Stop Eólicos Xurés exixe que se cambie un documento en inglés da central Eólica Monte da Neve.

Activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova en Laza o pasado 11 de decembro

Activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova en Laza o pasado 11 de decembro.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova rexistrou no Concello de Celanova o pasado 27 de decembro un escrito dirixido á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación advertindo do uso dun idioma non oficial na Galicia na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve entre Celanova e Verea.

A documentación é resultado do acordo do 1 de decembro de 2021 da Xefatura Territorial de Ourense, sobre as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve e liña de evacuación, situado nos concellos de Celanova e Verea.

Esta plataforma sinala que o anexo número 14 referido ás características técnicas do modelo de aeroxerador previsto, e que se incorpora como parte do Estudo de Impacto Ambiental, está en lingua inglesa.

« A lingua inglesa non é lingua oficial en Galicia, polo que se dificulta a participación pública no procedemento de alegacións« , indica a plataforma e reclama que se corrixa ese erro e se amplíe o prazo de alegacións máis alá do 25 de xaneiro para facilitar o trámite de alegacións que se sostén a participación pública neste tipo de procedementos.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova tamén recorreu á Mesa pola Normalización Lingüística. A través da ‘Liña do galego’ formalizouse a denuncia polo uso dunha lingua non oficial nun documento a exposición pública. A Mesa informou a pasada semana que xa deu curso á queixa diante da Valedora do Pobo, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

 

[Imaxe: Plataforma Xurés Celanova – fonte: http://www.galiciaconfidencial.com]