O xurado do prestixioso recoñecemento atendeu a toda a obra desta escritora africana para elixila como gañadora da XXXIII edición do galardón. É a primeira muller africana que entra no palmarés deste premio das letras en portugués.
A autora Paula Chiziane nunha imaxe de arquivo. (Foto: Otávio de Souza) #premiocamoes #paulachiziane

A autora Paula Chiziane nunha imaxe de arquivo.

O considerado un dos premios máis prestixiosos das letras en portugués -mesmo o máis importante por algúns sectores-, o Camões, vén de recoñecer a traxectoria literaria da escritora mozambicana Paulina Chiziane, que se converte así na primeira muller procedente de África en entrar no palmarés do certame após 32 anos de historia previa.

Este recoñecemento, que está patrocinado polos Gobernos do Brasil e Portugal, recaeu na XXXIII edición en Paulina Chiziane, de 66 anos, por toda a súa obra, que comezou coa publicación da novela Balada de amor ao vento en 1990, cando ela nin pensaba que iso fora unha novela.

Antes, xa fixera a súa entrada no mundo da literatura a través dunha serie de relatos que saían na prensa desde 1984.

Para explicar a súa decisión, o xurado composto polos intelectuais Jorge Alves de Lima e Raul Cesar Gouveia Fernandes (Brasil); Carlos Mendes de Souza e Ana Maria Martinho (Portugal); Tony Tcheka (Guinea-Bissau); e Teresa Manjate (Mozambique), remarcou o « recoñecemento académico e institucional » a toda a carreira de Chiziane desde o punto de vista dos libros.

No seu fallo tamén aludiu aos contidos para dar visibilidade aos « problemas das mulleres mozambicanas e africanas » e ao interese da autora pola « construción de pontes entre a literatura e outras artes ».

Esta enumeración de elementos destacados na súa obra (O alegre canto da perdizVentos da Apocalipse…) non é casualidade pois a galardoada foi a primeira escritora de Mozambique que publicou unha novela e é, segundo adiantou a revista Cenarium ao transcender a gañadora do premio, unha das narradoras africanas máis coñecidas a nivel internacional.

Ademais de facerse co prestixio polo que supón o premio Camões, a creadora de mundos literarios tamén ingresará 100.000 euros.

« Non contaba con iso. Recibín a noticia e dixen: ‘Meu Deus! Xa non contaba con estas cousas tan fermosas! Está moi ben. Este premio é o resultado de moita loita. Non foi doado comezar a publicar sendo unha muller negra », reflexionou a premiada tras ter coñecemento do resultado.

A mozambicana insistiu: « Despois de tantas pelexas, cando pensei que todo rematou, chegou este premio. Que podo dicir? É unha grande alegría ».

Da súa historia persoal sábese que nos 70 participou na Fronte de Liberación de Mozambique, que loitou contra o dominio colonial portugués para despois escoller o camiño da literatura.

[Foto: Otávio de Souza – fonte: http://www.nosdiario.gal]