Escrito por XESÚS ALONSO MONTERO

Desde o pasamento de Manuel Seco Reymundo (Madrid, 1928-16/12/2021), a lexicografía hispánica está de loito. Foi, desde moi novo, un dos cultivadores máis sabios e rigorosos desta disciplina lingüística. Sei do seu rigor e da súa ponderación ante os feitos idiomáticos (léxicos e gramaticais) desde os nosos anos de alumnos na Facultade de Filosofía e Letras de Madrid, ambos os dous na especialidade de Filoloxía Románica, na que el se licenciou en 1952 e eu un ano despois. Xa licenciados e profesores, o un e o outro, en colexios particulares, asistiamos, con Joaquín Arce, Manuel Guerrero e outros colegas, os domingos, a un faladoiro no café Lyon (preto da porta de Alcalá) que tiña máis de filolóxico que de político.

Penso que os hispanistas do mundo enteiro recibiron con sorpresa e ledicia, en 1961, o seu Diccionario de dudas y dificultades de la lengua española, que eu, catedrático en Lugo, reseñei, coas mellores gabanzas, no periódico local. Voces había naquela primeira edición (virían, logo, once máis) que eran pequenas monografías. Pero Manuel Seco viña da Gramática, concretamente da Gramática española de Rafael Seco, seu pai, que el revisou e ampliou en 1954. Anos despois asombraría, pola súa claridade, coa súa Gramática esencial del español (1972).

Así pois, cómpre non reducir a personalidade filolóxica de Manuel Seco á súa condición de lexicógrafo, saber, certamente, no que as súas achegas son históricas, nomeadamente desde que dirixiu o Seminario de Lexicografía da RAE e desde que publicou, con dúas colegas, o Diccionario del español actual en dous volumes (1999). Lexicógrafo do castelán, eran tales os seus criterios metodolóxicos que o Instituto da Lingua Galega convidouno en 1986 a un seminario para enriquecerse co seu saber e co seu talante.

El, alimentado pola Gramática de seu pai, tiña unha formación gramatical que ninguén posuía no noso tempo, tan mísero, nas Facultades de Letras, que a gramática castelá non se impartía en ningún curso, nin sequera na especialidade de Filoloxía Románica. En 1972, Seco eríxese no mellor gramático dos nenos da guerra.

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]