Escrito por Ramón Nicolás

De rosa antiga

Galaxia, Vigo, 156 páxinas, 15,90 €, 2022

Hai algúns días, debido a un desafortunado e lamentable incidente en que me vin involucrado indirectamente pola reutilización que se fixo dunha fotografía de Helena Villar Janeiro que aparecía neste blog, reparei que a obra da autora lucense, cando menos nos últimos anos, ocupaba un recorrente espazo nesta bitácora. Alegroume recoñecelo pois isto non é, en absoluto, mérito do reseñador senón do traballo continuado que nos vén ofrecendo Helena Villar desde hai moito tempo en diferentes eidos creativos e, madía leva, do interese que a súa obra sempre me suscitou.

Por esa razón non podía deixar de atender, aínda que sexa brevemente, un libro que estimo relevante dentro da súa produción lírica. Este De rosa antiga éo porque recolle, e isto non resulta nada usual, unha pequena mostra antolóxica dese continuado quefacer poético que se remonta a cincuenta anos atrás.

Velaquí, así pois, unha cartografía, ao meu ver equilibrada e moi representativa, que amosa as estremas da estética pola que Helena Villar transitou e transita desde o ano 1972 cando publica o seu primeiro libro titulado AlalásDe rosa antiga, así pois, exhibe a consciente adopción da lingua galega como vehículo de comunicación literaria trala súa estrea realizada na lingua en que foi alfabetizada e, ao mesmo tempo, amosa os alicerces dunha sólida traxectoria poética que adopta diversas modulacións conforme o tempo pasa. Modulacións que se estenden desde a evocación do espazo ancarés como pano de fondo para a expresión elexíaca como chanzo inicial para evolucionar cara á asunción doutros camiños e solucións expresivas que van desde o cultivo dos haikus -moi apreciados por quen isto escribe- ao verso longo para recrear, como espello do seu tempo, contidos « de carácter social desde as perspectivas feminista, ecoloxista e solidaria coa dor de todos os exilios », como ben sinala a autora nunhas páxinas limiares do volume, sen esquecer o seu traballo poético pioneiro no ámbito da poesía erótica reflectido no libro Festa do corpo (1994).

O galano que supón este libro enriquécese, ademais, coa inclusión de composicións inéditas -destaco aquí por vibrantes e conmovedores os textos en prosa que abren e pechan o volume baixo o título de « Locus amoenus » e « Migrantes »- e cunha compilación de poemas que se viron a luz en publicacións colectivas, entre os que hai tamén poemas nunca antes dados a coñecer. Nun deles, titulado « Cova de Eirós », a poeta remite á « palabra liberada ». Gústame esa imaxe para achegarse a este libro pois talvez recolla en esencia a motivación deste oportuno libro: liberar para nós a súa palabra senlleira, independente, sempre rotunda e suxestiva. Beizón.

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]