» coñecemento, os libros e a rede, é a orixe da desvalorización da nosa memoria. Para alén disto, globalización e capitalismo póñense novamente de acordo para privatizar ese coñecemento orixinalmente noso e mercantilizar o seu acceso. A intencionalidade colectiva engádese á listaxe de elementos vertebradores do estudo, xa que a meirande parte das innovacións tecnolóxicas asumidas polos occidentais marcan un cambio evidente cara a unha individualidade cada vez máis inestábel. Co abandono do nomadismo a favor da vida sedentaria, as condicións de vida mudarán facendo que, comunidades primeiro e individuos despois, asumisen partes de terreo como propias e empezasen a utilizalas. Eleccións tecnolóxicas con certa idade que hoxe semellan inofensivas e sinónimas de progreso, como a agricultura ou a imprenta, disfrazan algúns dos chanzos polos que camiñou Occidente até se tornar nun modelo de sociedade «ineficaz».

Unha abella dron dun dos capítulos da serie de ciencia ficción Black Mirror.

O texto é un bo exercicio para lembrarmos a importancia de coñecer ben o pasado. Gran cantidade das ideas que viven neste libro foron enunciadas no suceder dos séculos, e o texto resulta finalmente unha mostra do imprescindíbel que é entender o que dixeron e fixeron as nosas xeracións devanceiras para sermos orixinais na elaboración doutras visións. Fronte ao afán do mundo globalizado por dirixirnos cara a camiños de vida centrados no concepto moderno de utilidade, estudar o pasado tórnase un dereito que debemos reivindicar. Malia o que poida parecer, este non é un libro de desesperanza ou apocalíptico, senón que nos dá razóns abondas para prevermos caer no abismo. Como afirma Manuel Rivas, autor do prólogo, este é un traballo de intelixencia preventiva. Para entender que toda innovación ten dúas faces non precisamos estudos recentísimos sobre os perigos que encerra a tecnoloxía. Poderiamos recuperar, como fai o autor, o xuízo de Thamus no Fedro de Platón, e de paso lembrar tamén a histórica diferenza entre erudición e coñecemento.

Descoñecemos o impacto que terá no devir evolutivo e no futuro do medio o inconsciente tsunami de modificacións xenéticas ao que se están sometendo moitos organismos. E se algún tomase un vieiro evolutivo inesperado e imposíbel de controlar?

De irmos ao libro máis importante na historia de Occidente, diriamos que se Eva tivese aplicado o principio de precaución, con certeza outro galo cantaría. O que arriscamos é bastante parello, o Edén que habitamos poderá converterse en averno se nos abstemos de tomar algunhas decisións. Para sermos máis concretos, descoñecemos o impacto que poderá ter no devir evolutivo e no futuro do medio o inconsciente tsunami de modificacións xenéticas ao que se están sometendo moitos organismos. E se un país decidise ir pola súa conta na exploración da mellora xenética? E se un ciberataque ou un fallo no funcionamento das Intelixencias Artificiais provoca un colapso nuclear? E se algún organismo tomase un vieiro evolutivo inesperado e imposíbel de controlar? O único risco que unha sociedade decente debería estar disposta a correr é ningún.

Fotograma da serie francesa Colapso, centrada nun ficticio fin do mundo, no que se inclúe o desastre nuclear.

Son, as deste ensaio, ideas fundamentais para a nosa sociedade diapandémica e pospandémica. O cambio a partir de agora, que ha ser obrigatoriamente sistémico, non será doado en canto non asumamos certas responsabilidades e non renunciemos a discorrer por sendas técnicas das que descoñecemos a saída. A ilusión de que o avance é unha acumulación progresiva de innovacións compromete a noción de falibilidade humana e isto reforza a concepción de que a retrospección é inútil e que desandar camiño, un fracaso. A obra achega un dato breve mais valioso: o feito de moitas civilizacións teren abandonado ou rexeitado certos cambios tecnolóxicos a prol de valores sociais fundamentais. Prado deixa claro que primar o desenvolvemento social fronte ao crecemento é crucial en tempos de individualismo extremo, perda de identidade e de intelixencia colectiva.

A ilusión de que o avance é unha acumulación progresiva de innovacións compromete a noción de falibilidade humana e isto reforza a concepción de que a retrospección é inútil e que desandar camiño, un fracaso

Con todo, malia estas ameazas seren reais, o problema non é só gnoseolóxico, a natureza dos perigos aos que nos enfrontamos hoxe é do máis variada: a insostíbel explotación das fontes de enerxía convencionais, a xestión do nuclear, a occidentalización do modelo alimentario, a permisión de patentes biolóxicas, a deslocalización industrial, o crecemento demográfico, o xenocidio lingüístico ou a superresistencia antibiótica son só uns poucos dos problemas que debemos arrostrar, e cuxa substancia queda examinada neste libro coa honestidade, imparcialidade e criterio necesarios nesta era da desinformación.

 

 

[Fonte: http://www.luzes.gal]