Xoan Carlos Gil

Escrito por BIEITO ROMERO

Nos anos 80 do pasado século XX chegou ás miñas mans a terceira edición do dicionario galego/castelán de Xosé Luís Franco Grande. Publicado pola editorial Galaxia en 1975 era, sen dúbida, referencia para quen quixera mergullarse na lingua galega. A min gustábame escudriñar entre as páxinas daquel libro que aínda gardo coma un tesouro; nel descubría palabras fascinantes que nunca sentira nin lera antes. Naquela altura comezaba a miña andaina no mundo da música e participaba en diferentes formacións de afeccionados onde gozábamos tocando, mais non había nada consolidado.

Dun daqueles encontros xurdiu a idea de crear un grupo de folk inspirándonos en proxectos galegos como Milladoiro ou Emilio Cao e noutros doutras terras como Malicorne (Francia) ou Planxty (Irlanda). Para iniciar o proxecto entendiamos que o primeiro era poñerlle nome e aí foi onde o dicionario de Franco Grande adquire protagonismo. Nel descubrín a palabra lubre, fundamental no que finalmente sería Luar na Lubre. O de luar estaba claro; a maioría dos galegos cuns mínimos coñecementos do noso idioma coñecen o seu significado, incluso máis aló do programa televisivo dos venres e posterior ao nacemento do grupo. Distinto era lubre, unha palabra presente en varios topónimos da provincia da Coruña (Ares e Bergondo) pero cun emprego desaparecido do noso idioma.

No dicionario antes citado defínese lubre como «bosque ou lugar sagrado onde os druídas celtas celebraban os seus cultos á luz da lúa». Outra cousa ben diferente é de onde sae esa definición, pero iso xa é cousa dos estudosos da toponimia e do idioma. A polémica sobre esta controvertida palabra está aí, incluso houbo algún programa da TVG que tratou isto. A Real Academia Galega non a recoñece como oficial pero si aparece no prestixioso e completo dicionario do profesor don Isaac Alonso Estraviz co mesmo significado que no de Franco Grande. Sexa como for, levo 36 anos, dende que se creou Luar na Lubre, explicando polo mundo que significa o nome do grupo e en particular a palabra lubre que un bo día descubrín naquel marabilloso dicionario do recentemente finado Xosé Luís Franco Grande. Así que, moitas grazas, mestre!

 

[Fonte: http://www.lavozdegalicia.es]