O Padroado da Cultura Galega de Montevideo celebrou o Día Nacional de Galicia cunha conferencia de Carlos Zubillaga sobre a presenza galega en Uruguai e a inauguración dunha mostra bibliográfica dos seus traballos sobre este tema. O académico de honra lembrou na súa intervención a Basilio Losada, falecido o pasado 9 de xullo, xunto a quen fundou a Asociación Uruguaya de Hijos de Gallegos. O vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, participou na celebración en representación da institución.

Carlos Zubillaga profundou no seu relatorio na emigración galega a Uruguai máis temperá (s.XVIII) e abordou a integración dos galegos e a conservación da identidade étnica na terra de acollida, deténdose en como teceron redes para emprenderen iniciativas compartidas que deixaron pegada na sociedade uruguaia.

O académico de honra fixo ademais unha chamada a que as familias de orixe galega se involucren na recuperación da memoria da emigración en Uruguai, compartindo fotografías, carteis, programas e outros documentos que conserven, e puxo tamén o acento na importancia da achega galega á conformación da nación uruguaia.

 

[Fonte: academia.gal]